Ruta ao pico Pilupín


1.488 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
P1160269
Descendendo do Pilupín. Foto de Jaime

O Pilupín, Pelupín, Pelopín… é un modesto cumio de 2007 m de altitude que goza dunhas panorámicas extraordinarias sobre toda a comarca de Broto e Ordesa.

  • Lonxitude da ruta: 15 km
  • Desnivel: alto, tanto de subida como e baixada
  • Dificultade: media-alta (nalgún tramo do descenso a pendente é forte)

Deixamos para o último día de andainas o ascenso ao Pilupín, un monte baixo se o comparamos cos máis de 3400 m do Aneto. O percorrido iniciámolo mesmo en Broto (905 m), e imos acompañados por Ramón o noso chófer, que decidiu sair estirar as pernas, e seguimos diferentes sendeiros sinalizados, fundamentalmente por un tramo da senda prepirenaica GR15.

Antes de comezar o ascenso, a 1 km cruzamos polo pobo de Oto. Pasamos por diante da Torre de Oto, do século XV, un edificio defensivo de catro andares, hoxe convertido en casa de turismo rural. As casas amosan unha arquitectura típica do Alto Aragón, con tellado de lousas de arenisca, paredes de pedra, e poderosos chemineas troncocónicas coroadas pola pedra do “espantabrujas”.

Comezamos a ascender e imos practicamente á sombra todo o tempo, pero iso non impide que vaiamos suando coma nunca, ata que fixemos a primeira parada de descanso na aldea de Yosa de Broto, á que só se accede a pé, e onde repoñemos forzas. Aquí deixounos o Ramón, que regresou a Broto por onde viñemos. Yosa é unha aldea abandonada, os dous últimos habitantes deixárona no ano setenta do século pasado, fundamentalmente pola falta de auga, luz eléctrica e comunicacións, que a condearon á súa desaparición.

Cruzamos Yosa e seguimos picando cara arriba (e seguimos suando a gota gorda!), e agora xa sen sombra e entre buxos todo o rato, ata chegar a Tozal del Pueyo. Neste punto, situado a 1600 m de altura as vistas son impresionantes. Aínda que os pronósticos da meteo auguraban posibilidade de chuvia, tivemos toda a sorte do mundo e de novo un día excelente para divisar unha boa parte dos Pirineos aragoneses. De fronte, e máis á esquerda temos toda a formación da serra de Tendeñera, que vimos o primeiro día dende o val de Sorrosal. Á súa dereita toda a zona alta do val de Ordesa. O día é estranamente claro e podemos apreciar con toda nitidez a Brecha de Roland, un paso natural a Francia nos Pirineos, a Escupidera, o Monte Perdido

Aquí atopámonos cun zaragozano de oitenta anos que desprende unha paixón polo monte algo envexable. Logo de hidratarnos convenientemente e repoñer forzas, queda aínda por superar un desnivel de 400 m para chegar ao cumio do Pilupín.

Á hora de retomar a marcha, decido quedarme neste punto con outros seis, pois non me sinto con folgos para acometer o último tramo. Dóenme moito as pernas, pero dóeme moito máis non poder continuar pois era a oportunidade que tiña de superar os 2000 m de altitude nunha andaina. Outra vez sera!

Ao resto só lles queda a última parte do ascenso, que o fixeron rodeando o pico. Algúns, coma Xerardo, pasáronse e foron cara o outro cumio, polo que fixeron dous ascensos! Logo de dúas horas, vemos como inician o descenso, primeiro por unha forte e pedregosa pendente, ata que chegan onde a nós escalonadamente, cansos polo esforzo feito, pero cunha cara de felicidade que me deron moita envexa.

Xa todos xuntos, iniciamos o camiño de baixada en zig zag ata Linás de Broto, onde remata a nosa ruta, polo barranco de Buchosa, cun forte desnivel pero permanentemente baixo a sombra de piñeiros e moitos moitos buxos.

En Linás, paramos de novo na taberna de Las Nieves a descansar e tomar un refrixerio moi merecido, cervexa maiormente. Logo o bus levounos a Torla, pois hai quen quere facer algo de compras, que mañá toca madrugar e inciar a volta a Compostela. Mágoa que isto remate!



Galería

Ruta ao pico Pilupín


2 comentarios en “Ruta ao pico Pilupín”

  1. Fran, grazas polas fotos e os textos. Agardo que todos os que participaron na actividade o pasaran ben e lles quedase un bo recordo dese tesouro natural que tivemos a sorte de visitar e coñecer.

    Coido que foi un bo final de festa para rematar o curso.¡

    Agora xa pensando no seguinte. Setembro xa está ahí ¡¡

    Apertas para todos.

    Responder
    • Moitas grazas a tí Víctor!
      Foi un pracer compartir esta viaxe, a primeira para min de varios días, e quedei marabillado coas rutas que preparaches e co ambiente que tivemos. Como dicías, por esta zona hai rutas a esgalla e faise dificil escoller.
      Eu xa me animo para outra, pois seguro que repito!
      Apertas e boas vacacións!

      Responder

Deixa una resposta a Víctor Cancelar a resposta

*