Monte Graiade dende Tarrío. Porto do Son

14-09-2024
Ademáis da aldea e Baroña, temos á vista o Monte Louro e o Cabo Fisterra
Ademáis da aldea e Baroña, temos á vista o Monte Louro e o Cabo Fisterra

A USC comeza un novo curso académico e o seu grupo de sendeirismo tamén o inicia cunha ruta polo concello de Porto do Son. Na parroquia de Queiruga deste concello imos facer un percorrido rodeando o monte Graiade dende o lugar de Tarrío. É un percorrido circular que nos leva por diferentes zonas deste monte da península do Barbanza. A ruta agocha un montón de lugares moi interesantes, como os característicos outeiros e formacións graníticas que veremos na primeira parte do percorrido, as vistas e a paisaxe, a fervenza de Ribasieira, ou lugares como Xufre e Bustiguillade que teñen numerosas mostras de patrimonio e pequenos bosques autóctonos ao seu carón. 

Os camiños en xeral son moi bos e cómodos, pero hai algún tramo no que temos que andar con máis coidado. En total a ruta suma un desnivel a ter en conta, pero predominan as pendentes levadías, sobre todo nos tramos de subida.

MIDE

  • Horario: 5:50 h.
  • Desnivel de subida: 690 m
  • Desnivel de baixada: 690 m
  • Distancia horizontal: 17,5 Km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media/baixa

Comezamos a camiñar…

Había tempo que non nos desprazabamos ata Porto do Son, que ten cantidade de rutas deseñadas, fundamentalmente pola costa pero tamén polo seu interior. Logo de tomar un café coa familia que vive na mesma vila do Son, o bus levounos ata a parroquia de Queiruga para facer un percorrido rodeando o monte Graiade dende o lugar de Tarrío.

Non hai moito espazo para que poida aparcar o bus, polo que nos deixou na parada máis próxima ao inicio da ruta. Camiñamos un pouco pola beira da estrada e pronto nos desviamos á dereita e iniciarmos a subida polo interior da aldea. Fíxome como bastantes casas e alboios de Tarrío aínda conservan nas súas fachadas lacenas das abellas.

En moitos muros das casas atopamos lacenas das abellas
Primeiras vistas sobre a costa dende o alto de Tarrío
Pequeno promontorio onde se asenta o castro de Baroña

Superadas as últimas casas, xa na parte alta do lugar, temos as primeiras vistas sobre a costa que van ser constantes nesta primeira parte do percorrido. Ademáis de ver gran parte da aldea, temos á vista o Monte Louro e, máis ao fondo, o Cabo Fisterra.

A partir de aquí, a subida vai ser persistente, cómoda pois imos sempre por pistas forestais e, nestes primeiros quilómetros, baixo a sombra de piñeiros e eucaliptos fundamentalmente, que de cando en vez nos permiten gozar das vistas sobre a costa, nomeadamente sobre o pequeno promontorio onde se asenta o castro de Baroña. De momento non é moita cousa, pero a medida que imos subindo e imos deixando atrás as árbores, as vistas son de dez. Non paro de mirar para atrás.

Dende o alto gozamos da panorámica da entrada da ría de Muros e Noia
Temos á nosa dereita o monte Enxa
E distinguimos Ancoradoiro, o Faro de Lariño e o cabo de Fisterra

Xa sen impedimentos visuais, parámonos varias veces no camiño cunhas vistas marabillosas para gozar da panorámica cara á ría de Muros e Noia. Porto Nadelas, a praia de Queiruga, o castro de Baroña por esta banda da ría e a praia de San Francisco e Monte Louro en fronte; tamén distinguimos Ancoradoiro, o Faro de Lariño e ao fondo a vila de Fisterra e o seu cabo. Unha marabilla de paisaxe! O día solleiro e gozar tamén da temperatura que estamos a ter, tamén axuda.

Tamén temos á vista o monte Enxa, onde se asentan as instalacións do Centro Zonal de Coordinación do Tráfico Marítimo de Fisterra, que visitamos guiados polo seu subdirector aló polo 2011. Destacan no monte as formacións graníticas que, nalgún caso fan voar a nosa imaxinación coas súas formas. Xa na parte alta do Graiade comezamos a circunvalar o cumio sen desnivel e pouco a pouco imos virando cara ao sur e atopándonos con outras vistas tamén fantásticas. O Monte Tahume destaca sobre outros outeiros que chegan ata Corrubedo, pero o que máis chama a atención é poder distinguir as illas de Ons e as Cíes e, por detrás delas, a silueta dos montes da Groba e Cabo Silleiro.

Formacións graníticas na primeira parte do percorrido
Illas de Ons e Cíes e, por detrás delas, os montes da Groba e Cabo Silleiro
No percorrido polo monte vemos cabalos que viven en liberdade

A paisaxe do concello tamén cambia. Mentres viamos a costa moi poboada por toda a parroquia de Queiruga, no interior distinguimos a Curota e a serra chea de parques eólicos e, nas súas abas, pequenas aldeas espalladas polo monte, como Bustoseco ou Inxerto, ou a de Xufre, que cruzamos camiño dun dos elementos de interese desta ruta, a fervenza de Ribasieira.

Fervenza de Ribasieira

Tamén coñecida como fervenza da Madanela, a fervenza de Ribasieira é un salto de auga do río Sieira duns 20 m de altura, sendo un dos máis altos da Serra do Barbanza. Unha vez superada a igrexa e cemiterio de San Pedro Fins de Ribasieira, un cartel e un panel informativo, indícanos o camiño a seguir. Primeiramente desprazámonos ata a parte alta da mesma, e logo dun breve tempo, baixamos ata a súa base, dende onde podemos apreciar perfectamente a caída da auga. A pesar de non caer moita, é espectacular.

Aldea de Xufre nas abas do monte Graiade
Fervenza de Ribasieira nun entorno espectacular
A pesar de non caer moita auga, é unha marabilla

O lugar é tan fermoso e estáse tan ben que decidimos parar a xantar nesta paraxe. Eu tiven a sorte de quedar xusto diante da fervenza, polo que gocei moito coas vistas! Unha vez alimentados e tras unha chea de fotos, proseguimos.

Descendemos polo camiño e tócanos volver ao asfalto durante uns centos de metros en pequena subida. O desvío que tomamos para abandonar a estrada lévanos por un camiño fermoso, ao carón dun pequeno bosque autóctono. A subida agora é moito máis pronunciada.

Hórreos na aldea de Bustiguillade
Camiñamos entre piñeiros alfombrados de setembrina
Pronto recuperamos de novo as vistas da ría de Muros e Noia

Bustiguillade será o último núcleo polo que pasemos antes de chegar ao máis alto do percorrido. Nesta aldea, o Víctor sáese do camiño evitando pasar por diante dun alpendre. Dende a distancia, coméntanos que cando veu preparar a ruta, foi “atacado” por un grupo de abellas que se gorecen nunha lacena feita no muro do alpendre que nos ensina, e prefire evitar males maiores con nós e non se nos boten enriba.

Continuamos subindo entre piñeiros alfombrados de setembrina (calluna vulgaris), que nos chama a atención pola intensidade das súas cores. Imos camiño da pista que conduce ao cumio do Graiade, feita para chegar aos aeroxeneradores, á que chegamos e pola que avanzamos uns cen mentros ata que nos desviamos á dereita.

Aínda se conserva algún palleiro por Queiruga
Hórreo e cruceiro de capela da Belicosa
Todas as aldeas teñen a súa fonte e lavadoiro

No desvío, hai que superar unha cancela que impide o paso do gando, sobre todo cabalos que viven en liberdade nestes montes, e continuamos camiño pola aba do Graiade descendendo pouco a pouco primeiramente e con desniveis cada vez máis importantes a medida que nos imos achegando aos núcleos de poboación da parroquia de Queiruga, como Manufe, A Devesa, co seu fermoso cruceiro de capela da Belicosa, Queiruga, Tarela e, de novo, Tarrío, onde imos chegando e xuntando aos poucos.

Ao rematar a actividade, desprazámonos de novo ata o Son, onde houbo xente do grupo se que achegou ata a praia da vila e animouse a dar un baño. Catro ou cinco valentes pois coido que a auga estaba ben fría, segundo me comentaron. Eu decidín achegarme ata unha das terrazas que hai na fachada marítima e departir conversa sobre a andaina. Na conversa coincidimos no sorprendente da ruta agochando un montón de lugares moi interesantes, as vistas, os outeiros, a fervenza e moi doada de camiñar. Moi bo comezo de tempada!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio