Malo será!!!

08-04-2020
Malo será
Ascenso ao Cornón – Laciana. León, outubro 2016

Non teño máis que boas palabras con respecto ás/os colaboradores destes días, pero a de hoxe emocionoume. Marga está sempre pendente de todo e de todos, é dunha xenerosidade inmensa, e o que se agradece nun grupo ter unha persoa con tanta vitalidade!

Moitísimas grazas Marga por estas letras tan sentidas que nos regalas, que nos dan moito ánimo para pasar o confinamento que estamos a padecer cun halo de esperanza.

Hai uns meses alguén me comentaba que esta expresión tan nosa de malo será!, corta e precisa, tiña moi difícil tradución noutras linguas. E desde aquela deume por pensar nisto e, despois de darlle voltas, a miña pregunta é se expresamos desexo, dúbida, inseguridade, desconfianza, probabilidade ou todo o contrario, estamos convencidos de que todo vai acontecer como pretendemos… porque malo será, ho!

Malo será
Livraria Bertrand – Chiado. Lisboa, setembro 2018

E eu que o digo moito non o teño nada claro e isto fíxome recordar a miña nai, que era unha persoa moi decidida, moi botada para adiante, algo intrépida por veces, sempre preocupada por axudar a calquera e sobre todo por protexernos, para que nada nos faltara dentro das súas posibilidades e que creo firmemente que alá desde onde estea continúa a facelo, mirar polos seus. Ao que ía, miña nai dicía moito isto de malo será, porque ela era a que, na casa, animaba, empuxaba, a que daba azos para tirar cara adiante para conseguir o que fora en cada momento sempre desde a precaución de que nada había seguro, de que todo se podía ir abaixo, así que había que traballar arreo pois non quedaba outra.

Agora, que pertenzo ás clases pasivas deste país, considero que procurei seguir sempre aquela máxima de traballar e traballar para mellorar, e así tratei de transmitilo na casa e tamén no traballo ao alumnado a pesares dos moitos problemas e dúbidas que a miúdo xurdían por mil motivos de índole persoal ou colectivo, porque malo será, ho!

Malo será
Serra da Queixa. Chandrexa de Queixa, maio 2018

E con ese ánimo estou encantada de pertencer ao noso grupo de camiñantes pois a miña experiencia é que aínda que comece a andaina do día con desánimo e con preocupacións na cabeza, todo se vai ir disipando e desaparecendo ata acabar a xornada cansada pero contenta e relaxada… e moi satisfeita naquelas ocasións en que o medo me paraliza porque o terreo me produce moita vertixe e consigo superalo grazas a todos os que me prestades calquera tipo de axuda, a man, a tranquilidade coas vosas palabras, así que MALO SERÁ, HO!!

E nestes complicados días que estamos a vivir nos que nos asaltan moitas dúbidas e moita inseguridade sobre o presente e o futuro, dicir MALO SERÁ, HO!!, debe ser sinónimo de esperanza e de que todo ten que saír ben, así que veña, arriba ese ánimo porque máis cedo que tarde volveremos camiñar eses sendeiros de gloria, en chan ou para abaixo e para arriba, sempre guiados por Victor e Rocío, aos que envío unha cariñosa aperta desde aquí… e a todos, claro, porque MALO SERÁ, HO!!!

Malo será
La Brañina – Laciana. León, novembro 2016

5 comentarios sobre “Malo será!!!”

  1. Marga ¡ Bonito artigo ¡ Encántame ¡ Creo que esa expresión é perfecta para os tempos que corren ¡
    Moitas grazas por compartilo con nós.

    Por certo Fran, a última foto é cousa túa? Non tiñas xeito de retocar esa forma esferoide que aparece por enriba do cinto da mochila?

    1. ?‍♂️Xa sabes que retoco moi pouco, ou nada, as fotos. Igual era que levabas moi apretada a mochila, e por algún lado ten que sair, pero seguramente é consecuencia do almorzo no albergue Giner de los Ríos que nos metemos entre peito e espalda antes de iniciar a ruta… ?
      Forte aperta meu!

    2. Grazas Víctor, a ver se volvemos aos caminos ho, malo será!! Biquiños??

      Nunca tal pensei que te preocuparas por se aparecen ou non formas esferoides… ?? en sabe Deus que testemuños …!!

  2. Que necesarias as túas palabras nestes días, Marga… Que sería de nós sen poder dicir “malo será, ho”!!
    Moitas grazas polo teu cariño… e pola túa paciencia cando te dicimos que si que podes facer esa ruta! 😉

    1. Unha aperta enorme Rocio!!! Grazas a vós sempre… a ver como e cando saímos desta, moito ánimo porque malo será, ho!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio