Pico Tres Bispos. Ancares

08-11-2025
Pico Tres Bispos

A ruta sae das inmediacións da Campa de Fieiró e lévanos por unha pista cómoda ata o lugar de Cabana Vella, case todo o tempo en descenso; un pouco máis adiante comeza un continuo e prolongado ascenso ata a Golada da Vara. Aquí optamos de achegarnos á Campa de Brego e voltar á Golada, ondetomamos un sendeiro que nos achega ata a Campa de Tres Bispos. Neste punto só nos queda o tramo final de ascenso, que é con diferenza o máis incómodo e duro. Unha vez no cumio regresamos ata a última campa e tomamos a cómoda e longa pista que nos leva ao punto de saída.

A ruta é dura polo desnivel, con tramos longos de continua subida así como polo último tramo de ascenso. A paisaxe é impresionante, os bosques e as montañas rodeannos en todo o percorrido.

MIDE

  • Horario: 6:25 h.
  • Desnivel de subida: 905 m
  • Desnivel de baixada: 905 m
  • Distancia horizontal: 18 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Dificultade: Media/alta

Comezamos a camiñar…

Este ano a USC iniciou o Programa Cumios, e a nosa primeira actividade vai consistir en coroar un dos picos máis senlleiros da nosa xeografía, o Tres Bispos (1794 m), que, segundo a tradición, recibe este nome porque alí se reunían os bispos das dióceses de Lugo, León e Astorga.

Logo de pasar a aldea de Degrada, o bus deixounos xunto ao Albergue de Ancares, nas priximidades da Campa de Fieiró, un enclave mítico desta serra, antiga sede do Club Ancares e punto de partida de moitas rutas. Unha néboa cun leve orballo sementaron algunhas dúbidas en canto ás vistas que podiamos ter ao longo do percorrido, pero o estado da vexetación animounos e decidimos tirar para adiante.

A néboa ao principio non permitiu gozar da paisaxe, pero aos poucos foise disipando
O estado da vexetación permitiunos ir gozando das cores outonais
Dúas grandes pilonas que fan as veces de porta do Val do río da Vara

Comezamos a camiñar en suave pendente ascendente pola pista, ao principio asfaltada, á esquerda do cruceiro dedicado á Nai Marabillas (carmelita descalza, 1891-1974), e do cartel informativo sobre a ruta. Esta brétema impídenos ver o val que se abre ante nós en toda a súa amplitude, sen identificar, por exemplo, as Serras das Maseiras e do Pando, pero imos gozando das cores outonais que nos vai regalando o camiño.

Máis adiante atopámonos cun paso canadense e un cruzamento, tomando o camiño da dereita, pois o da esquerda vainos traer de volta ao punto de partida, onde terminaremos a ruta. Despois de cruzar entre as dúas grandes pilonas que fan as veces de porta do Val do río da Vara, o camiño descende, entre carballos, bidueiros e acivros, a ladeira sur dos Penais de Ortigoso.

En suave descenso, camiñamos uns 3,5 quilómetros por un precioso bosque, ata chegarmos ás ruínas de Cabana Vella, un antigo emprazamento dun serradoiro, fundado en 1942, que explotou estes bosques durante varias décadas. Isto deu pé a Víctor para comentarnos como a principios do século XX funcionou no municipio de Cervantes o maior teleférico de Europa dedicado ao transporte de madeira, cunha lonxitude de oito quilómetros, ao que a xente pronto bautizou como O Cable. Construído pola sociedade Explotación Maderera de Ancares, a firma, tras conseguir os permisos de curta, dedicouse á explotación da madeira a gran escala e a través do Cable saíron dos montes ancarinos cantidades inxentes de grandes carballos.

Na subida, camiñamos polo bosque de acivros, con moitos froitos polo chan
Entre a multitude de cores, destaca a amarela dos bidueiros
Na Golada da Vara xa podemos gozar das panorámicas da serra

Deixamos o lamentable estado das construcións, froito do máis absoluto abandono, e poucos metros despois comezamos un ascenso continuado durante uns dous quilómetros polo Monte da Vara. Aos poucos irémonos atopando acivros, ata que entramos de cheo nun fermoso bosque deles, un auténtico pasadizo verde, pois estamos camiñando por unha das maiores reservas de acivros dos Ancares.

Logo deste comeza continuado e prolongado ascenso chegamos á Golada da Vara. Afortunadamente a brétema xa é historia e podemos gozar, a partir de aquí, dunhas panorámicas que, unido ás cores outonais, fai que a ruta estea a ser espectacular. Elena hoxe non ven nada ben, pois mareouse na viaxe en bus, polo que decide non acompañarnos e descansar.

Achegámonos ata o Refuxio de Brego, para admirar o fermoso val
O val polo que discorre o río Brego está espectacular!
De regreso á Golada da Vara, retomamos o ascenso xa por senda

Facemos un pequeno descanso, reagrupámonos e decidimos achegarnos ata o Refuxio de Brego, nun pequeno percorrido de ida e volta, pois paga a pena descender uns metros polo camiño que baixa ao Refuxio para gozar dunha fermosa vista deste val. Aproveitamos o entorno do refuxio para facernos unha foto de grupo, pois a paisaxe está espectacular!

Xa de regreso na Golada da Vara, abandonamos os camiños e iniciamos o ascenso por unha senda baixo cerquiños. Do pouco que levo andado por esta serra, esta senda para min está a ser unha das máis bonitas que percorrín nos Ancares.

Camiñar baixo os cerquiños está a ser do máis bonito que levo andado polos Ancares
Facemos un pequeno descanso na campa de Tres Bispos gozando de boas vistas
O carreiro ascende entre piornos, breixo e brotes de carballo cerqueiro

Chegamos á campa de Tres Bispos. Facemos un descanso para comer e beber algo antes de afrontar a parte dura da ruta. Este é un lugar tranquilo situado a 1576 m de altitude desde onde xa temos boas vistas. Neste punto podemos ver o Mustallar (1935 m), o Corno Maldito, o Tres Bispos ou o Penarrubia (1822 m). Preparámonos para continuar e vemos como ao fondo de campa saen dous carreiros en dirección Sur. Polo que viñemos, á nosa dereita e collemos o da esquerda, o máis evidente.

A ruta faise máis dura a partir de aquí, cun longo tramo en ascenso por un carreiro con bastante pendente que ascende entre piornos, breixo e brotes de carballo cerqueiro, que se estende por toda a aba e que hoxe nos regalan unhas cores impresionantes. Elena continua feble e vainos agardar aquí a que baixemos do cumio. Ten moito mérito o que fixo, pois no seu estado moitos e moitas de nós non houberamos nin iniciado a ruta.

Dende a Campa das Ovellas tan só nos queda un último repeito para o cume
Pouco a pouco, imos coroando o Tres Bispos
Pagou a pena a subida e poder gozar das vistas dende este cume

A media subida, logo de continuar por un estreito carreiro, tomamos un respiro na Campa das Ovellas (1703 m), situada na cabeceira do Val do río do Ortigal. Dende a Campa das Ovellas, levando á nosa esquerda Os Penedos de Donís, tan só nos queda o último repeito que se sobe sen dificultade, se se fai pouco a pouco xa que a pendente é grande. Coméntame Xerardo que ata a cima dos Tres Bispos (1794 m) restan apenas 400 m, nos que superamos case 100 m de desnivel.

As vistas desde a cima de Tres Bispos son espectaculares. Cara ao oeste vese o camiño que acabamos de percorrer, cara ao norte e sur a Serra dos Ancares e os seus picos máis destacados e cara ao leste Castela e León, xa que estamos xusto no límite. Desde o cumio temos unha extraordinaria panorámica de todo o cordal de cumes, co val do río Ortigal en Lugo e a fermosa Veiga de los Boyes, a Lagoa das Charcas e a Cabana de Pérez en zona leonesa… dando unha idea moi precisa e idónea da xeografía e o relevo da rexión.

Regresamos polo mesmo camiño de subida
As vistas e as cores non deixan de sorprendernos
De regreso pola pista, as vistas cara atrás seguen a ser moi fermosas

Tras un descanso, gozar das vistas e facer multitude de fotos, regresamos á Campa das Ovellas baixando aos poucos polo empinado camiño, e volvendo sobre os nosos pasos, descendemos ata a Campa de Tres Bispos, onde nos agarda Elena xa moi recuperada.

Deixamos a campa e continuamos pola pista que discorre pola ladeira Sur da Corda do Teso de Fieiró. Despois de ver algún resto de torreta do Cable e de pasar polo Miradoiro de Francisco Bernis (ornitólogo, 1916-2003) e por un pío, a pista remata desembocando no camiño de ida, polo que finalmente regresamos ás inmediacións do Albergue de Ancares, onde nos agarda o bus.

Chegando ao final da ruta xa vemos as instalacións do albergue
Vistas a contraluz dende o albergue

A pesar do madrugón, a ruta foi espectacular pois camiñamos, sen dúbida, por unha das zonas de maior impacto visual deste espazo natural que son Os Ancares. A ruta é unha das máis coñecidas e realizadas neste espazo, e resulta indispensable para quen queira comezar a coñecer os Ancares e descubrir os tesouros naturais que gardan estas terras. Un acerto este Programa Cumios!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio