Ruta por Monterroso. Terras de Ulloa. Alto de San Cristovo

20-12-2014
Ruta por Monterroso

Si ti viras o q’eu vin /  ala riba, en Monterroso, / sete frades d’un convento / d’á cabalo d’un raposo.

Na última andaina do outono de este 2014 que está a esmorecer, fomos ata o concello de Monterroso para percorrer esta parte das Terras da Ulloa. A Ulloa está situada na provincia de Lugo, e  comprende os concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso.

  • Lonxitude da ruta: 18 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Os días primeiros de cada mes celébrase feira en Monterroso onde se oferta gando, produtos téxtiles e agrícolas. Antano eran famosas, especialmente pola concurrencia de gando cabalar e mular. A máis importante e sonada é a Feira de Santos, o primeiro de novembro, considerada desde hai séculos unha das máis importantes de Galicia. Lémbrome que de mozo acodía cos meus pais a ela dende A Coruña nun Land Rover que había na casa, para o que me tiña que erguer sobre as cinco e media da mañá, pois íamos mercar fabas, castañas, noces e queixos fundamentalmente e había que chegar cedo para tratar coas vendedoras, pois xa andaban os tratantes a competir connosco. Unha vez cheo o coche, aínda moi cedo, case de noite, almorzábamos ben e adicábamos a pasear pola feira mentres eses tratantes instalaban os postos de venda para os menos madrugadores, e os trileiros facían o seu particular agosto. Non quedabamos a xantar, cousa que facíamos polo camiño, case sempre pola zona de Betanzos… que recordos!

O itinerario parte da mesma vila de Monterroso lévanos por zonas rurais moi ben conservadas, e con moita actividade nas súas aldeas, con moitas casas habitadas, cousa que me sorprendeu. Así cruzamos polas aldeas de Sirgal ou Sambreixo; neste último fixemos o primeiro descanso e tivemos tempo de admirar o exterior da súa pequena igrexa románica de San Salvador (século XII), e o seu cruceiro. Logo, continuamos ata Arxiz, onde nos sorprenderon os coches engalanados por mor dunha voda na súa pequena igrexa. Os camiños vellos e a sua contorna teñen un encanto especial: valados de pedra, sons relaxantes, vexetación frondosa, fauna variada, cambios de luz, … vamos, que se disfruta cada momento que transcorre por eles… e, por suposto, tamén para admirar a paisaxe, facer algunhas fotografías e charlar con algún gandeiro ou veciño que cruzas polo camiño.

Continuamos entre prados e carballeiras ata que inicamos a subida ao monte de San Cristovo (826 m), cheo de antenas de telefonía e tv. O cumio do monte atópase xa no concello de Taboada. Non poidemos desfrutar das estupendas vistas sobre toda a comarca da Ulloa, pois tivemos durante toda a mañá unha néboa que non se disipou ata despois de xantar. No descenso, pasamos por dúas formacións rochosas que sobresaen na paisaxe, o Castelo de Vilameñe e o Castelo de Lamberría

Regresaremos por zonas rurais ata San Cibrao de Pol, a tres quilómetros da vila de Monterroso, onde nos recolleu o bus, evitando así rematar nunha ruta circular, que se pode facer perfectamente, supoño que pola cortedade da luz do día. En xeral os camiños son bos, aínda que é probable que haxa moita lama, dependendo da época na que se percorra.

Logo de facer os estiramentos taichí con Manchi á beira da estrada, fomos tomar a cervexa a Monterroso, e aproveitamos para mercar unha peza de pan. Eu collina do de Palas, e o Suso e Antonio, de Antas de Ulla, que mercaron nunha carnicería cun par de chourizos… Seique tamén é moi bo o xamón, pois segundo manifestou Otero Pedrayo, co gallo dunha estadía nesta vila, nun poema adicado ao xamón de Monterroso:

“Groria do porco, frol da invernía,
Sona da casa, lapa da carne
Xamón.
Densidá ilustre da cena sábia,

Graza e potenza, rosa do pote
Xamón!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio