Camiño do Monxe VI. De Maceda a Montederramo

14-03-2026
Camiñando polo paseo fluvial de Maceda
Camiñando polo paseo fluvial de Maceda

Imos facer a penúltima etapa do Camiño do Monxe, entre Maceda e Montederramo. É un percorrido que vai por camiños moi cómodos en xeral, e pistas anchas. Sae de Maceda polo paseo fluvial e lévanos por terras de cultivo e zonas de bosque ata Tioira. Aquí comeza a parte máis dura da etapa, que é onde se salva todo o desnivel xa que hai que chegar á zona alta da serra. Unha vez arriba continuamos por camiño moi cómodo ata Montederramo. A paisaxe que podemos ver nesta ruta é moi variada. As vistas dende o alto da serra son moi amplas e rechamantes.

As dificultades da ruta veñen dadas polo desnivel, e en caso de chover moito os días previos pode haber algún tramo anegado.

MIDE

  • Horario: 6:20 h.
  • Desnivel de subida: 609 m
  • Desnivel de baixada: 273 m
  • Distancia horizontal: 21,5 Km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Hoxe non temos un bo día para camiñar. E estas etapas do Camiño do Monxe ben merecen días claros e despexados, aínda que esta non é das máis fermosas no seu percorrido. Logo de chegar a Maceda e tomar un café no bar do Centro Sociocomunitario, Víctor reuniunos na mesma praza onde nos comentou o desenvolvemento da xornada. Saímos da vila dirixíndonos cara o paseo fluvial cunha chuvia moi liviana pero persistente, circunstancia que imos ter durante gran parte do percorrido.

O treito polo paseo fluvial facémolo con coidado pois está esvaradío. Menos mal que é curto e pronto deixamos o río. O camiño lévanos por extensas terras de cultivo e zonas de bosque ata a zona de Tioira. Ao pasar polo lugar do Batán, moi cerca de Tioira, advirto nunha casa un letreiro da Olería do Batán, e lémbrame que en Tioira había olería tradicional, famosa pola finura e lixeireza das súas pezas, como olas, xerros, xerras, chocolateiras ou canabarros para gardar viño, típicos desta zona, ademáis doutras pezas de utilidade. Hoxe, esta Olería do Batán, ademáis dos obxectos tradicionais, adícase á elaboración de pezas de cerámica con deseño propio, elaborando fermosas pezas de decoración, para agasallos, etc.

Concentrándonos en Maceda antes de iniciar a etapa de hoxe
Deixado o río Maceda, o camiño lévanos por extensas terras de cultivo
Gran parte dos camiños van estar con moita auga

Deixamos O Batán e, logo de pasar a aldea de Sarreaus, volvémonos introducir no camiño enlamado que nos conduce, pouco a pouco e en ascenso, ata A Costa, á que chegamos logo dun pequeno tramo por asfalto. Decidimos parar nesta aldea para xantar e descansar un pouco pois aquí comeza realmente o desnivel máis pronunciado que temos que salvar na etapa. Mentres xantamos, chámame a atención a restauración que están levando a cabo nun pequeno hórreo de madeira, pois o normal é atopalos abandonados e medio caídos, como o que imos ver ao saír da aldea.

E chegamos ao momento máis exixente da xornada. Logo de xantar, reunímonos preto da igrexa parroquial e iniciamos a subida cara o Monte da Costa polo medio das casas da aldea. Logo de pasar a última edificación, un hórreo abandonado que non sei como pode manter o equilibrio, batemos coa realidade dos incendios que asolaron esta zona no verán pasado.

Pasando polo lugar do Batán
Logo dun tramo por asfalto, en Sarreaus volvemos aos camiños anegados
A Costa, coa súa igrexa de Santiago

Percorremos un bo tramo, algo máis de 3 km, ascendendo por terreo afectado polos terribles incendios que asolaron esta zona de Galicia o verán pasado. Non hai alternativa para evitalo. Creo que comezou en Larouco, de aí pasou a Manzaneda, e de aí a Trives, extendéndose ata Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso e rematando aquí en Maceda, ardendo dúcias de milleiros de hectáreas.

Case todo o que ardeu foi principalmente monte baixo. Aínda así, mentres ascendemos, podemos ver como a natureza vai recuperando o monte e paga a pena ver como as uces, toxos, xestas e carqueixas van sacando os novos brotes, e como vai saíndo a herba. Aínda así, haberá que agardar uns anos para que volva prestar camiñar por este entorno. A menudo, cando arde este tipo de monte non lle damos importancia porque sabemos que rexenera relativamente rápido. Pero este tipo de hábitat é tan importante como o resto de hábitats polos que andamos, porque nel se agochan unha serie de especies que non se atopan noutros entornos.

Hórreo restaurándose na entrada da aldea
Na subida cara o Monte da Costa un hórreo apuntalado para manter o equilibrio
Saíndo da aldea batemos coa realidade dos incendios que asolaron esta zona

Mentres nos conta isto do hábitat, vennos como anel ao dedo unha laverca, máis ben un laverco, que nos distrae co seu fermoso trino, de canto longo e melodioso emitido durante o seu voo, que vai cara arriba como un tolo, facendo o cortexo chamando á femia para reproducirse, necesitando deste hábitat para facelo pois aniñan no chan, entre a herba.

Subía no airecon moito asubíocoas asas abertase non tiña frio.No teso do lombodo monte queimadobaixaba a lavercaco rabo virado. Tradicional.

Remata comentándonos que na preparación da ruta no mes de febreiro viu numerosos bandos de pequenas aves voando por esta zona, tamén algúns máis grandes como os corvos ou o miñato real planando sobre o val. E puido ver tamén rastros de xabarín, raposo e lobo, e incluso un corzo pasou moi preto del.

A paisaxe pola que andamos é dantesca
No ascenso, a brétema vainos impedir poder gozar das panorámicas
Case todo o que ardeu foi principalmente monte baixo

Outro dos grandes atractivos desta etapa, as vistas panorámicas, negóusenos porque o día está cuberto e non podemos gozar delas cara ao val de Maceda pola brétema que se vai facendo máis mesta a medida que imos subindo e, ao chegar ao alto xa non nos desprazamos ata o Monte Pedroso para poder gozar das panorámicas cara a Cabeza de Meda. Seguimos camiñando xa sen desnivel sorteando algún que outro charco no camiño e seguimos sen ter vistas á fronte, pois xa deberiamos ter ao fondo a Serra de San Mamede… unha mágoa!

Unha enorme lousa chantada nunha encrucillada, marca que temos que virar á esquerda, cara a aldea de A Xestosa, xa no concello de Montederramo, adiviñándose ao fondo a Serra do Burgo. Pronto comezamos a escoitar ladridos de mastíns que están a gardar o gando e a aldea, porque andan soltos, vindo ao noso encontro e acompañándonos ata A Xestosa sen maiores complicacións e recibindo algún que outro aloumiño por algún de nós.

Xa no alto, volvemos ter camiños anegados
Indo cara a aldea de A Xestosa, onde imos dar por rematada a andaina
Mastíns na aldea de A Xestosa

Concentrámonos na estrada ás portas da Xestosa e decidimos non continuar ata o final da etapa en Montederramo polo camiño trazado cara a aldea de Moás, pois o treito polo río Mao está moi malo para andar, e practicamente non se pode avanzar por el. Camiñamos pola estrada un pequeno tramo ata unha granxa de porcino e decidimos acurtar a ruta pois non compensa ir por esta estreita estrada, con este tempo e pouca visibilidade, polo que Víctor vese na obriga a chamar o autobús para que nos veña recoller a este punto próximo á Xestosa.

A visita a Montederramo terá que agardar a cando fagamos a última etapa, que parte dende esta vila. Por certo, na charla, Víctor comentounos que na vaga de incendios, que afectou a moita extensión deste concello, sobre todo a zona do Bidueiral do Montederramo, aínda que gran parte do bidueiral non se veu afectado. Aínda así… unha auténtica mágoa!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio