Ruta por Cenlle

Ruta por Cenlle
Río Miño ao seu paso por Cenlle, formando parte do encoro de Castrelo de Miño.

Visitamos o concello de Cenlle, moi cerca de Ourense,  para facer unha interesante e variada ruta de sendeirismo que comeza e remata na beira do río Miño, á carón da igrexa de Santa Baia de Laias e o balneario. A ruta lévanos primeiramente río abaixo pola súa marxe dereita. Nesta zona o río forma parte do encoro de Castrelo de Miño. Ao pouco o camiño sepárase do río e lévanos á parroquia de Santa María de Razamonde. Dende aquí comeza unha subida cara o monte de San Trocado, aínda que non acadaremos o seu cumio e continuaremos a media altura do mesmo por un camiño que nos permitirá gozar dunhas fermosas panorámicas do Miño e dos concellos lindeiros: Toen, Castrelo de Miño, Arnoia… Mais adiante o camiño lévanos novamente ao Miño e, seguindo o seu curso. chegamos ao final da ruta.

Se hai algo que caracteriza esta ruta é a súa paisaxe.

MIDE:

  • Horario: 4h 40m
  • Desnivel de subida: 435 m
  • Desnivel de baixada: 435m
  • Distancia horizontal: 15 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Saimos dende as proximidades da Igrexa Santa Baia de Laias, un lugar perfecto para comezar unha das rutas de sendeirismo que ofrece o Concello de Cenlle, aínda que nós faremos unha combinación de dúas delas, a Andaina Termal do Miño e a Vía Romana, acadándose así un percorrido circular. Coma sempre, antes de comezar, reuniunos  Víctor para comentarnos brevemente o desenvolvemento da ruta. Como ven sendo costume, bendito costume ultimamente, está acompañándonos xente nova e agardo que repitan máis xornadas co grupo. Aínda que non é cedo, a imaxe que ofrece o río nesta hora é preciosa, pois comeza a levantarse a brétema, deixando unhas estampas de toda a contorna ben fermosas.

Ruta por Cenlle
Segundo avanza o día, a brétema vai desaparecendo deixando unhas imaxes ben fermosas.

Despois da charla, empezamos a camiñar río abaixo, pegados a el. O río vai por riba de si mesmo, é coma unha serpe parda, caudalosa e algo repousada pola proximidade do encoro de Castrelo de Miño. As árbores, de raíces mergulladas, están fóra do seu propio tempo. En nada, camiñamos por un centenario bosque de sobreiras, árbore pouco habitual en Galicia. As sobreiras e a paisaxe do río anuncian unha ruta que promete moito.

Ruta por Cenlle
Sobreiras centenarias acompáñannos en boa parte deste primeiro tramo do percorrido.

Unha pasarela de madeira, moi esvaradía, anuncia que o tramo fluvial polo sobreiral vai rematando, e descendemos cara un pantalán que nos permite salvar por debaixo a vía do tren que discorre paralela ao camiño que estamos percorrendo. Abandonamos o río e comeza aquí unha pequena subida que moitos aproveitan para desprenderse de roupa, antes de acometela, pois xa comeza a sobrar.

Ruta por Cenlle
A pasarela é o punto onde deixamos o tramo fluvial.

Ollo, na subida hai que ter como referencia a adega que hai á esquerda, pois houbo uns pequenos derrumbes provocados pola crecida do regato que baixa que obrigou a variar un pouco o traxecto, deixando de estar claro antes de chegar á adega Priorato de Razamonde.

Ruta por Cenlle
Superada a adega Priorato de Razamonde, imos rodeados de viñedos durante bastante tempo.

A vista agora tórnase de costas ao río, e a paixase está moi humanizada, con pequenas leiras onde predomina o viñedo. Estamos en plena comarca do Ribeiro.

Ruta por Cenlle
A porta sur da igrexa de Razamonde, de factura románica, é moi fermosa.

Superada a adega Priorato de Razamonde, ímonos reagrupando ao pé dun cruceiro próximo e, sen moita demora, dirixímonos cara a igrexa de Razamonde, un templo románico de cruz latina do século XII, ainda que restaurado no século XVIII, que conserva parte da súa fábrica románica cunha interesante porta sur, moi fermosa.

Ruta por Cenlle
A subida da xornada polo monte de San Trocado, pronunciada pero sen maiores dificultades.

Dende a igrexa comezamos a subida ao monte. Continuamos entre viñedos que xa comezan a ter actividade nesta época pois precisan ser podados. Superamos tamén por debaixo a estrada N-120 e dirixímonos cara á Fonte de Lagarellos, nun pequeno percorrido de ida e volta. É de construción sumamente singular, de forma abovedada, asentada sobre un xacemento romano. É unha fonte de captación de auga sen pozo, que se utilizaba posiblemente para limpar os minerais de ouro e estaño que se extraían nas abas dos montes cercanos.

Ruta por Cenlle
A medida que gañamos altura, as vistas sobre o río cada vez son máis amplas.

Xa de volta, continuamos camiño para cruzar a A-52 por debaixo da mesma e, unha vez superada esta última iniciamos a subida da xornada polo monte de San Trocado, pronunciada pero sen maiores dificultades, e dirixímonos cara unha antiga mina de volframio.

Ruta por Cenlle
Xantando sobre unhas rochas á beira do camiño.

Nun primeiro momento facémolo polo bosque pero, pouco a pouco, comezan a aparecer masas de mimosas das que xa empezan a brotar as súas flores. En poucos días o amarelo de xestas, toxos e mimosas vai ser a cor predominante nestes montes. Pouco despois acadamos o punto máis alto da ruta, seguimos por pistas e, en varios puntos temos vistas cara ao encoro e as poboacións que o circundan.

Ruta por Cenlle
En todo momento, as vistas sobre o río son moi fermosas.

Semella que a chuvia ofreceu unha tregua esta semana, aínda que o sol está a xogar ás agachadas entre os andazos dunha nube de chumbo. Comezan a caer unhas pingas de forma suave. Por sorte, por agora, pouca cousa, o que nos vai permitir parar para xantar sobre unhas rochas á beira do camiño, gozando das vistas dende esta atalaia. Nesta altura, o tempo anda fresco, polo que temos que abrigarnos para non coller frío.

Ruta por Cenlle
Descendendo polos restos da calzada romana.

Continuamos a ruta sempre por pista, e con moi boas vistas cara o río. Pronto comezamos o descenso e chegamos á calzada romana, que apreciamos perfectamente coas lousas de granito á vista lavadas pola cantidade de auga que caeu estes días. Esta vía de comunicación unía o castro de San Cibrán de Lás co río Miño, tendo en Barbantes o embarcadeiro para cruzar á outra beira do río. A Barca de Barbantes era das máis importantes do río Miño e funcionou ata a década dos anos sesenta do século pasado.

Ruta por Cenlle
Acadado de novo o río, un paseo duns dous km condúcenos ata o balneario.

Continuamos ata Barbantes e despois de volver cruzar por debaixo as estradas A-52 e N-120, na que hai que prestar atención ás sinalizacións, pois se nos equivocamos desembocamos na estrada que queremos evitar, e a vía do tren, pechando así a ruta de novo pegados ao río Miño, e o terreo volve estar carente de dificultade.

Ruta por Cenlle
Ata o balneario de Laias o camiño é sinxelo e sombrío en parte do percorrido.

Camiñamos polos arredores da Área Termal de Barbantes, unha zona de uso gratuíto composta por tres piscinas hipotermales, que semellan non estar en funcionamento, rodeada por un amplo espazo axardinado, ideal para tomar o sol, descansar e gozar da paisaxe das ribeiras do Miño. Haberá que vir probalas!

Ruta por Cenlle
Chegando ao final do percorrido pola parte traseira do edificio do balneario.

Só queda achegármonos ao Balneario de Laias. Ata o balneario a distancia é duns 2 km, e o camiño é sinxelo e sombrío, no que se alterna a senda pola mesma beira ou separándose do río, e gozando das últimas luces do día que se proxectan entre as árbores espidas.

PS. Este mesmo percorrido realizouno a miña amiga Gata con Botas, da que vos recomendo a lectura das súas andainas no seu blog de sendeirismo. Paga moito a pena!

2 comentarios sobre “Ruta por Cenlle”

  1. Que estampas máis bonitas deixou a brétema levantando do Miño! Alégrome de que disfrutaras da ruta :-).

    1. Sii. Parece mentira pero, a priori, camiñar pola beira dun encoro semella que non vai ser atractivo e mira ti que espectáculo de paisaxe! Unha chulada!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio