Senda Verde de Carnota
A ruta de hoxe lévanos a Carnota onde faremos un dos itinerarios sinalizados cos que conta o concello: A Senda Verde. O percorrido é sinxelo e vai por unha ampla pista dende as proximidades de Louredo ata Lariño.
A paisaxe é espectacular durante case todo o percorrido xa que é un estupendo miradoiro sobre toda a zona de Carnota, Caldebarcos, a súa inmensa praia, as dunas, a marisma… e tamén sobre Lariño e o seu faro.
Durante o percorrido veremos os petróglifos de Filladuiro, que conforman unha das máis coñecidas estacións de petróglifos de todo o concello. Tamén nos achegamos ata o lugar de Mallou, dende onde subimos ao Castro de Mallou, un dos mellores exemplos castrexos da comarca.
Coa andaina rematada, achegámonos ata Lira, uns para admirar o seu hórreo, e outros para darse un baño na praia de Mar de Lira.
- Lonxitude: 14 km aproximadamente
- Desnivel: baixo-medio
- Dificultade: baixa
Comezamos a camiñar…
Comezamos unha nova tempara cunha ruta de lecer. Logo de deixarnos o bus diante da pista, pouco antes de chegar a Louredo, e logo das presentacións do Víctor, non está de máis ler os paneis informativos sobre os elementos paisaxísticos e patrimoniais máis destacados que imos ver ao longo do percorrido. Comezamos a camiñar paseniñamente pois é a primeira andaina da temporada da USC e hai moito que contar con tanto reencontro. E tamén a xente nova que sempre se agradece a súa participación, como os dous alumnos portugueses que cursan terceiro de medicina que nos acompañaron nesta xornada, e supoño que repetirán a experiencia de vir camiñar sempre que os estudos llelo permitan, non sí Lucía e Gil?
A ruta é para ir relaxados e ir admirando a paixase por este val carnotán que percorremos a media altura. O día despexado e unha temperatura agradable axudan a camiñar. O percorrido facémolo de norte a sur, levando sempre á nosa dereita a impresionante praia de Carnota que xa divisamos dende o alto das Paxareiras. O primeiro punto no que paga a pena facer unha parada está ao pouco de comezar, nunha pequena atalaia fronte ao Bico do Santo, un pedregoso montiño duns 180 m de altura, moi chamativo ao estar coroado cunha cruz pintada de branco, dende onde dominamos á gran protagonista da andaina, a longa praia de Carnota cos seus máis de sete quilómetros de lonxitude, que divisamos de extremo a extremo, co seu cordón dunar e a súa lagoa, Caldebarcos, Lira, o Monte Pindo coa Moa cuberta por unha nube durante case toda a mañá… todos lugares moi coñecidos e visitados pero que nunca nos cansamos de admirar.
Pero tan importante como a paisaxe é resaltar que andamos por unha das zonas máis importantes de estacións de petróglifos que temos en Galicia. E para mostra, o petróglifo de Filladuiro, que se atopa nun outeiro uns metros máis arriba do camiño polo que estamos a percorrer. Fernando Alonso Romero, nun estudo feito sobre o petróglifo, dinos que nos atopamos ante un deseño totalmente insólito e formula a hipótese de que esteamos ante a representación dunha Deusa Nai, que tería ademais un neno nos brazos. Esta afirmación entroncaría coas tradicións populares da fertilidade feminina e que estaría relacionadas coas pedras. Uns metros máis arriba atopamos outra estación de petróglifos nunha laxe que apenas sobresae do terreo, compostos por unha combinación circular con varios trazos radiais, moi semellante a unha tea de araña.
Continuamos a camiñar un pouco máis e chegamos a unha área de descanso con algunhas mesas case no extremo sur dos montes que bordean toda esta praia de Carnota, coido que se chama Porta Ventosa, lugar que aproveitamos para descansar e comer un pouco. Todos? Non! os nosos estudantes Lucía e Gil esqueceron o seu xantar no bus, ou máis ben creron que íamos rematar antes de xantar. Como non podía ser doutro xeito, repartimos con eles o que levamos e coido que non pasaron fame! Tampouco pasou fame o mastín que non parou de rondarnos ao longo de toda a nosa parada!
Un fenómeno meteorolóxico que aconteceu despois de xantar chamou a nosa atención. Dúas linguas de nubes apareceron na ría de Corcubión por detrás do Pindo, a ras do mar, e que se ían desprazando ao longo da costa. Unha fermosa curiosidade.
Outro punto de interese e non moi lonxe de onde xantamos é o Castro de Mallou, un poboado fortificado da Idade do Ferro. A pesar de que semella bastante abandonado e ter moi mala sinalización, dende a súa croa temos unha das mellores vistas do val carnotano. O rico patrimonio etnográfico de Carnota, suxire que era a residencia da Raíña Lupa, situándose nas inmediacións a súa cadeira na pedra dos “sete furados”. Suponse que neste castro probablemente viviron os autores que realizaron o petróglifo do Filladuiro, aunque isto está ainda por confirmar cientificamente.
Deixamos atrás a praia de Carnota e só resta chegar a Lariño, que vemos baixo un monte queimado que case chega ás casas máis altas da aldea. Unha mágoa e unha lacra que ameaza un ano si e outro tamén a esta zona. O lugar está dominado polo seu faro en Punta Ínsua e a súa fermosa praia. A verdade é que non sei cal é a situación actual do faro, do que se denunciou o seu estado de abandono, pois lembro que se reclamaba a apertura do propio edificio ás actividades veciñais, pero tamén se barallaba a posibilidade de cedelo por parte da Autoridade Portuaria de Vilagarcía para unha instalación hoteleira semellante ao Semáforo fisterrán. Que manía teñen as autoridades de privatizar o público!
Non podía rematar a xornada sen achegarnos ata un dos elementos etnográficos característicos deste concello. Xunto co de Carnota, a visita ao hórreo de Lira é obrigada, non só pola singularidade do monumento e polas fermosas vistas que temos sobre a praia e o mar de Lira, senón porque conforma un excepcional conxunto arquitectónico, foi realizado entre 1779 e 1814, xunto co pombal, a igrexa de Santa María, e a casa reitoral en estado ruinoso… unha mágoa que non se coide máis este conxunto.