Ruta polo concello de Friol. Cova da Serpe

09-11-2024
Cova da Serpe
Cova da Serpe

A ruta comeza e remata na parroquia de Miraz. É un percorrido circular que nos leva ata o alto da Serra da Cova da Serpe. Ao comezo, durante os primeiros quilómetros, coincide co Camiño do Norte que ven pola costa ata Ribadeo, e de aí a Santiago de Compostela. O cumio da serra, preto da Cova, está a 836 m de altitude. En días claros, con boa visibilidade, podemos ver enormes extensións de territorio: gran parte da provincia de Lugo ao leste e da Coruña ao oeste.

Os camiños son bastante bos en xeral, amplos, e relativamente cómodos. Parte deles transcorren entre enormes plantacións de piñeiros, pequenos bosques autóctonos, pasteiros e matogueiras. A ruta non ten dificultades excesivas, salvo que se chovese moito os días anteriores podemos atopar tramos con bastante lama. Hai que ter en conta a lonxitude, preto de 20 km.

En Miraz temos interesantes mostras arquitectónicas como a igrexa de Santiago e a Torre de Miraz, unha antiga fortaleza que aínda que sufriu continuas reformas aínda se ve ben conservada.

MIDE

  • Horario: 5:50 h.
  • Desnivel de subida: 473 m
  • Desnivel de baixada: 473 m
  • Distancia horizontal: 19,4 Km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Baixa/Media

Hai dezaseis anos…

Comenteille a Suso que íamos ir ata a Cova da Serpe e rapidamente comentoume que el xa estivera coa USC en abril de 2008, nun día como o que tivemos hoxe, con algo de chuvia e lama. Mandoume algunhas fotos daquela, recoñecín a moitos e moitas participantes pero só a Elena como supervivinte da morea de xente que foi pasando ao longo de todos estes anos por esta actividade. Poño algunha foto daquela andaina dende As Cruces, no concello de Sobrado, por se recoñecedes a alguén. Grazas Suso!

Presentando a ruta nas Cruces. Foto de Suso
Había moita lama nos camiños. Foto de Suso
Máis lama. Foto de Suso
Percorrido da ruta polo concello de Sobrado. Foto de Suso

Comezamos a camiñar…

Despois de tanto tempo, había que volver, e desta vez desprazámonos ata a comarca de Lugo para percorrer esta fermosa ruta polo norte do concello de Friol, máis concretamente pola parroquia de Miraz. Antes de chegar, paramos un anaco en Parga para tomar un café e dar un pequeno paseo polo seu recinto feiral, pois aínda conserva unha feira moi interesante dous domingos de cada mes.

Despois o bus levounos ata Miraz, e mentres nos preparamos para comezar a andaina vexo como máis adiante, fronte á igrexa de Santiago, detense a furgoneta da panadeira con pan de Ousá, un pan riquísimo de miga compacta e cunha corteza dura, que permite que aguante tenro moito tempo. Desprázome de contado ata alí e fágome cun par de pezas.

A primeira parte da ruta coincide co Camiño do Norte
Chantas verticais intercaladas entre as pedras
O desnivel a salvar nos primeiros km é moi pequeno

O lugar de Miraz é un punto polo que pasa o Camiño do Norte a Santiago, e os primeiros quilómetros que andamos ímolos percorrer acompañados polos sinais do camiño. Logo de pasar por unha paraxe que semella que foi unha antiga canteira de granito, cunhas enormes laxes no camiño, abandonamos o Camiño do Norte á altura da Braña e dirixímonos cara a aldea de Mateos. En moitos puntos deste tramo chaman a atención os muros de peche das fincas con chantas verticais intercaladas entre as pedras.

Detémonos antes de cruzar Mateos pois a chuvia comeza a ser intensa e temos que prepararnos para soportala durante un bo treito. Gardo a cámara de fotos na mochila e poño o chubasqueiro, pois hoxe non vin moi preparado, confiado en que a chuvia non ía aparecer ata a tarde. A medida que nos internamos no monte imos escoitando cada vez máis forte o son da motoserra, que está a talar piñeiros, o que fai que Víctor se adiante para advertir aos madeireiros do noso paso. A pesar de que a chuvia xa está desaparecendo, este vai ser o tramo no que atopemos máis lama, provocada polas rodadas da maquinaria.

Xa estamos moi próximos á lendaria serra da Cova da Serpe, fronteira natural que separa os municipios de Friol e Guitiriz. O desnivel a superar é un pouco máis intenso que o que tivemos ata o de agora, e vai culminar cando acometemos un pequeno treito por un cortalumes que nos deixa directamente na pista que conecta os distintos aeroxeneradores do parque eólico. Cambiamos o ruído da motoserra polo dos muíños de vento.

Logo de pasar Mateos sorprendeunos a chuvia
As rodadas dos vehículos forestais complicáronos o paso polo monte
Dende a pista xa se divisan as antenas, ubicadas no punto máis alto da serra

A Serra da Cova da Serpe encádrase dentro das serras que conforman a Dorsal Galega, unha cadea montañosa de 210 quilómetros de lonxitude que se estende de norte a sur por Galicia, coa Serra da Faladoira, da Gañidoira, Serra da Loba, Cordal de Montouto, Serra de Careón ao norte, e seguiría esta sucesión de serras cara o sur coas do Farelo, O Faro, Martiñá, Candán, Cando, O Suído, Faro de Avión, Paradanta

Son todas serras moi vellas e moi erosionadas, polo que as altitudes son modestas, sen chegar aos mil metros, nas que practicamente non hai formacións rochosas. Pero algunhas hai e nas da Serra da Cova da Serpe hai esquistos, algo chamativo pois normalmente en Galicia predomina o granito; así vemos rochas grises e escarpadas con lixeiros trazos de arbustos, mato salvaxe e bosque de folla perenne, fundamentalmente piñeirais.

Camiñamos pola pista do parque ata o punto máis alto da serra, distinguible polo grupo de antenas alí instaladas. Ademais das instalacións para as antenas, neste espazo está ubicado o punto xeodéxico, que certifica os 836 m de altitude, e o que semella ser un posto de vixilancia contra incendios. Non paramos moito e continuamos ata a Cova da Serpe, moi próxima, pola pista do parque eólico. Antes de chegar á cova, un panel caído e deitado sobre os toxos aínda cumpre a súa función: infórmanos dos aspectos da cova, flora, fauna e actuacións de mellora no entorno levadas a cabo polas comuninades de montes.

Esta paraxe única sitúase na reserva da biosfera Terras do Miño
No cume hai o que semella ser un posto de vixilancia contra incendios
Entre eólicos, continuamos ata a cercana Cova da Serpe

Estamos nun dos mellores miradoiros da zona xa que a cova é unha das cimas da serra, e desde ela, que se alza por encima dos 800 metros, pode verse unha ampla panorámica das provincias de Lugo e A Coruña. Víctor coméntanos que en días claros, limpos polo nordés, pode chegar a verse a cidade da Coruña ao oeste e a serra dos Ancares ao leste, segundo lle teñen dito. Dende logo, é un punto importante da xeografía do país.

A Cova da Serpe é unha cova moi pequeniña e dálle nome á serra, e gran parte dela enchérona de pedras ata colmatala, polo que a súa altura é menor que a orixinal. Na actualidade a economía baséase nos eólicos e na madeira, pero no seu día foi máis gandeira, había moitos pastos con vacas, ovellas… e moitas veces o gando que se resgardaba na cova caía nela, morrendo alí ao non poder sacalo, e con moita posibilidade este fora un motivo para tapala.

Ademais de tanta fermosura, a Cova da Serpe representa o escenario dunha romántica lenda de amores prohibidos. En Galicia hai moitos lugares con este nome e, se cadra, a máis coñecida sexa esta de Miraz. No “Dicionario dos seres míticos galegos” nárrase que alí vivía unha enorme cobra da que se contan dúas historias diferentes. Unha refire como os veciños, cansos de aturala e de ter que esconderse cada vez que baixaba beber á Poza da Serpe, argallaron de enzoufar un burro en alcatrán e pórllo ó alcance á cobra. Tivo fame, comeuno, e acabouse o conto.

Deixamos a pista para subir ata a cova
No espazo da Cova da Serpe tamén hai un miradoiro
As vistas dende a Cova da Serpe son moi amplas en calquera dirección

Na outra versión a cova é o escenario dunha romántica lenda de amores prohibidos. Berta, filla do señor da Torre de San Paio de Narla, foi salvada por un plebeo de morrer pateada por un cabalo. Namoráronse e todo foi ben ata que o soubo o pai de Berta que lle leu a cartilla, aclarándolle que eles eran fidalgos. Mais ela preferiu fuxir co mozo e fóronse agachar na Cova da Serpe. Non se decataron do perigo. Saíu recibilos o réptil. O mozo sacou un cativo puñal do cinto e pelexou coma un perdido; conseguiu facerlle á cobra unha ferida de morte na testa, pero ela trabouno e morreron ámbolos dous. Dise que Berta toleou e ao mozo enterrárono no adro da igrexa parroquial de Friol.

Semella que esta versión é a máis aceptada pois ata no escudo do concello de Friol aparece representado o mozo co coitelo na man, xunto coa torre de San Paio de Narla.

Facémonos fotos diante da cova e tamén das vistas que temos dende esta altura, e decidimos baixar a xantar ata un merendeiro próximo á beira do camiño. Non demoramos moito pois vemos como ao lonxe a chuvia está vindo cara a nós, e volvemos poñernos a roupa de augas. Afortunadamente, o chuvasco non foi moi intenso e xa non volvemos ter augar en todo o que queda de andaina.

Pequenas mostras de árbores autóctonas alegran o camiño coas súas cores
Os camiños son bastante bos en xeral, amplos, e relativamente cómodos
Recollendo o gando en Miraz

A partir de agora, o camiño é practicamente de baixada e case todo por pista. Pasamos por moitos espazos abertos provocados pola tala recente de piñeiros, toradas que vemos amoreadas nunha encrucillada.

Un pouco máis abaixo detéñome a ler un cartel que hai diante da chamada Pena do Acordo, na que hai un gravado realizado en 1828 con motivo do acordo realizado entre as parroquias de Anafreita e o Couto de Vilaldar con respecto aos seu límites, e hoxe serve de punto delimitador do deslinde das Comunidades de Montes de Vilaldar e de Miraz. A pena foi gravada cun A no lado de Anafreita, unha cruz no medio e un V invertido no lado de Vilaldar. A pena non ten fácil acceso e foime imposible achegarme a ver a inscrición.

Contra o que poidera parecer, a baixada é fermosa, pois imos entre plantacións de piñeiros rodeados de rechamantes cores outonais de fentos, bidueiros, carballos… ata que volvemos encontarnos co camiño de ida, un pouco antes de chegar a Laxes. Xuntámonos e facemos este tramo por estrada ata chegar de novo a Miraz. Unha mágoa non poder achegarnos ata a Torre de Miraz, pois a tarde vense enriba e a luz do día comeza a minguar, sinal que nos advirten os veciños que veñen de recoller as súas vacas do prado. Que bonita a rubia galega!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio