Roteiros Galegos 2020

Roteiros Galegos 2020

Nos últimos tempos, o último post de Roteiros estivo dedicado a relatar a derradeira saída do ano no mesmo día 31 de decembro, unha saída festeira que nos xuntaba como familia sendeirista, e permitíanos brindar por un novo ano antes de recollernos nas respectivas casas. Era unha forma de rematarmos outro ano de andainas e sen querer deixar pasar a ocasión para agradecer a participación e o apoio a este blog, para que sigamos adiante coa mesma ilusión do primeiro día.

Vimos de deixar un ano que quixo ser o protagonista limitándonos os soños e aflorando as frustracións, e tamén, como non, provocando que recuperemos a esperanza e o desexo sentido de que todo vaia a mellor. Seica é o único e o máis transcendente que podemos desexarnos nestes tempos tan incertos como anómalos para esquecer, tan axiña como poidamos, este aciago ano 2020.

Transcorridos xa nove meses desde que se declarou a escala universal a crise sanitaria da Covid-19, provocando primeiro o confinamento da poboación e, máis adiante, as duras restricións persoais, con meses moi duros pola situación única que vivimos, coido que as insólitas vivencias acumuladas desde entón deberían permitirnos albiscar certa luz sobre o futuro.

A pesar de todo isto, non se interromperon saídas, moitas menos pero ben fermosas. Antes de que nos confinaran, destacaría o ascenso á Serra do Faro dende Rodeiro, que sempre tiven moitas gañas de percorrer. Sorprendeu gratamente a Ruta polo río Grañal, en Esgos, cunha visita previa a San Pedro de Rocas, tan de actualidade ultimamente pola desfeita no entorno que se pretendía facer. Sen dúbida, percorrer a Serra do Édramo, en Samos, foi do mellor que levabamos feito. O ano prometía, ata que se cortou de súpeto, unha vez realizada a Ruta por Boborás, cun fermoso percorrido con varios puntos de interese como as minas de ouro e arsénico de Brués. Lamentablemente, o ano 2020 quería ter a súa propia historia e non está a ser precisamente unha historia feliz. A Covid-19 trastornouno todo e decidiu que quería ser a única protagonista deste ano singular. 

Espontaneamente, participantes das rutas organizadas pola Fundación USC Deportiva foron achegándome textos para inserir nesta bitácora, coa intención de manter a moral alta nos peores momentos, pretendendo non perder o contacto e ser un nexo de unión entre todos nós dende a obrigada distancia. Non vos podedes imaxinar como agradecín e agradezo as colaboracións recibidas de Víctor (A montaña é unha escola de vida), Rocío (Eu sería feliz subindo ao monte Pedroso), Suso (As lavercas), Marga (Malo será!!!) e Jaime (De Camariñas a Camelle).

Coa chegada de verán, unha luz abriu a posibilidade de retomar as rutas, sobre todo a estadía programada nos Pireneos a finais de xullo pola zona de Benasque. Que semana máis fermosa tivemos a pesares das normas de aillamento e restriccións sanitarias que tivemos que gardar. Agosto e setembro tamén se levaron ben, percorrendo algunha ruta nova sen sair do País e repetindo algunha outra, como a perimetral pola Illa de Arousa ou as dúas etapas do Camiño dos Faros entre Laxe e Camariñas. Sen sair de Galicia, quixemos rematar o Camiño Primitivo dende A Fonsagrada como tiñamos previsto, iniciado en Oviedo no 2019 con Elvira e Jaime, e agora acompañados por Marga e Xerardo. Houbo que arrombalo en Melide, pois o retorno ás restricións cos peches perimetrais impedíu que saíramos de Compostela para acometer as etapas que restan.

Remato reiterando o de sempre: o pracer e o luxo de compartir un ano máis o vídeo, con menos andainas das desexadas, pero no que seguimos deixando moitas imaxes no caixón, e no que pretendemos pór cara aos verdadeiros protagonistas dos roteiros… Vós! Rir, falar, comer, camiñar, amar é o que temos que recuperar, pois diso é do que vai o conto!

Os meus mellores desexos para vós e os vosos e que o 2021 permita vérmonos de novo, pasear, camiñar e mostrármonos outra vez, con máis forza, vivos e triunfantes, renacidos e poderosos. Agardamos un 2021 máis exitoso e esperanzador que este ano que remata. Vémonos no 2021!

Saúde e Terra!

5 comentarios sobre “Roteiros Galegos 2020”

  1. Coma disfrutona a distancia das vosas andanzas desexo para todos vos o millor do millor no 2021.
    Marivi Pardo

    1. Ola Mariví, gosto moito de terte nos comentarios. Tristura por ter que camiñar separados, pero a naturaleza salvaxe e doce axuda a superalo todo. Grazas polos desexos e moitos bicos. Feliz ano!

    1. Ola Pilar, grazas polos comentarios, escritos e verbais, que me trasladas. Grazas polos desexos e moitos bicos. Feliz ano 2021!

  2. Fran, a pesares de ser un ano atípico o blogue segue enriquecéndose e enriquecéndonos ¡

    Ogalla todo isto pase pronto (aínda que agora que me dou conta, levo case un ano dicindo eso) e poidamos retomar as nosas rutas en condicións, seguir coñecendo o noso país e o noso patrimonio a través dun hábito tan saudable como o sendeirismo, tanto no medio natural, como no salón de casa a través de roteiros.gal

    Grazas e moita saude para todas

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio