Ruta do monte Muralla a Rianxo


2.056 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.50 de 5)
Loading...

Ruta do monte Muralla a Rianxo

O Monte Muralla está situado no interior concello de Rianxo, moi preto dos concellos de Lousame, Dodro e Rois. É un miradoiro espectacular sobre a ría de Arousa.

  • Lonxitude da ruta: 16 km aprox.
  • Desnivel: medio (case todo de baixada)
  • Dificultade: media

Antes de comezar a camiñar, coma sempre, paramos a tomar un café na vila de Rianxo, e logo desprazámonos ata Araño, onde pudemos contemplar o seu famoso hórreo. O Hórreo de Araño está considerado como o hórreo máis longo de toda Galicia, e o de máis capacidade se sumamos as capacidades da cámara e o celeiro. Esta construción do s. XVIII forma parte do conxunto no que se encontran a igrexa parroquial e a reitoral.

Logo o bus achegounos ata o comezo da ruta, preto do cumio, subindo, e cunhas vistas marabillosas dende o comezo, pero co “inconveniente” de levar como compañeiros de camiño os aeroxeneradores do parque eólico de Monte Treito, que se encontra pegado ao Muralla.

A vista panorámica podémola observar facendo un xiro de 360º. As aldeas do concello de Rianxo están aos nosos pés (Campelo, Bustelo e Vilar) e, por suposto, a ría de Arousa, desde a desembocadura do río Ulla, Catoira, Vilagarcía, Cambados, O Grove, e as illas de Cortegada, Arousa, A Toxa, Sálvora… Ons e Cíes! Rianxo, Boiro, Pobra, Ribeira… Vemos en toda a súa amplitude a serra do Barbanza e a continuación de NoiaMuros. Cara ao leste, divísase Santiago de Compostela e as torres da catedral. Comentaba alguén do grupo que hai xente que ven ver os fogos do apóstol a noite do 24 de xullo!

O estupendo día do que desfrutamos non nos permitiu divisar con nitidez todo isto pois o ceo estaba bastante sucio. Porén, apreciamos estupendamente o esteiro do río Ulla neste tramo final ata a súa desembocadura fronte á illa de Cortegada.

Segundo nos comentou o vixiante contraincendios da Xunta que estaba de garda, o cumio do Muralla álzase a case 660 metros de altitude, 20 m menos que o Iroite, o máis alto da Serra do Barbanza. Lin (sen poder confirmalo) que nas súas abas nace o río Vilacoba, fermoso río que Lousame promociona con outra ruta moi interesante que é a dos Rios Vilacoba e San Xusto, e que xa fixen hai pouco máis dun ano cunha chea de amigos.

Unha vez acadado o cumio e desfrutado das vistas e da conversa, todo o camiño que nos queda é de baixada. Transcorre por pistas e algún cortalumes, con animais en liberdade, que supoño polas pegadas naturais que hai por todo o camiño. Decidimos facer a parada para xantar e descansar aos pés da antiga escola unitaria de Ourille, primeiro núcleo de poboación que nos atopamos.

Xa no treito final, que fixemos por algún tramo de asfalto, tivemos tempo de apreciar algunha que outra lacena en Outeiro e o fermoso Cruceiro da Laxe, cruceiro de capela integrado nun muro, e que non hai que confundir co Cruceiro da Laxe Pequena, o máis fermoso e antigo de Rianxo, probablemente do século XVI. Logo pasamos polas aldeas de Dorna e O Burato ata chegarmos ao paseo marítimo de Rianxo, xa no tramo final e que os incondicionais aproveitaron para darse un pequeno baño na praia da Torre antes de percorrelo. O resto, continuamos por el ata Rianxo onde demos por rematada esta fermosa andaina.

Andiven preocupado durante toda a andaina de hoxe pois a cámara de fotos estropeóuseme! A pantalla externa da Lumix, que é por onde controlo as fotos que tiro, deixou de funcionar, quedando permanentemente en negro, e tendo que recurrir ao visor para facer as fotos, que sería o normal, pero cos meus problemas de visión tiña que facelo a través da pantalla… a ver que sae a partir de agora!

Ver Ruta do monte Muralla a Rianxo nun mapa máis grande



Galería

Ruta do monte Muralla a Rianxo


3 comentarios en “Ruta do monte Muralla a Rianxo”

  1. Moi bo relato Fran, e boas as fotos tamén. Dou fé de que con boa visibilidade pódese ver ata o cabo Silleiro dende alí, impresionante. Que, por certo, está aproximadamente a uns 75km en liña recta.
    Agardo que o problema da cámara teñ fácil solución.

    E si queredes vémonos este sábado día 11 na ruta da primeira etapa do Camiño dos Faros, de Malpica a Niñóns. Espectacular.

    Saúdos

    Responder
  2. Como me pilla moi preto de casa e xa que non puiden ir con vos, tentarei de facelo primeiro andando para recoñecelo e despois….¡a correr!. Moitas gracias por ensinarme percorridos novos onde matar as pernas.

    Responder

Deixa una resposta a Víctor Cancelar a resposta

*