Ruta por Lobadiz. Costa Ártabra

23-09-2023
Figuras graníticas pulidas pola erosión en Punta Herbosa
Chamativas figuras graníticas pulidas pola erosión en Punta Herbosa

Comezamos unha nova tempada visitando a comarca de Ferrolterra. O primeiro que faremos nesta xornada será viaxar ata Ferrol e realizar unha parada para visitar o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, un interesante e didáctico museo onde poderemos ver, entre outras moitas cousas, o esqueleto dunha balea de 18 metros.

Ao rematar a visita desprazámonos á zona de Doniños, catalogada como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) pola súa biodiversidade, onde realizaremos unha ruta pola costa e montes de Lobadiz. O percorrido móstranos as paisaxes máis fermosas desta costa nun entorno natural de enorme beleza. Destacan a praia de Doniños, Punta do Castro, Punta Lavadoiro, Illas Gabeiras, Punta Herbosa e a praia de San Xurxo.

O percorrido é sinxelo aínda que hai tramos areosos onde pode custar un pouco camiñar. Tamén hai algún curto tramo de sendeiro pegado ao mar onde hai que levar precaución.

MIDE

  • Horario: 3:05 h.
  • Desnivel de subida: 250
  • Desnivel de baixada: 250
  • Distancia horizontal: 10,1 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Baixa

Museo de Historia Natural de Ferrol

Hoxe levamos unha axenda moi completa, pois temos que estar en Ferrol cedo para facer unha visita ao Museo de Historia Natural (MHN), un museo singular ubicado na residencia dun antigo cuartel, onde se amosa a colección da Sociedade Galega de Historia Natural, unha boa mostra da natureza do Noroeste da península Ibérica. Recibiunos un dos fundadores, Xan Rodríguez Silvar que tivo a xentileza de atendernos, grazas ás xestións feitas pola nosa compañeira Carmen. Antes de comezar a visita, explicounos a xénese da SGHN, que naceu en 1973 co nome de Grupo Ornitolóxico Galego, e do museo, as salas e servizos que oferta. Moitísimas grazas por dedicarnos o teu tempo e amosarnos esta iniciativa tan interesante… e moitísimos parabéns!

Agardando a comezar a visita no MHN

Antes de subir ás dúas salas do primeiro andar, fixemos un pequeno percorrido pola planta baixa, onde colga no corredor a Exposición temporal de Astrofotografía, da Sección de Astronomía da SGHN, e outras dependencias como a biblioteca. Xa no primeiro andar, seguindo coas explicacións de Xan Rodríguez Silvar, salientounos que os fondos proceden das actividades da entidade e de doazóns de coleccións particulares, sempre baixo o principio de non danar a Natureza (pareceume moi fermosa a historia e o proceso da gran candorca exposta).

No MHN destaca a colección de ósos de cetáceos
Na sala, tamén hai mostras doutros cetáceos, focas ou tartarugas mariñas
No MHN sobresae o esqueleto dunha balea común de 18 m
A gran candorca exposta tamén impresiona polo tamaño

Entre outras moitas cousas, deulle moita importancia á completa colección de moluscos de Filipinas do s.XIX, que comparte espazo cunha mostra de herbarios e algarios, seccións de árbores procedentes de parques históricos, insectos, moluscos e crustáceos de Galicia, preparacións de aves e mamíferos atopados no medio. Pero o que máis destaca é a probablemente mellor colección de ósos de cetáceos ibérica, na que sobresae o esqueleto dunha balea común de 18 m, ademáis doutros cetáceos, focas e tartarugas mariñas, ou unha lura xigante e raras especies de quenllas en líquidos conservantes. Chamoume moito a atención cando se parou a explicarnos unha serie de pezas moi raras e únicas, os fósiles de Zifios de 15 millóns de anos de antigüidade, dos que o museo alberga holotipos únicos e nos que os visitantes practicamente non reparan.

A pesar de ser un museo pequeno é, sen dúbida, unha visita moi interesante, que recomendo vivamente a quen se achegue a Ferrol. Un pequeno museo con moitas pezas, moi ben exposto e cheo de curiosidades. Encantoume!

Comezamos a camiñar…

Logo de despedírmonos de Xan, o bus achegounos á praia de Doniños, a menos de dez quilómetros de Ferrol, deixándonos no extremo norte do areal, nunha das múltiples zonas de aparcadoiro coas que conta o entorno da praia, que a esta hora aínda non está cheo. Para quen non o coñeza, pode chamar a atención semellante superficie de aparcadoiro, pero soe quedar pequeno para a cantidade de vehículos que se achegan a este areal, un das referencias para a práctica do surf.

Iniciando a ruta no mesmo aparcadoiro da praia de Doniños
Vistas cara ao sur de toda a praia de Doniños e cabo Prioriño
Camiñamos polo sendeiro cara ao norte

Arrancamos dende o parque infantil instalado á beira do aparcadoiro e dirixímonos ata unha sorte de miradoiro que ofrece vistas cara ao sur de toda a liña de praia, ao que chegamos por unha pequena costa de terreo areoso. Desde alí temos unhas vistas impresionantes da praia de Doniños, unha praia aberta, bastante longa de case dous quilómetros, e de bandeira azul. Á súa beira está a lagoa de Doniños e zona dunar, que non vemos dende este punto, formando un ecosistema variado, e do monte Ventoso que, segundo nos comenta Carlos, no cumio encóntrase un edificio en ruinas que foi un antigo centro de observación meteorolóxica, dende onde hai unhas vistas espectaculares. Tamén me comentou Suso, que hoxe non puido acompañarnos, que esta zona non lle é de moi grato recordo, xa que cando fixo o servicio militar, viñan de maniobras ata aquí, pois o monte está cheo de baterías militares, hoxe todas abandonadas.

O primeiro punto de interese está na Punta do Castro, onde se encontran os restos do castro prerromano de Lobadiz. Tamén conta cunha baliza óptica e con algúns restos dunha batería de artillaría de costa do s. XVIII, que formaba parte do conxunto defensivo de Ferrol. Dende aquí xa temos unha visión moi ampla do golfo Ártabro, distinguindo na lonxanía, entre a bruma, as illas Sisargas e toda a liña de costa ata a cidade da Coruña, apreciándose a Torre de Hércules sobre Punta Herminia.

Botando man do obxectivo, distínguese a Torre de Hércules sobre Punta Herminia
Pequena Praia de Lobadiz, hoxe chea de algas coas Gabeiras diante
Accedendo ao miradoiro sobre as illas Gabeiras
Xunto con outras aves mariñas, nesta zona aséntanse colonias de cría do Paíño europeo ou común

Regresamos ao camiño e, en nada, damos coa praia de Lobadiz, unha cala rochosa, ventosa e con ondada, pero cunhas magníficas vistas das illas Gabeiras. A pesar da cantidade de sargazo que hai sobre o areal, debe ser ideal para os afeccionados ao mergullo polas súas augas claras; hai un pequeno aparcadoiro e unha rampla para embarcacións de pesca. Mellor non falar das que semellan ser unhas antigas casetas de pescadores abandonadas que estropean o entorno. Unha mágoa.

O percorrido lévanos agora ata o miradoiro sobre as illas Gabeiras. Dende aquí aínda non vemos que son dúas illas, a Gabeira de Terra e a Gabeira de Mar, pois ata o de agora só apreciabamos unha, a de Terra. Irémolas distinguindo cando avancemos un pouco máis pola costa. Coméntanos Víctor que estas illas teñen unha característica moi especial, xeoloxicamente falando, pois cada unha delas pertence a diferentes idades xeolóxicas, o que lles proporciona diferentes cores. A Gabeira de Terra está formada polos mesmos materiais que os cantís costeiros, mentres que a Gabeira de Mar posúe unha característica cor negra, dada a súa orixe xeolóxica distinta.

Este tramo da Costa Ártabra é espectacular, co cabo Prior ao fondo
Pouco a pouco imos descubrindo a Gabeira de Terra e a Gabeira de Mar

No MHN, Xan falounos do Xeoparque, que por fin foi declarado para toda a zona norte desta costa, pola cantidade de sitios de interese xeolóxico que posúe, e este podería ser un deles pois é moi chamativo este fenómeno de estar fronte a dúas illas case pegadas e que emerxeron en momentos xeolóxicos diferentes (aínda que ámbalas dúas están unidas por un cordón rochoso conformando unha soa illa). Tamén nos falou que nas illas que hai neste tramo de costa, aséntanse colonias de cría do Paíño europeo ou común, unha ave mariña moi pequena, e moi sensible á predación por ratas e gatos, librándose así da presenza destes predadores.

Volvemos sobre os nosos pasos para retomar o camiño cara ao norte, e xa temos a referencia de cabo Prior á fronte, espazo polo que xa fixemos no seu día algunha ruta. Precisamente a que partía dende a praia de San Xurxo ata a punta do cabo. Lembro que naquel percorrido xa me chamara a atención a diferencia de cor que hai entre as rochas, negras, e os cantís costeiros, de cor parda, supoño que consecuencia de pertencer tamén de distintas eras xeolóxicas.

Superado o miradoiro, comezamos a ver a diferencia de cor entre os dous illotes das Gabeiras
Non hai que deixar de mirar cara atrás e ver a silueta dos dous illotes

Camiñamos por unha das costas mellor conservadas de toda a comunidade, polo que é unha delicia percorrer este tramo da Costa Ártabra. Eu aínda miro de vez en cando cara atrás para ver a diferencia de cor entre os dous illotes. Hoxe a paisaxe está preciosa e o mar loce unhas cores impresionantes neste día soleado.

Avanzamos polos cantís dos Guilleiros (creo que neles se practica a escalada), e xa divisamos o Miradoiro de Illa Herbosa. Neste tramo, chegando ao miradoiro de Punta Herbosa, é onde hai que prestar un pouco de atención pola proximidade do cantil, pero o carreiro está ben definido e pasámolo sen maiores complicacións. Novamente nos desviamos ata o miradoiro, precedido por unha serie de rochas exentas modeladas pola erosión, que me recordan ás que hai no tramo que vai dende a praia de Traba a Camelle.

Dende os cantís dos Guilleiros xa divisamos a Illa Herbosa
No miradoiro de Punta Herbosa hai fermosas rochas modeladas pola erosión
Logo do paso polo piñeiral, volvemos gozar da paisaxe costeira

No miradoiro temos ante nós a illa Herbosa, e permite gozar, como en toda a costa, das magníficas vistas sobre o Atlántico, no que divisamos dous cargueiros cruzándose, un con rumbo sur que parece que se dirixe ao porto exterior de Ferrol, e outro que acaba de sair do mesmo porto con rumbo norte. Non estaría mal parar aquí a xantar, pero o lixeiro vento e, sobre todo, o sol, fai que decidamos continuar camiño ata chegarmos a un pequeno piñeiral, no que paramos a repoñer forzas baixo a súa sombra.

Reiniciamos a marcha polo piñeiral. Un tramo curto que pronto nos permite volver gozar da paisaxe costeira. Pero aínda temos que salvar un carreiro entre toxos e xestas, no que máis dun se lembrou do pantalón longo, aínda que a beleza da paisaxe foi un bo anestésico que nos permitiu chegar pronto ao miradoiro de San Xurxo.

Dende o miradoiro de San Xurxo hai unha visión ampla de toda a praia ata Prior
Pequena senda que nos leva ata o aparcadoiro de San Xurxo
San Xurxo é ideal para a práctica do surf
A praia é fabulosa, de augas cristalinas de cor azul verdosa, area fina e moi branca

A visión da praia de San Xurxo e do Cabo Prior desde o Miradoiro de San Xurxo é espectacular. Sen parar moito nel, pronto acadamos unha pequena senda de terra que nos leva a través dunha zona arboreda ata a praia de San Xurxo, pola que imos recreándonos coas vistas da fabulosa praia, unha especie de baía, de augas cristalinas de cor azul verdosa, area fina e moi branca e, do mesmo xeito que Doniños, con forte ondada, ideal para a práctica do windsurf, surf… tal como vemos practicar a medida que imos avanzando polo piñeiral.

Rematada a andaina pola liña de costa, toca agora acometer o regreso ata Doniños polo interior. Superado o aparcadoiro da praia, á altura do bar Costa Verde, iniciamos a subida a Vila da Aldea por unha estrada sen beirarúa, pero sen tráfico nesta época, pois a maioría das casas semellan estar pechadas. O obxectivo é acadar o monte de San Xurxo. Xa na parte alta, continuamos por un camiño sinalizado que discorre entre os pinos do Monte San Xurxo. Este camiño devólvenos á praia de Doniños.

Vistas do val dende o alto de Vila da Aldea
Camiñando polo monte de San Xurxo en suave descenso
Chegando á praia de Doniños, final da ruta

Só nos queda chegar ata o piñeiral de Doniños, desta hora con bastante xente descansando, pois o día non podía estar mellor para gozar da praia. Ao rematar, non houbo ocasión de refrescarse na praia, pois ondeaba a bandeira vermella, así que despois dos estiramentos, achegámonos ata o chiringuito Doniños a tomar unha cervexiña co grupo e voltar para Santiago coas pilas cargadas, e vendo na cámara a cantidade de fotos que saquei desta fermosa xornada.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio