Ruta de Bielle á Cabane d’Ibech

27-07-2024
Iniciando o regreso a Bielle dende a cabane d’Ibech

Nesta xornada imos ata a pequena e fermosa localidade de Bielle situada no val de Laruns. Nela poderemos observar unha boa cantidade de edificios ben rechamantes que dan mostra da importancia desta vila ao longo dos séculos. O itinerario lévanos, xa subindo, ata a próxima localidade de Bilheres onde tamén hai mostras de edificacións interesantes. Ao deixar Bilheres atrás imos entrando no impresionante bosque que nos acompañará durante todo o percorrido ata chegar á Cabane d’Ibech. É un bosque frondoso, sombrío, mixto, cunha enorme biodiversidade e riqueza natural. Ao chegar a Ibech veremos o fondo do val, formando un impresionante circo.

A ruta transcorre case todo o tempo por camiños amplos e cómodos, pero é un percorrido moi longo e con desnivel, máis acentuado no último treito antes de chegar á Cabane d’Ibech. O regreso é polo mesmo camiño

MIDE

  • Horario: 8:10 h
  • Desnivel de subida: 1050m
  • Desnivel de baixada: 1050 m
  • Distancia horizontal: 23,8 km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Continuamos coa nosa estadía no Val de Ossau e hoxe desprazámonos ata o pobo de Bielle e seguir coñecendo un pouco máis esta zona dos Pireneos Atlánticos. Logo de descender a Laruns dende Eaux-Bonnes, o bus levounos durante uns nove quilómetros polo val da conca do Gave d’Ossau ata Bielle, un pobo con fermosos edificios que dan testimonio da importancia da localidade en séculos pasados.

Bielle foi a capital histórica do val de Ossau. As casas testemuñan a riqueza dos veciños pola calidade da arquitectura e os detalles decorativos. Dinteles de portas e motivos figurativos esculpidos con esmero adornan as fachadas de moitas delas, con pequenos carteis na maioría das casas que axudan a coñecer os seus propietarios dende a súa construción.

Iniciamos a andaina un pouco antes da mairie de Bielle
A ornamentación das casas concéntrase en portas e ventás
Na base da porta, o lauburu, un símbolo que representa o sol. Hainos de 3, 4, 6 e incluso 8 brazos
Logo de subir polo Chemin de Lasserre unha cruz indica que debemos tomar o camiño da dereita

Chama a atención, por distinto, o castelo mandado construir por Jean-Joseph de Laborde, banqueiro do rei Luís XV. No fondo dun pequeno patio estreito, o edificio ten unha fachada con dous niveis rematándose cun frontón triangular calado por un óculo e dúas grandes bufardas con pilastras e frontóns destacando nun tellado de lousa.

Pouco a pouco deixamos Bielle e tomamos o Chemin de Lasserre, unha corredoira duns oitocentos metros pola que temos que ir a modo para non esvarar nas pedras molladas que a cubren. O camiño é fermoso, todo cuberto de vexetación e con bastante desnivel. Por fin chegamos a unha cruz que supoño que forma parte dun via crucis, pois tamén pasamos por algunha en Bielle. Reagrupámonos para entrar en Bilhères e decidimos facer unha pequena parada neste punto. Facemos uso dos baños públicos que hai no entorno da Mairie e da igrexa, onde tamén hai un monumento na lembranza dos caídos na Gran Guerra. Que coidado está todo!

En practicamente todas as poboacións hai monumentos aos caídos na Gran Guerra
A brétema vai estar moi presente en gran parte da andaina
Chegando ao lavadoiro de Ourdos, cun entorno moi ben coidado

Como en Bielle, as casas de Bilhères contan tamén con pequenos carteis nas portas, axudando a coñecer a estrutura da construción e as partes de que se compón. O núcleo é costaneiro e continuamos pobo arriba ata o lavadoiro de Ourdos, marabillándonos do coidadas que teñen as casas. No entorno do lavadoiro lemos un pequeno cartel que nos permite saber máis da identidade osalesa.

O día amenceu bretemoso e vainos acompañar practicamente ata que academos o último tramo da subida, cando esteamos chegando á cabana. Andados uns poucos quilómetros, unha pequena parte do grupo prefire parar e regresar a Bielle con Víctor, mentres o resto continuamos cara arriba con Rocío.

Camiñamos baixo un bosque espectacular, con moita humidade no ambiente
Pouco a pouco o terreo comeza a ser máis costaneiro
Moita da flora que nos atopamos no camiño é moi fermosa

Ata a Cabane du Bourdiou d’Aspeigt camiñamos baixo un bosque espectacular, con moita humidade no ambiente. Pouco a pouco o terreo comeza a ser máis costaneiro iniciando un zigzagueo practicamente ata chegar ao collado onde se asenta a Cabane d’Ibech. Si que tivemos moita sorte coa flora que fomos atopando a medida que imos ascendendo. Non gozamos das vistas pero detémonos aos poucos marabillándonos coa flora, pois os valados están cheos de plantas con flores.

Entre as poucas que coñezo, distingo a grasilla ou atrapamoscas (Pinguicula longifolia), unha pequena planta carnívora, que xa vira hai anos na estadía por Ordesa. Como en Ordesa, podemos vela cerca de brotes de auga pegada á rocha e cunha vistosa cor verde. As súas follas están impregnadas dunha especie de grasiña na que prenden pequenos insectos sen poderse despegar, que servirán de aporte alimenticio á grasilla. Estas están cargadas deles!

Cabana de Ibech
Entre os cumes de rochas dolomíticas, destaca a do Lauriolle
Mollando os pés no Arriu Lassurde

O percorrido transcorre por carreiro moi ben trazado e con poucas pedras polo que é en xeral un percorrido moi cómodo. Imos practicamente todo o tempo polo val do Arriu Lassurde e, cando a pendente vai aumentando e saímos do bosque, a brétema comeza a desaparecer, para entrarmos nunha zona de pasto e, finalmente, o terreo achaira bastante cando temos á vista a cabana de Ibech.

Que espazo tan fermoso! Logo desta intensa subida, decidimos facer un merecido descanso. Mentres algúns deciden poñer os pés a remollo nas frías augas do río, outros achegámonos ata a cabana buscando un pouco de sombra.

Logo de deixar a cabana, volvemos a adentrarnos no bosque bretemoso
Píntega
Grasilla ou atrapamoscas (Pinguicula longifolia)

Lera un panel chantado en Bilhères que o val de Arriu Lassurde polo que subimos, aínda que alonxado das grandes paisaxes, é interresante polo seu biótopo (fauna e flora), permitindo tamén admirar os picos por riba da cabana de Ibech cos cumes de rochas dolomíticas, en particular a do Lauriolle (1858 m) que, basta con miralo dende a sombra da cabana, para comprender que a súa ascensión está reservada para montañeiros experimentados.

Regresamos a Bilhères e volvemos a baixar polo Chemin de Lasserre cara a Bielle. Desta vez tivemos que parar e apartarnos para deixar subir polo vieiro un pequeno grupo de xinetes e amazonas que non tiñan moita paciencia e tiveron que agardar a que atoparamos un lugar seguro e poder pasar eles nos seus cabalos.

Sen dúbida, foi un acerto ter feito esta magnífica ruta de sendeirismo nunha contorna salvaxe e fermosa, lonxe das multitudes, mesmo en pleno verán. O día non podía rematar mellor que coa cea que hoxe nos prepararon a señora Vivianne e o señor Dominique unha garbure que estaba espectacular. A verdade é que gozamos moito da comida que nos deron durante a nosa estadía, e da atención que nos dispensaron. Moitísimas grazas!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio