
Datos técnicos
- Track GPS da ruta de Oia á Guarda
- Track GPS da ruta de Oia á Guarda (Comprimido)
- Mapa da ruta de Oia á Guarda
- MIDE da ruta de Oia á Guarda
- Lonxitude: 18 km
- Desnivel: medio-alto (sobre todo de baixada)
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
Despois de deixarnos o bus no mesmo Alto do Castro no concello de Oia, o que nos permitiu ir admirando na subida toda esta costa e, sobre todo, o porto de Oia e o Mosteiro de Santa María, no que xa estivéramos nunha anterior ocasión cando comezáramos alí a ruta ata Baiona pola serra da Groba.
Anunciábanse fortes chuvias para todo o día pero, afortunadamente, non chegamos a abrir os paraugas en todo o camiño… pero o que sí nos afectou foi a borraxeira que se instalou na serra, o que non nos permitiu admirar as paisaxes costeiras dende as distintas atalaias que hai ao longo do percorrido; unha mágoa pois este é o gran atractivo desta ruta, as vistas desta costa dende unha altura considerable.
Este inconveniente xa o experimentamos ao achegarnos ata o castro de Chavella, nada mais comezar o percorrido. A uns 477 m de altitude, o castro está pechado por unha gran muralla cara ao leste, o punto máis vulnerable, pois os outros lados están máis protexidos polas pendentes naturais, ata onde nos achegamos, e dende onde deberíamos ter unhas vistas de excepción sobre o porto de Oia e o Mosteiro, pero o día non estaba para poder admirar toda esta paisaxe costeira.
Este castro tamén é coñecido como o Castelo. Hai referencias medievais nas que o Castro de Chavella puido ser reempregado como torre ou faro para seguir controlando o territorio. Tal feito estaría totalmente xustificado pola existencia do mosteiro e polo claro dominio visual que o castro ten sobre el, pois a torre serían os ollos do mosteiro sobre o mar.
Continuamos camiño seguindo o cordal montañoso que, en paralelo á liña de costa, vai todo o tempo entre os 400 e 500 m de altitude. Pasamos polo Campo dos Corvos, presidido pola súa poza que serve de abrevadeiro para vacas e cabalos que andan ceibos por estes montes. As vistas deberían ser fermosas e espectaculares, pero a persistente borraxeira impídenolo comprobar. Aquí teño unha pequena conversa con Víctor e Elena, pois o lugar resúltame familiar; coido que cando fixemos a ruta dos muíños do Folón e do Picón e nos achegamos ata a costa, viñemos por este lugar camiño do val do Rosal; anque a eles non lles parece que pasáramos por aquí, coido que así o fixemos despois de repasar a fotos que teño daquela andaina. Un pouco máis adiante, unha tregua no tempo permítenos admirar a costa á altura de San Xián.
A primavera faise notar e camiñamos alternando as zonas de piñeiros coas de monte baixo onde vemos as xestas ou carqueixas no seu máximo esplendor. Ao longo do percorrido, sobre todo polo campo do Torroso, vexo varios piñeirais talados, nos que só quedou en pé algún que outro carballo; semella que aquí a comunidade de montes traballa e quere repoboar estes terreos con esta especie.
Pouco a pouco imos descendendo en altitude, pero unha última dificultade se nos presenta antes de iniciar o descenso cara á Guarda. É a subida ata o Alto do Torroso (369 m). Ao irmos a menos altitude que durante a primeira metade da ruta a néboa permítenos ir adiviñando primeiro e, xa no alto, admirar na súa plenitude a paisaxe que se abre ante nós: á esquerda o amplo esteiro do Miño, o fértil val do Rosal e as terras de Portugal, e de fronte, cara ao sur, a vila da Guarda protexida polo monte de Santa Tegra, e toda a liña de costa polo oeste. Pagou a pena padecer todas as limitacións visuais que tivemos ao longo da xornada, por este regalo!
Con poucos produtos hai tanta unanimidade entre os escritores como coa lagosta. Julio Camba, Álvaro Cunqueiro ou Néstor Luján alababan este crustáceo, cunha carne preta e consistente que contrasta coa sutileza do seu sabor, lixeramente doce, e non quero nin pensar como estará esa receita de Picadillo, que elabora a lagosta con chocolate, aderezada con cebolas, allos, pirixel, viño de Xerez, sal, pemento e noz moscada… sen medidas, como adoitaba escribilas, ao criterio da cociñeira ou cociñeiro. Alguén se anima a preparala? Aquí un voluntario para probala!
A fachada marítima forma parte do núcleo histórico e é unha das estampas máis características da vila. Xérase coa tipoloxía das construcións de arquitectura mariñeira entre medianeiras, típica das rías baixas. Esta fachada está englobada no barrio da mariña e as súas edificacións máis antigas están situadas entre o paseo marítimo e a rúa Malteses. Polo seu colorido e variedade de formas é unha das paisaxes mais fotografadas e que mellor identifican a vila da Guarda.

Galería

Nalgunhas das “instantáneas” semella que vai sair a Santa Compaña, moita bruma….
Apúntome á comida da langosta!!!!
Grazas Mariví!
Pero a pesares da néboa, pagou moito a pena… e é unha excusa estupenda para voltar noutra ocasión con mellor tempo… e probar a famosa lagosta, anque sexa á prancha!
Bicos
Fran, qué sorte tivemos! Algunha previsión daba para esa zona 36 litros por metro cadrado….
E, o máis importante. Canta razón levas…. na ruta do Folón e do Picón pasamos por algún dos tramos. Fixen a comprobación comparando os tracks… Canto tozudo hai por ahí! E bendita memoria a túa. Coido que non era fácil indentificar esas paisaxes sumidos na néboa…
Noraboa unha vez máis polo documento (gráfico e escrito)
Grazas Víctor!
O da chuvia foi incrible, e máis cando lle comentaron a Xerardo que en Ponteareas estaba arrollando!
A min pareceume que xa pasara por aquela poza, e ao chegar a casa botei man das fotos de aquela andaina e atopei algunha que fixen cando pasamos por ela (o tempo que padecemos non se diferenciou moito nos dous días), e tamén me lembro do comentario que fixeras un pouco antes de chegar á poza de que deberíamos ter unhas vistas espectaculares… por certo, algunhas fotros desta andaina dos muíños están aloxadas na Galería de imaxes da FUSCD (https://goo.gl/rfbY6I).
Forte aperta!