Courel. Ruta de Valdomir a Vilamor

23-11-2013
De Valdomir ata Vilamor

Fin de semana no Courel! Desprazámonos a unha das xoias do noso patrimonio natural: A Serra do Courel.

Terra do Courel, aspra e forte, de inxente beleza… Terra brava de lobos e águias; terra outa de fragas e devesas… Á lus do candil, 1953. Anxel Fole.

Aloxámonos no albergue de Folgoso do Courel, que dispón de habitacións para 13 e 14 persoas. A cea e o almorzo déronolo no restaurante Mirador, tamén en Folgoso, que ademais é pensión.

As dúas rutas que fixemos teñen un alto valor natural, paisaxístico e cultural.

Sábado 23: ruta de Valdomir a Vilamor
  • Lonxitude da ruta: 14  km aprox.
  • Desnivel: medio (tanto de subida coma de baixada)
  • Dificultade: media

Comeza o itinerario á beira do río Lor, en Valdomir e, logo dunha curta subida chegamos ao lugariño de A Campa. Dende aquí un fermoso camiño a media ladeira lévanos, sempre seguindo o curso do Lor e cunhas vistas estupendas, en dirección sur ata Vilar, onde pudemos disfrutar do seu imponente souto, as súas paisaxes, o seu pequeno pero interesantísimo museo etnográfico, a Casa do Ferreiro, cunha singular mostra de Trebellos e Aparellos típicos da zona (na entrada hai un cartel indicando “deixar un euro por persoa adulta para mantemento”).

O lugar de Vilar é un exemplo representativo da aldea caurelana. Dúcias de vivendas da localidade son de lousa e están tan pegadas unhas a outras, que incluso comparten o tellado. Pódese ver entradas sinxelas ou con patín e vellos sobrados de madeira. A gran maioría destas casas está en mal estado, pero aínda así paga a pena parar un pouco e ver a aldea e as súas rúas estreitas de chans pedregosos. Ten un encanto particular, anque amosa que a vida aquí, como en toda a Serra é dura, pois no inverno non viven máis de dez persoas.

Cruzando a aldea, a 500 m, e seguindo un pequeno sendeiro, achegámonos á capela de San Roque, e ó Castro de Vilar estratexicamente enclavado, onde destacan as murallas defensivas. No castro aproveitamos para repoñer forzas o que nos permitiu observar coa calma suficiente este xacemento, pois está situado enriba dun esporón, nun meandro que fai o río Lor. É un dos castros máis grandes de todo o Courel e pertence á serie de castros altos que defenden o camiño da marxe esquerda do río.

Continuamos camiño e compre ir baixando ata o río, que o facemos polo piñeiral de Abraído, monte comunal repoboado en 1998 con piñeiro do país, para acadar a outra beira cruzando a ponte do Bao, e así poder chegar a outra emblemática aldea da zona, Froxán. Durante este treito pudemos observar especies vexetais máis típicas de zonas mediterráneas, como sobreiras e érvedos. En Froxán tamén pudemos disfrutar da súa arquitectura, xa que moitas das pequenas casas da aldea foron restauradas con moi bo criterio.

Dende Froxán temos que ir monte arriba, ata chegar a Vilamor, onde rematamos a camiñada. Neste tramo podemos gozar, unha vez máis, de fermosas vistas da conca do Lor e, na ladeira oposta, do castro e do souto de Vilar. Xa en Vilamor, podemos contemplar unha vez máis a arquitectura popular e a igrexa parroqial de San Vicenzo que é, sen dúbida ningunha, unha das máis fermosas do Courel.

A ruta podemos catalogala perfectamente como circular, pois a distancia entre Vilamor e a ponte de Valdomir, onde iniciamos a andaina, é só de 6 km. que se poden engadir perfectamente. Tamén destacar que fixemos gran parte do tramo da ruta sinalizada Vilamor-Vilar-Froxán.

Só restou chegar ao albergue, facer a cama, ducha, cea e conversa reparadoras (anque o licor café era manifestamente mellorable).


Ver Ruta de Valdomir a Vilamor nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

5 comentarios sobre “Courel. Ruta de Valdomir a Vilamor”

      1. A mel e canela…diría eu, pero sen desmerecer o ritmo sabrosón co que se encargou Xosé de ambientar as paisaxes 🙂

  1. Manuel Figueira Lorenzo

    A verdade e que e un reportaxe maravilloso, cunhas fotos incribles, tivéchedes uns dias magníficos y unhas rutas preciosas¡¡¡

  2. Unha fermosura de cores, qué beleza!!!. É dificil escoller unha fotografía sobre as outras. Parabéns por facernos disfrutar deste fermoso traxecto aos que non podemos facelo na realidade. ¡Moitas grazas!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio