Ruta por Caminha

Ruta por Caminha

Viaxamos ata Caminha, importante concello do norte de Portugal, para facer unha pequena ruta que nos levou ata a Cruz de Moledo.

  • Lonxitude da ruta: 14 km aprox.
  • Desnivel: medio-baixo.
  • Dificultade: media-baixo.
  • pdf mide Caminha [pdf – 84 kb][Actualizado: 27/5/14]

A ruta comeza na vila de Caminha, percorrendo o paseo xunto ao río que vai ata a praia de Foz do Minho, que completamos a través dunha pasarela de madeira que vai toda á beira da auga. A pesares do ruído do tráfico, a vista é ben fermosa! Imos sempre co estuario, o Monte de Santa Tegra e as ondas do mar que semella que non queren que o Miño se adentre no Atlántico na súa desembocadura.

Logo de achegarnos ata a praia e desfrutar por primeira vez do mar aberto cunha pequena chuvieira, e divisar o Forte da Ínsua (monumento nacional construído no s. XVII), que se encontra nunha pequena illa rochosa na foz do Rio Miño, perto da costa, continuamos polo fermoso Pinhal de Camarido, ata a vila de Moledo.

Unha vez aquí, e logo de cruzar a vía do tren, comeza a subida á Cruz de Moledo, onde desfrutamos dunhas magníficas panorámicas da costa atlántica portuguesa, así como da desembocadura do Miño e o monte Santa Tegra. Se á beira do mar o vento era forte, na cruz zoaba de raio! Aproveitamos o merendeiro que hai un pouco máis abaixo para repoñer forzas, anque algunhas decidiron xantar ao pé da cruz.

Despois voltamos por distinto camiño, atravesando a EN 13, pasamos de novo polo núcleo urbano e turístico de Moledo ata chegarmos à praia de Moledo, con bastante xente pescando dende o areal (non sei como poden aguantar con tanto vento!). Bordeamos esta afamada praia minhota para, posteriormente, percorrer de novo a Mata Nacional do Camarido. Por entre o denso piñeiral, cuxo obxectivo era frear o avance das areas, seguimos case en liña recta ata á Foz do Minho, onde Rocío nos guiou cos estiramentos reparadores e demos por rematada a andaina.

Houbo tempo de refrescarse na praia, houbo tempo para tomar unha cervexa nunha das terrazas que hai neste fermoso espazo natural, e tamén houbo tempo para parar de novo en Caminha e facer unhas pequenas compras, sobre todo moitos doces e viño verde… unha tarde ben completa!

A ruta é sinxela e non ten dificultades, salvo o ascenso á Cruz, pero tampouco é moi difícil xa que é curto e o camiño é bo.

Ver Ruta por Caminha nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Ruta por Caminha”

  1. Creo que foi unha actividade interesante. Unha das poucas “saídas internacionais” que fixemos ate agora 🙂 Paisaxes ben fermosas preto da casa. Sería boa idea voltar e explorar novas rutas, non?

    Qué fotos ¡

    Saúdos

    1. Grazas Vícto e parabéns!,

      Pois tés razón no da “internacionalización”… e no de volver, e eu xa teño unha polo mesmo concello!;-) http://goo.gl/zmxzs5

      Xa estou pensando en qué sorpresa nos gardas para xullo polo río Ulla!

      Apertas

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio