Vaites, vaites Covid-19!

10-05-2020
Illa de Ons
Illa de Ons, agosto de 2016

Un dos aspectos que nos traerá esta pandemia, cando saiamos dela, é que nos vai facer reflexionar sobre moitas cousas. Seguro. Eu xa comecei a facelo hai días, xunto cos amigos da tertulia das sete, a Coronatertulia, que estamos mantendo a diario Xerardo, Manuel, Antonio e mais eu. A todos nos gustaría viaxar polos cinco continentes para gozar e capturar a beleza das máis espectaculares paisaxes do planeta, pero coincidimos en que vai haber un cambio de modelo. Moito me temo que se acabou aquilo de viaxar en masa a lugares remotos (ou os que veñen a España en busca de sol), e imporáse o de quedar na casa, no país.

Viaxamos desde as nosas orixes xa que ao ser humano sempre lle fascinou o que pode haber máis aló do que coñece pero, cantas veces temos falado de que a nosa mocidade coñece moito mellor Italia, ou Punta Cana, e non sabe nada da nosa contorna? Eu creo que hai que reorientar esta tendencia e procurar descubrir o país polo que andamos, que por certo é unha marabilla, tal como pretendo amosar modestamente no blog, sabedor de que aínda me queda moito por descubrir del.

Trives
Ruta da Vía Nova (Pobra de Trives). Novembro, 2011

A través das rutas de sendeirismo que facemos, coñecemos algúns dos lugares máis emblemáticos e fermosos da nosa Terra. Entre eles, mosteiros e igrexas cunha longa tradición medieval e moderna, xacementos arqueolóxicos ou paraxes naturais de innegable beleza. Sen dúbida, a diversidade e beleza das zonas rurais ou costeiras é un dos atractivos, pero deterse a descansar nun bidueiral, pasar baixo unhas parras, xantar nun outeiro cunhas vistas privilexiadas ou parar a conversar coa pouca veciñanza que queda nas aldeas que cruzas son circunstancias que resultan moi gratificantes. A min quedoume gravada a frase de Carliños (sigo chamándolle así a pesar de que xa é pai de dúas crianzas): Vivimos na terra prometida!!!, o malo é que moita xente non o sabe nin o aprecia!.

Como xa manifestei na “exposición de motivos” cando botei a andar o blog, levo varios anos participando nas rutas organizadas pola USC da man de Víctor (a primeira e de imborrable recordo foi a de Baldaio a Malpica, creo que alá por novembro de 2007), perfectamente equipado con tenis e mochila que levaba á piscina e, pouco a pouco fun cambiando os tenis polas botas de montaña e enganchándome nesta actividade e animándome a promocionala.

Teixidelo
Praia de Teixidelo (Cedeira). Maio, 2018

En ocasións, penso que utilizo a fotografía como unha mera escusa para chegar a eses sitios que a min me parecen inalcanzables. Coido que son moitas máis as razóns que nos levan a estes lugares remotos do país.

Desde logo, a compañía é fundamental, e coido que estou nas millores mans, como podedes comprobar nas colaboracións que me precederon neste tempo de confinamento. Din cun grupo que se foi formando a partir das andainas da USC e xa comezamos a voar sós hai moito tempo, sen deixar de participar nas actividades de sendeirismo da nosa Universidade. A paixón por esta actividade foi o que nos uniu.

Camiñamos tamén para sentírmonos completamente libres, polo sabor que deixa no noso espírito, pola curiosidade innata que nos empurra e, sobre todo, para falar e contar o que vimos cos nosos propios ollos. Como se soe dicir, chegamos á casa coas pilas cargadas, sen importar para nada as molladuras, o frío ou o cansanzo.

Monte Capeloso
Zanfoga. Ascenso ao Monte Capeloso (O Cebreiro). Outubro, 2015

Que dúbida cabe que o contacto coa Natureza, xunto co exercicio físico moderado, e a riqueza paisaxística do noso País reflíctese tamén na variedade de rutas que realizamos: hai sendeiros de media montaña, rutas de ríos, camiños de costa… sen desprezar para nada outras áreas próximas á nosa, que nos descobren lugares fascinantes, tal como manifestei máis arriba.

Pena Trevinca
Val do río Tera. Pena Trevinca dende a Laguna de los Peces (Sanabria). Xullo, 2019

E quero rematar coa miña mirada fotográfica. Hoxe en día sigo a ter na cabeza unha manchea de paisaxes soñadas ás que desexo ir (Víctor, eu déixome levar… ), xa que no máis profundo dos bosques, das montañas ou da costa hai rincóns inimaxinables, onde a mirada de calquera persoa minimamente sensible podería deterse durante horas. Desexo continuar experimentando fronte á Natureza esta emoción profunda que me mantén vivo.

Vaites, vaites Covid-19!

7 comentarios sobre “Vaites, vaites Covid-19!”

  1. Oxalá poidamos retomar canto antes as nosas andainas, Fran!! Veña, xa queda menos, ou eso estou desexando!! Grazas, Fran, por todo o que nos animas e acompañas con esa marabillosa cámara que retrata todo de nós. Bicos ??

    1. O de comezar a camiñar coido que o estamos a desexar todos, pero eu aínda desexo máis o de volver a vernos en condicións normais e falar sen aparellos polo medio! Bicos ??

  2. Rocío Ramos

    No existe pasado ni futuro, sólo existe un camino en el presente, y tenemos suerte de que esté en Galicia. Besos y abrazos a todos.

  3. Margarita Gil

    Grazas Fran por correxires o meu lapsus? e si, concordo niso de vernos en condicións normais, non chega o día, non si? Bicos??

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio