Camiño do Monxe I. De Castro Caldelas ás pasarelas do río Mao

11-10-2025
Vista do río Sil dende Cristosende
Vista do río Sil dende Cristosende

Iniciamos con esta ruta pola Ribeira Sacra do Sil o chamado Camiño do Monxe, un impresionante e fermoso percorrido circular que en 7 etapas nos amosa algúns dos tesouros máis interesantes da zona, tanto do seu rico patrimonio natural como cultural. Esta primeira etapa comeza en Castro Caldelas e lévanos ata o río Mao. O percorrido vai aproveitando sendeiros sinalizados, algúns deles recentemente visitados, como o que fixemos en abril pasado por A Teixeira. Outros tramos son máis descoñecidos.

É salientable a cantidade de bosque polo que pasa a ruta, así como numerosos puntos de interese: aldeas, o mosteiro de San Paio de Abeleda, viñedos, algún miradoiro, como o da Pena do Corvo, A Teixeira… En xeral, a paisaxe durante todo o percorrido é impresionante. O tramo final, que vai pola pasarela de madeira do río Mao, é espectacular. A dificultade da ruta ven dada polo desnivel, principalmente de descenso.

MIDE

  • Horario: 6:30 h.
  • Desnivel de subida: 700 m
  • Desnivel de baixada: 1.188 m
  • Distancia horizontal: 18,6 Km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Dificultade: Media/alta

Comezamos a camiñar…

O ano pasado Víctor falounos da posibilidade de facer máis rutas pola Ribeira Sacra, ao que nós respostámoslle afirmativamente, pois este entorno non cansa nunca. Cal sería a miña sorpresa cando vin no calendario de rutas da USC as sete etapas do Camiño do Monxe. A pesar de ter recente parte do camiño percorrido nesta primeira etapa, tíñalle moitas gañas, sobre todo, pola época do ano na que estamos, o outono, e comezar a gozar das marabillosas cores desta estación, aínda incipiente, pero que xa empezan a manifestarse sobre todo nos viñedos.

Castro Caldelas comeza a ser un punto de referencia nas nosas rutas, pois xa temos estado en anteriores ocasións nesta vila, paseando polas súas rúas e visitando o seu castelo. Hoxe temos por diante unha ruta bastante completa e hai que prescindir de subir ver o castelo, que é visita obrigada. Iso si, houbo tempo de tomar o café e cargarnos de bicas, que deixamos no autobús antes de iniciar a marcha. Como ven sucedendo ultimamente, un bo número de xente nova acompáñanos hoxe. Agardo que se animen a vir maís veces pois é un marabilloso xeito de ir coñecendo Galicia.

Castro Caldelas
Castro Caldelas, co seu castelo ao fondo
Na baixada vemos como o outono xa comezou a facer acto de presenza
Tamén se aprecia o outono nos socalcos que dan ao val do río Edo

Reunímonos na praza da vila onde nos agarda o creador do Camiño do Monxe, Javier Rodríguez Pintos, que nos explica someramente as distintas etapas e os pormenores da que imos percorrer hoxe. Tamén nos comenta que nos verá máis adiante, na Teixeira e no final da ruta, no albergue da Fábrica da Luz, para poder cambiar impresións e saber como nos foi a xornada.

Logo da charla de Víctor, iniciamos a andaina que no primeiro tramo é de baixada desde Castro Caldelas atravesando unha zona boscosa chea de castiñeiros, o que nos permite apreciar nas árbores como o outono xa comezou a facer acto de presenza. Axuda tamén que o tramo sexa de baixada, a pesar do que van sufrindo os xeonllos, pois permítenos gozar máis aínda do souto polo que andamos.

Apañando acios de uvas que dan ao camiño
Nunha pequena elevación, no centro do Val de Abeleda, atópase o Mosteiro de San Paio

Mentres baixamos polo souto alguén comenta que as castañas comezan a parecerse ás meigas: habelas hainas, pero quen as vira! O que si poidemos saborear foron as uvas. Pasado O Couto, probamos acios que daban ao camiño de tinta e branca que sabían de marabilla! Tamén temos outra marabilla á vista: nunha pequena elevación no centro do Val de Abeleda atópase o Mosteiro de San Paio de Abeleda, nun enclave sen dúbida estratéxico que da fe da importancia historica que tivo, lonxe do estado ruinoso actual. Mentres imos probando as uvas, adentrámonos de novo no bosque polo que discorre o río Edo. Cruzamos unha pequena ponte e iniciamos o ascenso por un entorno natural fermosísimo ata o Mosteiro de San Paio de Abeleda.

Debe ser a terceira ou cuarta vez que veño ata o mosteiro e cada vez atópoo máis ruinoso. Se na última non se podía pasar, desta vez, a porta da igrexa estaba aberta, con algunha viga caída no interior, polo que decidimos non adentrarnos no templo por seguridade e admiralo dende a porta. Conserva unicamente do edificio románico a portada e os capiteis policromados que reproducen figuras zoomorfas. As capelas, os capiteis, os canzorros, as metopas… garda tanta beleza esta igrexa de San Paio

Así atopamos o estado ruinoso da igrexa de San Paio de Abeleda
Capitel policromado da igrexa
A Abeleda, rodeada de viñas

Volvemos sobre os nosos pasos ata o río Edo, cruzámolo de novo pola ponte e continuamos camiño entre viñedos ata a aldea de Pombar. Pasamos por diante da Adega Cachín, que co seu tinto Peza do Rei, Obama elixiu para poñer en varias ceas de gala. Camiñamos un breve tramo pola estrada que conduce ao embarcadoiro do Sil, ata que baixamos de novo ao Edo. A partir de aquí, o camiño vai ser todo de subida e xa comezamos a divisar a outra aba do río Edo configurada por socalcos de viñedos practicamente verticais, dada a súa orientación ao sur.

Iniciamos o ascenso á parte alta do canón, moi levadeiro, e facemos unha parada no miradoiro natural da Pena do Corvo, onde se pode admirar a confluencia dos ríos Edo e Sil, así como gran parte do val de Abeleda. Decidimos aproveitar este entorno para xantar, brevemente, pois imos moi xustos de tempo. Continuamos camiño ata que damos coa fonte e lavadoiro abrigados por un impresionante castiñeiro, polos que pasamos na ruta feita no mes de abril.

A verticalidade destes socalcos no tramo final do río Edo é espectacular
Dende o miradoiro da Pena do Corvo, pódese admirar o río Sil cos embarcadoiros
Espectacular piñeiro manso en A Portela

De feito, a partir de aquí imos repetir practicamente todo o trazado desa ruta ata o final nas pasarelas do río Mao. No último tramo de subida, a ruta continúa por camiño, ata chegar a un fermoso piñeiro manso onde facemos unha pequena parada. Desde aquí só nos queda ascender á Teixeira. Mentres imos gozando das fermosas vistas que hai do val do Edo coa vila de Castro Caldelas no alto. Accedemos á estrada que conduce ao val aproveitamos unha fonte que hai no lugar e enchemos de auga as cantimploras e botellas, que xa ían baldeiradas.

Superamos a estrada á altura da Galería, un peculiar e curioso “museo” de arte, moi persoal, ao aire libre, dun dos veciños, e ascendemos por unha canella pegada á casa que nos conduce á entrada do núcleo de A Teixeira. Desta vez, en lugar de atravesar o núcleo, ruamos e chegamos ata Casa Celso, un curioso bar tenda onde nos agarda de novo Javier. Eu aproveito para mercarlle o mapa coas etapas do Camiño do Monxe recén acabado de editar na Editorial Alpina, editorial referente no eido do montañismo.

Á altura da Galería temos unhas fermosas vistas de todo o val e de Castro Caldelas
Superada A Teixeira, un antigo camiño introdúcenos de novo no bosque autóctono
En Cristosende os viñedos e o Sil volven gañar protagonismo

Continuamos pola estrada e superamos A Teixeira e dirixímonos cara un lavadoiro para continuar ascendo levemente por un antigo camiño para introducirnos nun bosque autóctono de carballos e outras especies. Avanzamos por camiños entre muros de pedra e rodeados de castiñeiros e carballos. Pronto comezamos a descender camiño da aldea de Cristosende, onde os viñedos gañan protagonismo, pois está ubicado nun punto espectacular para gozar das vistas do val do Sil e, por fin, chegamos a unha zona aberta desde onde podemos gozar da beleza do canón.

Transitamos a través dos viñedos por camiños rodeados de muros de mamposteria e descendemos gozando dunhas impresionantes vistas. Á nosa dereita, tapado pola frondosidade, distínguese o canón do río Mao. O val encáixase formando unha espectacular paisaxe antes da unión co Sil en Barxacova en plena Ribeira Sacra. Neste último treito, o río discorre serpeante, encaixado entre paredes graníticas, descendendo abruptamente desde os 800 aos 220 m de altitude formando este impresionante canón.

Transitamos a través de viñedos e á fronte, o canón do río Mao
O val forma unha espectacular paisaxe antes da unión co Sil en Barxacova
Percorremos o Mao pola pasarela, gozando do estreito val e da súa magnífica natureza

Continuamos baixando cara ás pasarelas do río Mao por un mar de viñedos. As viñas comezan a ter unhas cores impresionantes! Unha pequena ponte permítenos cruzar á marxe esquerda do Mao, que percorremos río arriba pola pasarela, un paseo dun quilómetro de lonxitude construído en madeira que conta con ramplas, escaleiras e miradoiro para o goce do estreito val do Mao e da súa magnífica natureza.

E chegamos ao final do percorrido na Fábrica da Luz, unha antiga central hidroeléctrica restaurada e hoxe reconvertida en albergue turístico e cantina. Aquí agárdanos de novo Javier, co que compartimos as impresións da ruta. Logo dos necesarios estiramentos, dirixímonos á cantina para tomarlle unha cervexa e comentar a fermosura do percorrido, camiñando baixo soutos e entre viñedos polos bancais, e o día espectacular que tivemos para gozala.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio