Combarro. Bosque de Sequoias. Mosteiro de Poio

10-01-2026
Combarro dende O Padrón
Combarro dende O Padrón

Comeza o percorrido en Combarro, unha das vilas máis pintorescas de Galicia. A ruta lévanos monte arriba, durante un tramo á beira do río Pereiro, onde podemos ver algunha pequena e bonita fervenza e restos dalgún muíño. Logo o camiño segue subindo, entre zonas de eucaliptos, ata acadar a zona de Monte do Castro onde podemos ver o bosque de sequoias, único en Galicia e formado por uns 500 exemplares. Moi preto de aí temos un estupendo miradoiro que nos permite gozar das vistas sobre a ría de Pontevedra. Aquí comezamos o descenso, tamén con moi boas vistas sobre a ría, ata chegar ao mosteiro de Poio. Unha vez aquí seguimos pola beira do río Cancela, onde veremos o bonito conxunto de muíños da Freixa.

Os camiños son bos en xeral, aínda que nos tramos de río, hai puntos esvaradíos nos que hai que ter coidado. Tamén hai tramos de asfalto.

MIDE

  • Horario: 4:20 h.
  • Desnivel de subida: 518 m
  • Desnivel de baixada: 518 m
  • Distancia horizontal: 13,1 Km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Logo de tomar un café no mesmo Combarro, o bus levounos ata a explanada que hai no porto pesqueiro e deportivo, dende onde iniciamos un paseo que nos leva a rentes das augas da ría polo centro histórico da vila, vendo varios hórreos, cruceiros, tendas de recordos, bares e restaurantes a esgalla. Chegamos á praza da Fonte e descendemos pola rúa do mesmo nome para abandonar o núcleo histórico pola praia do Padrón, tendo unhas fermosas vistas de Combarro e dos seus famosos hórreos na mesma beira do mar.

Os hórreos constitúen o elemento máis icónico de Combarro
A maioría das casas mariñeiras son pequenas, encostadas e orientadas ao mar
Os cruceiros van estar presentes en gran parte do camiño, como este no Pereiro

Temos asfalto dende que saímos de Combarro ata o Pereiro: deixamos a beira do mar e imos estrada arriba ata que chegamos a unha antiga fonte e cruceiro do Pereiro, que deixamos á nosa esquerda, abandonando a estrada. Un pouco máis abaixo, logo de pasar un lavadoiro, damos co primeiro grupo de muíños e aproximámonos ao rego do Pereiro, que nace no alto do monte Castrove e baixa cara ao mar deixando ao seu paso varias caídas de distintos tamaños, destacando a Fervenza Peregrina, nunha paisaxe dominada polo eucalipto ou a acacia, que amosan as súas raíces que nos serven de chanzos en boa parte da subida.

Pouco a pouco imos deixando as plantacións de eucalipto que rematan cando afrontamos unha subida bastante empinada por un pedregoso cortalumes que nos tomamos con calma.

Restos de muíños poboan as beiras dos ríos e regueiros ao longo do percorrido
A Fervenza Peregrina, nunha paisaxe dominada polo eucalipto ou a acacia
Subida bastante empinada por un pedregoso cortalumes

Logo de camiñar un pouco por estrada, entramos de cheo no Bosque de Colón, onde camiñamos entre as sequoias que medran neste monte desde hai máis de 30 anos e que foron plantadas con motivo do 500 aniversario da chegada de Cristóbal Colón a América, segundo se di no panel explicativo, cando o goberno de Estados Unidos agasallou con 500 sequoias vermellas a España como símbolo de irmandade entre ambos os dous países e que foron plantadas por mozos estadounidenses e veciños de Poio.

As sequoias adaptáronse perfectamente ao clima húmido de Galicia; choivas frecuentes, temperaturas suaves e solos profundos. Tres décadas despois, o resultado é un enclave que hoxe ninguén se atrevería a reproducir, pero que existe e funciona como un pequeno milagre botánico.

No Castrove plantáronse 500 sequoias vermellas, superando moitas os 30 metros
Aproveitamos a área recreativa de Castro para xantar e descansar
Dende a casa forestal hai unhas vistas da ría bastante limitadas pola vexetación

Penetrar neste bosque de dúas hectáreas é toda unha experiencia. As sequoias vermellas son a especie arbórea máis alta do planeta e no seu hábitat natural, en California, chegando a superar os 150 metros. En Poio non alcanzan esas cifras, pero moitas xa rebasan os 30 metros, dato que che fai velo como algo completamente excepcional. Non estás a admirar “un bosque bonito”, senón camiñando entre representantes dunha especie marca mundial. E nótase.

Nalgún comentario lin que o de Poio era o único ou, tamén, o máis grande, que hai na península, sendo erróneas as dúas afirmacións, pois hai outro bosque en Cantabria que se remonta á década de 1940, perto de Cabezón de la Sal, que o supera. Do que non hai dúbida é que os dous son unha fermosura.

Na baixada gozamos por momentos de mellores vistas cara á ría de Pontevedra
A tala de eucaliptos nalgún punto facilitou a panorámica cara a ría
Pronto temos á vista o mosteiro, dominando o val densamente poboado onde se asenta

Deixamos o bosque de sequoias e desprazámonos ata a abandonada casa forestal deste Monte do Castro ou Castrove coa intención de gozar de fermosas vistas cara a ría de Pontevedra coa Illa de Tambo no medio, e volvemos un pouco sobre os nosos pasos, pois decidimos aproveitar a área recreativa de Castro para xantar e descansar, dotada con mesas e bancos de pedra nunha estupenda zona de arboredo.

O que resta de ruta será en descenso polo Monte do Castro ou Castrove gozando por momentos de mellores vistas cara á ría de Pontevedra que dende a casa forestal, ata chegar ao mosteiro de Poio, o seguinte punto salientable da ruta.

O Mosteiro de San Xoán de Poio é unha das xoias beneditinas de Galicia
O claustro das Procesións é o máis antigo (finais do s. XVI) e de estilo renacentista
No claustro da Portería atópase o gran mosaico do Camiño de Santiago realizado entre 1989 e 1992

Facer a visita ao Mosteiro de Poio ten un custe de 3€. A visita non é guiada, pero permite ver e coñecer diferentes puntos do mosteiro. En realidade o conxunto está composto de dous mosteiros, o moderno, mercedario, que non visitamos; e o antigo convento beneditino, coa súa igrexa, os dous claustros, o do Cruceiro, ou da Portería, e o das Procesións, distribuidor das demais dependencias do mosteiro, no que impresiona a magnífica bóveda de crucería.

Neste claustro, na entrada da igrexa, destaca a sepultura de Antonio Rey Soto que, ademáis de sacerdote e escritor, foi un destacado bibliófilo galego. Ao longo da súa vida, foi formando unha moi valiosa biblioteca que poucos anos antes da súa morte cedeu ao Convento de San Xoán de Poio, onde hoxe se conserva; deformación profesional…

Rematamos a visita saíndo do edificio pola horta, onde nos atopamos coa impresionante estrutura do hórreo, mostra visible do poderío económico do convento durante a Idade Moderna. O hórreo data de finais do século XVIII cunha unha estrutura de pedra, de planta rectangular, sostida por 51 pés distribuídos en 17 filas de tres pés cada unha. A cuberta é de tella a catro augas e conta con diferentes portas de madeira.

A impresionante estrutura do hórreo amosa o poderío económico do convento na Idade Moderna
Na Seara, o rego de Cancela cubre todo o lavadoiro
Cruzamos o rego da Cancela por unha pequena pontella

O hórreo deste mosteiro está considerado como un dos hórreos de maior tamaño e capacidade de Galicia. Boa proba diso dana os seus 33,46 m de longo por 3,37 m de ancho, segundo leo nun cartel que o describe. Se temos en conta a superficie total, ningún outro de toda Galicia ten maiores proporcións, con algo máis de 112 metros cadrados.

Deixamos o mosteiro e dirixímonos ata o lugar da Seara onde, logo de camiñar entre muros por un carreiro estreito, cruzamos o rego da Cancela por unha estreita pontella. A partir de aquí seguimos parte da Ruta dos Muíños da Freixa. No pequeno traxecto, un fermoso paseo, no que ademais dos muíños, imos gozando dos pequenos saltos, presas, canles, un lavadoiro e áreas recreativas que se atopan xunto ás augas.

A partir de aquí seguimos parte da Ruta dos Muíños da Freixa
E rematamos na área recreativa da Seca, cunha preciosa panorámica da ría de Pontevedra

Baixamos suavemente ata alcanzar a beira do mar na desembocadura do rego de Cancela, bordeamos a área recreativa da Seca, dende onde podemos ver unha preciosa panorámica da ría de Pontevedra contemplando, entre outros, Marín á fronte ou a Illa de Tambo non medio da ría. Desde esta situación excepcional podemos contemplar igualmente toda a enseada que se estende desde os pobos de Combarro a Campelo, un gran areal que alberga unha rica zona de marisqueo, que podemos adiviñar ao contemplala na baixamar. Chegamos á desembocadura do río Mouro, que tomamos río arriba para ata o aparcadoiro do campo de fútbol, onde nos agarda o bus, dando por rematada a andaina.

Bonita ruta, perfectamente transitable, e que pode facerse circular sen maior problema. Ten un pouco de todo: sendeiros xunto a pequenos regatos, pistas, o bosque, as fervenzas… e o mosteiro, que forma un notable conxunto arquitectónico.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio