Montes de Corzón

15-07-2017
Montes de Corzón

Hoxe preséntasenos un día un pouco complicado para contar con detalle os acontecementos da xornada, por unha banda o breve da mesma e por outra polo apertado da axenda, pois a última ruta da tempada programada pola Fundación USC Deportiva é un día un tanto especial. Ademais de camiñar, facemos outras cousas interesantes, coroadas cun xantar de mesa e mantel. O lugar elixido desta volta é polos montes de Corzón, e por este motivo viaxamos ata o concello de Mazaricos.

Comezamos a xornada facendo unha curta parada na Picota para tomar o café previo á andaina e como o día estámolo a tomar con calma, ainda gozamos dun pouquiño de tempo para dar unha volta e mercar unha peza de pan na panadería Jurjo, riquísimo, e enredar un pouco cunha parella de vacas (supoño que de fibra de vidro), que hai no centro da capital do concello de Mazaricos, pois son o sustento destas terras, que contan cunhas granxas impresionantemente grandes.

  • Lonxitude: 8 km
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: media-baixa

Logo, o bus levounos ata o comezo da ruta, xunto á igrexa de San Cristovo de Corzón, que chama poderosamente a atención pola súa sinxeleza e a atípica distribución dos seus elementos, coa espadana separada da igrexa e nun nivel superior ao do templo, e cun fermoso cruceiro que domina as escaleiras que unen os dous elementos.

Montes de Corzón

Por este lugar pasa o camiño que leva a Fisterra e Muxía, e que visitamos no pasado mes de abril cando fixemos o percorrido entre Santa Mariña e Dumbría. Xa comezamos a ver aos camiñantes máis madrugadores, pois supoño que veñen todos dende Negreira. Comezamos a andaina polos montes da parroquia, á beira do encoro do Xallas.

A ruta, que é circular, é moi agradable, non ten maiores dificultades, agás a pequena subida ata o monte Corzón; ten unhas boas panorámicas da comarca a pesar da discreta altitude destes montes que case non chegan aos 400 metros. Desde o monte de Corzón podemos contemplar un conxunto de panorámicas moi ilustrativas desta riqueza paisaxística: De dereita a esquerda podemos divisar os l,ugares de Vilar de CorzónA Picota, capital do concello de Mazaricos, LugarnovoSanfoga.

Polo sur, pechando o horizonte temos o monte Aro, ao seu pé atópase o val regado polo río Mazaricos, no que se asenta a parroquia do mesmo nome, xunto coa de Corzón.

Cara o oeste temos, nun primeiro plano a unión dos ríos Mazaricos e Xallas, bordeado por un conxunto de masas de salgueiros, ameneiros, prados e terras de cultivo. Na lonxanía, acoutado polos Montes da Ruña, temos o val formado polo río Beba.

Montes de Corzón

Ao leste, o encoro da Fervenza, unha inmensa masa de auga que semella unha ría interior. Á súa beira atópase o complexo deportivo Naturmaz que ofrece actividades e propostas deportivas e de ocio durante todo a ano.

Montes de Corzón

A pesares de que imos con tempo, o percorrido facémolo rápido, permitíndonos admirar de novo San Cristovo e andar polo seu adro, practicamente pechado polos nichos. Tamén aproveitamos para botar unha parrafada cunha veciña de Busto mentres estende a semente de raigrass polo campo da festa para que seque, e poder sementalo máis adiante. Bueno, campo da festa, aparcadoiro cando hai enterro, eira… un espazo arreglado polos veciños e de uso comunal, segundo nos di.

Montes de Corzón

Ao rematar, o bus levounos ata Olveiroa, pois fomos xantar no mesón As Pías, moi preto de alí, poboación que adoita ser final de etapa no camiño. O menú encargado é o seguinte: Ensalada da casa (boqueróns, tomates, aceitunas, croquetas e chipiróns). Ameixas. Robaliza con guarnición de ensalada. Táboa de carnes (chuletón, segredo e solombo). E de postre, flan caseiro. Todo acompañado con viños tinto mencía, branco godello e refrescos… e cafés. Todo estivo estupendo, pero quédome coa ensalada e co postre.

Montes de Corzón

Xa pola tarde, tivemos tempo de achegarnos ata O Ézaro (un curto desprazamento en bus dende Olveiroa), para dar un paseo e achegarnos ata a fervenza do Xallas e baixar a comida. Houbo quen aproveitou para darse un baño e gozar da praia, pois o día non podía sair mellor.

Sen dúbida unha xornada fermosa para desexarvos que pasedes un bó verán. A min píntame moi ben pois vai ser a segunda vez que vou facer a actividade especial de xullo organizada polo Servizo de Deportes da USC e vou ir nada menos que aos Pirineos franceses! Desta vez son eu o que vai dar envexa! ;-), pero insisto nos bós desexos e agardo vérmonos en setembro para continuar coñecendo o País con todos vós.

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Montes de Corzón”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio