Xeira do MPG a Mondoñedo
Este ano o Museo do Pobo Galego cumpre 40 anos e máis ca nunca precisamos que vos animedes a asociarvos, pois o Museo do Pobo Galego ten nos seus socios e socias un dos seus alicerces básicos, por ser os socios o xeito de participación da sociedade na vida do Museo e a vía para lograr que este sexa unha institución de tódolos galegos e galegas. A cuota mínima é de 30€ ao ano e, de ahí en adiante o que se queira. Faite socia/o. Anímate!
Unha das actividades que ten máis éxito son as xeiras que facemos ao longo do país. Este sábado, os socios e socias do Museo do Pobo Galego fixemos unha excursión a Mondoñedo para visitar, primeiro a catedral e, logo, dar unha volta pola vila e achegarnos ata o Cemiterio Vello e ir ata o barrio dos Muíños e contemplar a ponte do Pasatempo.
Logo de xantar estupendamente na Casa da Penela, fomos ata San Martiño de Mondoñedo, visitando a catedral de San Martiño de Mondoñedo no concello de Foz. Visitamos tamén o Espazo Caritel (estudo e xardín do artista Caxigueiro), un punto de encontro para a arte e a natureza situado á beira da vella catedral románica de San Martiño. No último número de Adra, e xa van dez, a revista dos socios e socias do Museo, Caxigueiro agasallóunos cunha ilustración de “Na casa caben todos os silencios”, e que menos que corresponderlle cunha visita!
Mondoñedo
Viaxamos á que foi capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia, actual sé episcopal e un importante centro cultural ata os nosos días da man dun elenco de escritores de primeira orde como Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Lence-Santar, Noriega Varela, Crecente Veiga e Iglesia Alvariño.
Logo de deixarnos o bus pola parte de atrás do Seminario, achegámonos ata a praza da catedral pasando pola Fonte Vella, unha fermosa fonte do s. XVI, fronte á casa natal de Álvaro Cunqueiro, tamén chamada Fonte de Cunqueiro. A verdade é que o autor mindoniense está presente en cada recuncho desta vila.
O máis relevante dentro deste destacado legado patrimonial é a catedral. Declarada Monumento Nacional en 1902, foi comezada no s. XII en estilo románico e sometida a reformas posteriores onde predominan os adornos barrocos, cun claustro de mediados do século XVII, fachada e torres do século XVIII. Non imos facer unha descrición pormenorizada deste fermoso templo durante o percorrido pola catedral, a sancristía, o claustro, museo e sala capitular. A visita foi con audioguía e, a pesares de que os guións reproducidos combinan investigación histórica e sensibilidade, polo que non dubido que sexa unha vantaxe para poder percorrer o templo, é un aparello ao que non me dou afeito, non megusta, pois pérdome algunha que outra vez entre a descrición e o que estou a ver. Prefiro unha persoa á que se lle poida preguntar.
Chamoume a atención a cantidade de pezas que se amosan no museo catedralicio procedentes das illas Británicas ou Flandes, froito dos contactos a través das rutas marítimas, como o retablo inglés dedicado á Virxe e presidido pola trindade, ou o grupo de alabastros dedicado á paixon de Xesús e realizado nun taller de Nottingham a mediados do s. XV. Ademais das pezas de carácter culto que se amosan, hai outras máis entroncadas coa devoción popular, destacando un fermoso exvoto á Virxe dos Remedios.
Xa fóra da catedral, un paseo polas rúas camiño do Cemiterio Vello é o máis acaído. O entramado urbano presenta un característico perfil medieval, cunha disposición radial das rúas que acollen emblemáticos edificios de rancio abolengo, algún deles en pésimo estado de conservación. Tampouco entendo como estas rúas poden estar cubertas de cemento, en lugar de ofrecer un enlousado que lle darían un carácter máis auténtico.
En 1981 tivo lugar o multitudinario enterro de Álvaro Cunqueiro no camposanto de Mondoñedo. O ilustre escritor falecera en Vigo o día anterior despois dunha longa doenza. Na súa lápida plasmouse un dos seus desexos que agardo se cumpra: Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis. Pero no Cemiterio Vello repousan tamén os restos doutros ilustres e amigos como Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro, Manuel “O Pallarego” ou Lence Santar.
Logo de mercar unha tarta de Mondoñedo en La Alianza, achegámonos ata a Ponte do Pasatempo, un dos accesos máis antigos a Mondoñedo, sendo o paso do Camiño Real. Nesta ponte, conta a lenda, os cóengos da catedral entretiveron á muller do mariscal Pardo de Cela, Isabel de Castro, que traía o indulto dos Reis Católicos para o seu marido que estaba preso na cidade á espera de ser axustizado. Ao entretela aqui, esta non conseguiu chegar a tempo de entregalo polo que o Mariscal foi executado na praza da catedral o 17 de decembro de 1483.
No barrio dos Muíños, bañado polas canles do río Valiñadares, hai desde moi antigo diversos oficios tradicionais. Curtidores, oleiros, ferreiros e muiñeiros traballaron neste contorno. Nesta zona tamén estivo unha das tabernas máis frecuentadas por Cunqueiro, a de Póngalas, xa desaparecida, situada próxima á do Valeco, onde aproveitamos para botar un grolo antes de ir xantar á Casa da Penela, unha casa de turismo rural situada no mesmo concello de Mondoñedo.
Na sobremesa, amósanos o dono unha foto do Cego de Viloalle, personaxe moi presente na vida de Cunqueiro e que Clodio lembra perfectamente velo de neno, acompañado pola sua filla, cando vivía en Ponteareas, pois percorreu toda a xeografía galega cos seus cantares de cego.
Aproveitamos ben a mañá, anque quedaron lugares por visitar, pois esta vila dá para moito!
San Martiño de Mondoñedo
A sobremesa non deu para moito, pois ás cinco tiñamos concertada a visita á catedral de San Martiño, no veciño concello de Foz.
Despois dunha pequena regueifa coa guía do monumento, pois quería facer a explicación en castelán xa que nos acompañaba un peregrino italiano de Bari, e consideraba que na nosa língua non ía entender nada. Negámonos en redondo e ao final accedeu a facelo en galego… que papanatas e serviles somos neste aspecto!
A igrexa é unha auténtica xoia do románico! Eu nunca estivera aquí e quedei marabillado dela, tanto do exterior, no que sobresae a robustez dos contrafortes da cabeceira engadidos no s. XVIII, como nos frescos máis antigos e interesantes do románico galego e capiteis do interior. Pero a peza máis salientable é o pequeno retablo pétreo do altar, no que destaca Cristo en Maxestade como figura principal. Os historiadores non se poñen de acordo en descifrar o sentido desta narración, aínda que a opinión máis xeneralizada é que se trate dunha cerimonia episcopal.
Para descubrir as orixes de San Martiño hai que remontarse ao s. IX, e chegaron a pasar por esta sé ata quince bispos, o último en 1112, cando a raíña Urraca, por mandato do papa, traslada a sé a Vallibria ou Vilamaior de Brea, actual Mondoñedo, vila que adoptou o nome da antiga sé de san Martiño.
Como colofón e ante o sepulcro de San Gonzalo –o Bispo Santo como aquí se lle coñece– a guía relatounos a fermosa lenda de San Gonzalo e os normandos. Agardo contar ben a historia, pois paga a pena. Resulta que na época das últimas invasións viquingas ao Reino de Galicia, unha gran frota normanda intentou penetrar nestas terras alo polo s. XI. A alerta do avistamiento da frota normanda chegou pronto a Mondoñedo, onde, ante o perigo inminente e dada a carencia das defensas necesarias para repeler tal ataque, o Bispo Gonzalo, home respetado, querido e con fama de santo, decidiu evacuar a cidade e refuxiarse nas montañas agardando reforzos.
Deste xeito, iniciou a marcha cara ao interior e, ascendendo ao Alto da Grela, os refuxiados empezaron a ver no Cantábrico a inmensa frota normanda que se achegaba rapidamente ás costas de Britonia. Nun piadoso momento, Gonzalo parou para rezar polas almas dos seus, sendo imitado polos seus fregueses.
Ao empezar as súas oracións, o ceo empezou a nublarse, soprando o vento e levantándose unha tempestade no mar. O bo Gonzalo mantíñase rezando mentres os asombrados fregueses vían como o temporal aumentaba de tal xeito que a frota viquinga comezaba a ter dificultades para entrar en ría.
O violento temporal comezou a afundir naves, que non podían chegar a terra nin escapar mar dentro. E o Bispo Gonzalo seguía rezando mentres raios e xigantescas ondas facían naufragar a toda a frota, barco tras barco. O bispo preguntou polo número de naves que quedaban. Aínda había tres polo que o bispo afincou de xeonllos e púxose de novo a rezar piadosamente ata que a última embarcación naufragou. Nese momento comezou a amainar o temporal. As testemuñas daqueles feitos, marabillados, e como acción de grazas, levantaron unha ermida no lugar, hoxe coñecida como a Ermida do Bispo Santo.
Espazo Caritel
Logo de pasar pola fonte da Zapata, fonte que a tradición lle atribúe outro milagre a San Gonzalo e, polo que nos dixo a guía, moi boa para problemas dos pés, achegámonos ata o Espazo Caritel, onde Caxigueiro, un dos artistas plásticos galegos máis recoñecidos, nos amosou os seus dominios, creando un punto de encontro para a arte e a natureza á beira desta vella Catedral románica.
Comezou amosándonos o xardín, un espazo de máis de tres mil metros cadrados. Este xardín botánico comezouno hai preto de 25/30 anos coa intención de regalarlle un pequeno bosque á filla que acababa de nacer, acollendo vexetación da máis diversa e tamén da máis diferente procedencia.
A paixón que desprende describindo cada unha das árbores ou a historia de cada pranta, tamén se aprecia cando fala cun perfecto coñecemento doutros xardíns tanto galegos como foráneos. É emocionante escoitalo, por exemplo, como nos describe o espectáculo único que ofrecen as azaleas en flor na Torre de lama no concello de Mañón.
Atopamos árbores e arbustos procedentes de América (Chile, Uruguai ou Arxentina… ), África ou Asia (Xapón ou Corea por exemplo), xunto á vexetación autóctona. Así podemos ver desde o gingko biloba, a unha ampla variedade de fentos, entre os que destaca un que trouxo de Cedeira, único do mundo que se reproduce por esporas. Aínda así a grande xoia deste xardín é a colección de máis de cen camelias de diferentes especies, algunha delas olorosas. O paseo polo xardín e as súas explicacións son unha auténtica delicia! Un lugar imprescindible para visitar polos amantes das plantas, paga a pena!
Logo, entramos no edificio do propio Espazo Caritel, onde nos explica coa mesma paixón as súas obras máis representativas, composicións de cerámica e fotos, ou a instalación ubicada na terraza que recrea as impresións da dramática burbulla inmobiliaria e as súas consecuencias. A min gustoume especialmente a obra fotográfica.
A visita non daba para máis, pero aínda tivemos tempo de facernos unha foto con el, xa no exterior do edificio, como mostra de agradecemento… e lembra, ASÓCIATE!
Sentín moito non poder ir a este roteiro pero coincidiunos cunha viaxe ao Alto Douro, tamén moi recomendable. De todolos xeitos paga a pena a túa descrición da rota, coma sempre, preciosa descrición, preciosas fotografías, (e moi curiosas, ¡mira que sacarlle a foto ao noso exilado!!! ¡qué oportuno, (e que perverso es ti)!!!
Botóuseche de menos… e a Pilar, e a Marta. O exiliado ergueuse da silla como unha exhalación onde estaba tomando un café placidamente e marchou escopetado praza abaixo. Eu coido que ao vernos chegar debeu intuir que o coñecíamos e non lle apetecía que o recoñeceran; de feito alguén comentou que lle parecía o cura do calixtino (vai quedar con ese estigma o Josemaría). Vino moi maior.
Grazas e moitos bicos.
Eu non puiden ir convosco desta vez, é síntoo ben. De todos modos, só unha semana antes, tiven a sorte, noutra xeira, de coñecer o Espazo Caritel e a Caxigueiro. Quedei encantadísima da súa obra, do seu xardín (dos que me pareceu estar fachendoso a partes iguais) e de coñecelo a el, que eu o definiría como un “home tranquilo”.
Unha aperta
Case como si estivera convosco. Grazas Fran e, outra vez será!
Bicos