Sempre os camiños

Sempre os camiños
Camiño da Amargura. Nogueira de Ramuín. Febreiro, 2018.

Cada dous anos, a Oficina de Socios do Museo do Pobo Galego organiza unha mostra fotográfica. Teño participado en varias convocatorias con temas etnográficos, pero esta última de 2019, adicada ao don Antonio Fraguas, coido que pode ter cabida nesta serie de colaboracións que estou a recibir de vós.

Así que, aí vai a miña (que non a última). Agardo que vos gusten o texto e as fotos que presentei ao certame.

Antonio Fraguas escribiu sobre os camiños da Galicia para a revista Lar aló polo 1956. Dicía don Antonio que para coñecer Galicia hai necesidade de coñecer e de sorprender os seus camiños á luz, tenue e ansiosa, dos amenceres. E todos teñen a súa voz, unha voz que debe ser misteriosa, que fale en rápido sobresalto de pendente, ou en sosegado canto das pedras dos bordos do muro.

Os nosos camiños labregos recollen a proxección sombría das silveiras ou as augas encharcadas baixo os regadíos. Tamén as follas de outono secas que se queixan baixo o andar do viaxeiro. Eses camiños que espertan cos amenceres para seren espazos de longas xornadas á luz das estrelas. Atallos da noite que nacen coa luz do día. Eses percorridos que coñecían e estimaban feirantes e andadores que agora semellan abandonados polas modernas estradas. Algúns parecen resistirse a morrer e renacen cada mañá á espera de que alguén os transite mentres o galo canta.

Teñen os seus recordos os camiños, porque eles son o paso de todas as xeracións; testemuñas do paso das persoas sobre escenarios perennes á espera do novo día.

Sempre os camiños
Ruta do Río Pequeno. Folgoso do Courel. Novembro, 2012.
Sempre os camiños
A Devesa da Rogueira. Folgoso do Courel. Novembro, 2012.
Sempre os camiños
Camiño da Amargura. Nogueira de Ramuín. Febreiro, 2018.
Sempre os camiños
Descenso do Monte Capeloso. Pedrafita do Cebreiro. Novembro, 2018.

7 comentarios sobre “Sempre os camiños”

  1. Nestes tempos de terribles cifras e letras as belas imaxes rescátanos do aturullo. Estas son las cosas que hacen olvidar este mundo absurdo que no sabe a dónde va. Aleluya!
    … As túas fotografías Fran. Un patrimonio a conservar. Grazas!

    1. Grazas Mariví!
      Pareceume que era apropiado amosalas, xa que non se pode sair. Haberá que resarcirse convenientemente cando remate esta corentena.
      Agardando que todo vaia ben, un bico moi grande!

    1. Grazas Rocío, e alégrome moito de que che gustasen nas fotos. A min tamén, xa me tarda a volta! (sobre todo polo que estamos a escoitar de que seremos do último en permitir para sair deste confinamento… ). Un bico

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio