Ruta nocturna por Fisterra
Este sábado fixemos unha engaiolante andaina nocturna en Fisterra, ao cabo da fin do mundo.
- Lonxitude da ruta: 11 km
- Desnivel: baixo-medio (tanto de subida como de baixada)
- Dificultade: baixa- media
Saímos cedo, pola tarde, para aproveitar o tempo antes do solpor. Xa en Fisterra partimos do porto en dirección ao castelo de San Carlos, fortificación do S. XVIII, onde está o Museo do Mar e da Pesca, que visitamos.
Durante a visita, que durou algo menos dunha hora, pudemos empaparnos de coñecementos e historias, contadas dun xeito extraordinario por Manolo, o encargado do museo. O museo é ben pequeno, pero estando alí Manolo, pódense pasar horas e horas escoitando todo o que el ten que contar e transmitir, que non é pouco. Moitas grazas Manolo, por transmitirnos tanta sabiduría, tanta cultura… e dese xeito!! (Por alí tería que pasar algún dos nosos embarretados cátedros, para aprender técnicas de docencia… ).
Este mariñeiro e tamén poeta, Alexandre Nerium de seudónimo, o poeta do mar:
CABALEIRO DO MAR
Cabaleiro do mar, fun cabaleiro
dun castelo de estrelas desvalidas,
entre cachóns de anémonas perdidas
entre cinzas que afloran no salseiro.
Cabaleiro do mar, fun cabaleiro,
na galera de mans esvaecidas,
entre bágoas de sal esmorecidas,
amarrando o puntal do mastroeiro.
Cabaleiro do mar; de pés mollados,
entre alfanxes sombríos, ondulados,
de azagaia sutil e nacarada.
Cabaleiro de soño e de serea
tumbado no devalo da marea
sen pavés, sen loriga e sen espada.
A visita soubo a pouco, así que haberá que voltar, e convido a todos a que visitedes o museo, lembrade que está no castelo de San Carlos, ao final do porto de Fisterra.
Unha vez rematada a visita comezamos a andaina camiño do faro, e atopámonos co monumento máis interesante da vila, a Igrexa de Santa María das Areas (s. XII).
Continuamos pola estrada que leva ao faro ata desviarnos para contemplar unha das obras de arquitectura galega que máis me ten chamado a atención dos últimos anos: o cemiterio de Fisterra de César Portela, formado por unha serie de sendeiros que se adaptan ao pronunciado desnivel, ao longo dos que se distribúen máis ou menos libremente, uns cubos de pedra, que conteñen os nichos ou as capelas mortuorias. Todo isto co mar de fondo. Soa tan interesante… pero non se usa o cemiterio! O camiño abandonado, as capellas con elementos oxidados… e ninguén enterrado alí. Por algún motivo a xente négase a que a enterren alí, supoño que primeiro será porque o lugar está apartado e moi exposto á climatoloxía, que alí acostuma ser bastante dura e prefiren o seu cemiterio de toda a vida pechado cunha tapia e bastante máis cerca da vila.
Creo que todo isto nos resultou no momento bastante triste, ao ver unha obra de poucos anos morrendo. Pero ao mesmo tempo fíxonos pensar en que a relación entre arquitectura e sociedade é ás veces máis forte do que nos gustaría.
Aínda de día, chegamos ata o cabo de Fisterra, vimos o seu faro, o faro máis occidental e emblemático de Europa, considerado tradicionalmente como o cabo da fin do mundo, “Finis Terrae” e onde chegamos un pouco antes do solpor, o que me permitiu sacar fotos as esgalla (perdoade se desta vez me paso poñendo postas de sol).
Produce gran tristura saber que no edificio anexo ao faro, a Sirena, popularmente coñecida coma a vaca de Fisterra, non funciona! Entrou en funcionamento en 1889 para os días nos que a néboa impedía ver a luz do faro e emitía dous sons estridentes cada minuto, cun alcance de 25 millas (46 qm) en tempo medio. Non haberá xeito de arreglar isto e que non se perda este elemento tan curioso e tan importante!
Outro dos costumes, xa tradición, e que non comparto, é a de que no cabo de Fisterra hai sitios para queimar zapatos ou roupa, como símbolo de final do camiño, purificación… e que se está a converter nun grave problema para a conservación dun dos enclaves máis emblemáticos da Costa da Morte, sobre todo se estamos nun espazo pertencente á Rede Natura 2000! Gustaríame saber se estes peregrinos farían o mesmo nun espazo protexido do seu país.
Despois, xa entre lusco e fusco, e provistos de linternas e material reflectante, tomamos rumbo cara ao Monte Facho para desfrutar dende alí das últimas panorámicas do faro e alcanzar, xa metidos na noite, a praia de Mar de Fóra. Como xa fixéramos na ruta feita hai dous anos, paramos a xantar e descansar na área que hai antes desta praia virxe, rodeada de acantilados, e situada entre a península de Fisterra e o Cabo da Nave. Logo, percorremos todo o areal escoitando permanentemente o bater das ondas. Unha auténtica gozada! Supoño que máis dun quedaría alucinado ao vernos, e confundirnos coa santa compaña.
Dende alí só nos quedou achegarnos ata Fisterra para rematar a ruta.
Como xa comentara na primeira ruta nocturna que fixemos, é unha actividade que hai que facer de cando en vez, pois permítenos gozar da natureza noutro momento do día, a noite, que fai que agudicemos máis os sentidos, sobre todo o do oido, pero tamén o da vista e o do olfato (ese olor a mar é imborrable), e que polo día non nos decatamos tanto.
Ver Ruta nocturna por Fisterra nun mapa máis grande
No se expresarme ante tanta belleza, sólo mirar y disfrutar….
Grazas Rocío! E eu preocupado por tanta foto de posta del sol… Bicos
Ben bonita a Ruta e o momento. As fotos, hainas maravillosas, me levan moi ben pola ruta, solo me falta ese cheiro a mar do que falas!
Grazas prima! A verdade é que pasámolo en grande (e ademáis aprendemos). Bicos
Foi unha ruta ben fermosa. A visita ao museo foi algo impresionante. Que xeito de transmitir cousas, que ledicia ¡
Coma sempre, moi boas fotos, Fran. Noraboa tamén polo texto descriptivo
Comparto plenamente o que nos dís sobre esa nova moda de queimar botas, camisetas e demáis ao pé do faro…E lamentable que o fagan, e incrible que as autoridades pertinentes non tomen cartas no asunto…
Vémonos pronto, en Samos, si queredes ¡
pd: moi boa idea a de engadir tamén fotos de outros participantes
Grazas Víctor,
Parece mentira que unha ruta nocturna dea para escribir tanto! A verdade é que están sendo de cine os roteiros que nos preparas, e este novembro xa nin che digo con Samos e O Courel!
Apertas