Ruta de Espasante a O Barqueiro

Ruta de Espasante a O Barqueiro

Fin de semana en Ortegal! Desprazámonos a unha das xoias do noso patrimonio natural, a comarca de Ortegal.

Aloxámonos no Hostal Casa Giz, a cinco minutos da vila de Ortigueira. A cea e o almorzo déronolo no restaurante Giz, e ademais hai tenda e panadería Giz (non sei que parentesco hai entre eles, pois todo chámase Giz!).

As dúas rutas que imos percorrer teñen un alto valor natural e paisaxístico, e a de hoxe é sen dúbida unha das rutas máis fermosas que se poden facer pola costa norte de Galicia. Une as localidades de Espasante e O Barqueiro, aínda que nós rematamos un pouco antes, na praia de Esteiro, xa no concello de Mañón. Sendas e camiños sobre enormes cantís, agullas e rochas moi recortadas, tendo sempre como referentes os cabos de Estaca de Bares e Ortegal, fan que sexa unha ruta espectacular.

  • Lonxitude da ruta: 17,5 km
  • Desnivel: medio-baixo (de baixada e de subida)
  • Dificultade: media
  • pdf mide espasante o barqueiro [pdf – 85 kb] [Actualizado: 24/4/14]

Despois de deixar a maleta no hotel, desprazámonos ata Espasante, dar unha volta pola vila e tomar un café antes de comezar a ruta. Supoño que saberedes que nesta vila coidan ao porco Antón. O porco Antón é o cocho que cada ano crian solto pola vila os veciños, co fin de subhastalo e recadar cartos para as festas, anque agora creo que o rifan en decembro combinando coa lotería de Nadal, e coido que é o único premio que ninguén quere levar polo cariño que se lle colle ao animal, despois de tanto tempo pola vila. Quizais sirva de exemplo a aqueles que durante as festas da súa vila disfrutan do maltrato aos animais, e xustifícano nos costumes e tradicións do lugar…

Esta ruta é un paseo. Iniciamos a andaina na enseada de Espasante, na praia da Concha, que tras as dunas agacha varado no areal un iate empurrado pola forza do mar, tras racharlle o amarre do fondeo, e tamén a solidariedade dos veciños, que axudan á parella alemá cos seus fillos a desembarcar as súas pertenzas a un tractor. Damos a volta á península de Espasante ata o castro, coñecido como Punta dos Prados,  e con parada na Casa da Vela, un fermoso mirador sobre o Cantábrico; continuamos percorrendo as súas rúas e prazas, para iniciar o ascenso e divisar a fermosa e surfeira praia de Santo Antonio.

Céltigos é unha parroquia agraria que vive preto do mar e conta cunha fermosa  praia chamada Mazorgán, dividida por unha pequena península costeira. E pouco a pouco ascendemos bordeando a costa ata divisar a praia do Sarridal. Por seguridade, fixemos pequenas variacións no percorrido pois o estado nalgún tramo despois deste inverno tan bravo aconsellaba evitalo.

Entre impresionantes cantís perforados por furnas na súa parte baixa, ábrense as praias do CoiteloPicón. Pasamos así sobre os cantís fronte á Pena Furada. É hora de repoñer forzas e qué mellor que facelo fronte a este fermoso “zigurat” natural.

En Loiba remata o concello de Ortigueira polo leste. A costa de Loiba é a máis salvaxe do concello. O meu amigo ortegano Manolo Bermúdez (e fisterrán de adopción), comentoume a anécdota do banco rotulado no seu respaldo O mellor banco do mundo. Adiviñades onde está “the best bank of the world”? Algúns pensaredes que en Holanda polo banco ético Triodos ou polo ING Direct, ese que fai fresh banking… imos mal… Coma sempre, temos demasiada riqueza patrimonial no noso País e por desgraza nin reparamos niso.

Direivos que “the best bank of the world” está rexistrado a nivel mundial na costa de Galicia,… e está en Loiba! (en primeiriña liña de Google). Non será que, como ben vedes o banco laranxa de ING consume ao que aposenta nel ata deixalo en farrapos e que de todos os bancos galegos o que realmente fai “fresh banking”, polo fresquiño que vai, ben sentado nel e por ser un pracer para os sentidos, e o ben que se respira dende alí: arrecendo a algas e o airiño do noso mar, sobre todo, por ser o banco con máis sentido e razón de ser do mundo de entre todos os bancos porque che acolle sen cobrarche un peso e non che arruina senón que che regala fermosísimas vistas, todo de balde e sen letra pequena, como non ía ser o de Loiba “the best bank of the world” 😉 onde ía estar?  No noso País claro, o dos bos e xenerosos.

Cos Aguillóns de Ortegal ao fondo, a vista que ofrece este banco é un espectáculo, con agullas, praias, arcos e cantís. É para pasar alí todo un día.

Máis adiantes, e sobre o cantil, atopamos un curioso peirao, onde as pequenas embarcacións se sosteñen na ladeira por roldanas para evitar que as leve a preamar. Desde a beira do cantil non hai mais que ir seguindo as marcas da senda en dirección a Estaca de Bares  ata o lugar de Picón, de aquí baixase á praia de Esteiro (que fermosura de baixada!), co seu piñeiral onde nos agarda o autobús, que nos recolleu e levou ata O Barqueiro, onde desfrutamos dunha tardiña ben fermosa.

Logo, fixemos unha nova parada en Ortigueira, para dar un paseo pola vila querendo alongar esta tarde que xa se nos ía, destas tardes que non queres que rematen nunca…


Ver Ruta de Espasante a O Barqueiro nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Ruta de Espasante a O Barqueiro”

  1. Moi bonitas, COMA SEMPRE, que costa, que acantalados, ainda que non saín en ningunha………………..ja,ja,ja

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio