Ruta do monte Xalo
A primeira saída de outubro ofrece unha ruta ao emblemático Petón do Xalo. Sen ser un espazo natural protexido nin ter uns valores especiais, trátase dun monte no que predomina a repoboación de piñeiros, surcados por multitude de pistas que che permiten facer diferentes percorridos, cun encanto especial.
- Lonxitude da ruta: 14 km
- Desnivel: medio (tanto de subida como de baixada)
- Dificultade: media
Anque o noso percorrido realizouse principalmente polo concello de Culleredo, o monte Xalo está situado entre os concellos de Culleredo, Carral, Cerceda e A Laracha. O monte é propiedade das comunidades veciñais das parroquias de Celas de Peiro e de Castelo, estando catalogado como monte veciñal en man común. O cumio do monte emprégase como emprazamento de antenas de radio, televisión, telefonía móbil e telecomunicacións en xeral.
Comezamos a ruta na parroquia de Santa María de Celas onde poidemos observar a súa igrexa románica e a Torre de Celas, ou de Vinseira pequena (por fóra, xa que non se pode entrar ao estar pendente dunha nova reforma). A torre data da segunda metade do século XV, coa particularidade de que está erixida nun chan nada defensivo estratexicamente e cun escaso grosor dos muros, se o comparamos con outras fortalezas. Hoxe permanece en pé case por casualidade, pois non hai moitos anos derrubouse un pazo adosado a ela, e intentouse derruir a mesma torre, acción que Patrimonio impediu no último momento.
Suso e Manolo van aclarando polo camiño o término de foliada ou xota co conto da Foliada de Celas de Peiro:
Despois de deixar a torre, a ruta discorre polo fermoso paseo do Rego das Xesteiras, un tramo polo que imos admirando o río e as súas ribeiras, os once muíños, todos dunha roda, e o propio camiño que fai a ruta… e seguimos de foliada ata o lugar de Ternande.
A intención eran acceder ao Xalo pola súa base, pero as chuvias destes días pasados aconsellou que variaramos o percorrido e o alcanzáramos pola parte superior, pero sen achegarnos ata a zona de escalada polo esbaradizo das rochas. O Xalo é un miradoiro extraordinario sobre toda a comarca, pois dende “O Petón”, podemos observar e albiscar Arteixo, A Coruña, Culleredo ou Cambre, ademais doutros lugares recoñecibles, como a central eléctrica de Sabón, a construción do novo porto exterior da Coruña, a Torre de Hércules ou mesmo o Aeroporto de Alvedro, alén de todo o val de Veiga, que está ó pé do monte.
Despois de descansar e xantar na pequena área recreativa que hai no Xalo, iniciamos o descenso ata Celas, coas nubes ameazantes enriba, pero que non descargaron en ningún momento, o que nos permitiu disfrutar dun fermoso día!
Sen dúbida é unha boa época do ano para visitar este monte e facer este roteiro!
Ver Ruta do monte Xalo nun mapa máis grande
Sen dúbida creo que foi un bo día e o tempo acompañou ¡ Tivemos sorte, sorte merecida, como digo eu sempre ¡
Como dis tí, Fran, o Xalo, aínda que non ten uns valores especiais, sí que é certo que ten algo, algo que sempre fai que o visitante volte contento á súa casa.
Estupendas fotos.
Unha aperta