Ruta por Ortegal

25-05-2014
Cabo Ortegal

A ruta, que é circular, comeza e remata na vila de Cariño. Lévanos por unha senda litoral ata o impresionante cabo Ortegal, pasando por San Xiao do Trebo, ermida asentada sobre unha antiga vila romana e que goza dunhas panorámicas estupendas.

  • Lonxitude da ruta: 13 km
  • Desnivel: medio (de baixada e de subida)
  • Dificultade: media

Logo de almorzar no hostal onde nos aloxamos (o peor do aloxamento), desprazámonos ata Cariño e alí, antes de comezar a andaina, fomos facer unhas compras de conservas de La Pureza, fábrica artesanal de peixe de primeira calidade, pois Cariño foi unha vila dunha longa tradición conserveira, xa que foron numerosas as fábricas que houbo, chegando a contabilizarse vinte en activo a mediados do século XX. Eu merquei sardiñas, bonito e agulla e deixamos a tenda do mercado valeira de conserva!

Comezamos a camiñar no paseo marítimo da vila á beira das dunas e, logo de percorrer as súas estreitas rúas, encamiñámonos cara ao faro de Ortegal, tomando o camiño de San Xiao do Trebo, unha ruta fácil e agradable de percorrer. A medio camiño atopámonos cun panel que nos informa dun curioso inxenio, os Bañós de Soutullo, grandes alxibes de auga doce que canalizaban e almacenaban a auga do río Soutullo e qe surtían aos barcos de vapor, pois a vila non tiña traída. Dende os paneis pódense albiscar os Bañós ao pé dos cantís e cun acceso nada doado. Logo de facer unha paradiña na capela de San Xiao, seguimos cara o cabo, fundamentalmente pola estrada que vai ata o faro.

O cabo Ortegal é un punto máxico. O promontorio eríxese por méritos propios nun auténtico “quilómetro cero” natural, ao confluir fronte aos abraiantes cantís mariños, as augas do Cantábrico e do Océano Atlántico. Fronte ao cabo, emerxen das augas os Aguillóns: a Gaivoteira, a Longa, a Insua Maior, duns 50 m de altura! (as torres da catedral de Santiago teñen 65 m), os Tres Irmáns, e o Cabalo Xoán, aguzados penedos de durísima ecloxita que desafían imperturbables a bravura dos dous mares.

Recentes investigacións puxeron de manifesto unha nova datación do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal nuns 1160 millóns de anos de antigüidade. Este complexo destaca polo cabalgamento da codia oceánica sobre a placa continental, o que fai que rochas profundas próximas ao manto terrestre aparezan na superficie. Como paradiso natural, o cabo é un verdadeiro santuario de aves, sendo un punto de referencia para os ornitólogos, con máis de duascentas especies de aves observadas.

As vistas dende o cabo tamén son espectaculares, e dende alí pódense apreciar os enormes cantís desta costa, así como as importantes formacións xeolóxicas. Os cantís mariños non só son únicos por dividiren o Cantábrico do Atlántico, senón por figurar coma os máis altos e abruptos da Unión Europea. Que pequeno se sinte un ao pé destes!

Se os propios cantís do promontorio son dignos de mención, cos tres afiados e coñecidos Aguillóns ao norte, cara ao oeste podemos observar en primeiro termo a sobrecolledora Punta do Limo, coa súa espectacular parede rochosa, por riba da cal algúns ríos verten as súas augas directamente ao mar formando incribles fervenzas de varios centos de metros de altitude, conformando un lugar maxestoso.  A esta enseada, achéganse os mariñeiros de Cariño o día do Carme, a facer a ofrenda floral aos mariñeiros desaparecidos.

Esta escarpada costa ven de ser catalogada como Lugar de Interese Comunitario, debido non só á súa singularidade morfolóxica, senón tamén ao seu interese natural e xeolóxico. Cómpre lembrar que en todo o planeta somentes hai tres puntos con rochas de maior antigüidade que as que forman este cabo

 Logo de facérmonos a foto de grupo, continuamos ata o cumio do monte Faroleiro, con impresionantes vistas, tanto da costa dende Estaca de Bares ata Ortegal como do interior, destacando a ría de Ortigueira, a máis sinuosa das rías galegas, e o monte Miranda, o mellor mirador da ría (haberá que subir outro día!). Aproveitamos para xantar e descansar con estas impresionantes vistas dende o Faroleiro e logo, xa en descenso, continuamos cara a Cariño novamente, predominando os camiños bos, así como algún curto treito de asfalto.

Non se pode pedir máis nunha fin de semana! Rutas fantásticas e a compaña inmellorable, coma sempre. Haberá que volver, pois quedoume a espiniña de subir ao Miranda, e chegar ao seu miradoiro, verdadeiro balcón da ría de Ortigueira.


Ver Ruta por Ortegal nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Ruta por Ortegal”

  1. Creo que foi unha boa fin de semana. Os lugares visitados son, sen dúbida, ben fermosos, e o tempo acompañounos..¡

    Grazas Fran, polas fotos e as descricións unha vez máis.

    Agora xa pensando na fin de semana en Tapia de Casariego, maís costa, máis senderismo, máis paisaxe …

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio