Serra do Oribio

Serra do Oribio
O monte Oribio é unha xoia case descoñecida, un dos nosos tesouros naturais e paisaxísticos. Está situado moi preto do Courel. A ruta levounos dende Triacastela ata o cumio, onde pudemos gozar dunhas panorámicas marabillosas. É un bo ascenso, pois compre ter en conta que o cumio está a 1.442 metros de altitude. Os camiños son bos, principalmente pistas de terra. A ruta é circular pois comeza e remata en Triacastela.
  • Lonxitude da ruta: 20 km
  • Desnivel: medio-alto
  • Dificultade: media-alta

O monte Oribio (1.447 m) é o punto de maior elevación da serra do Oribio, unha das serras orientais de Galicia. que se estende en dirección E-SO por terras dos concellos de Samos e Triacastela e está incluída como espazo natural no denominado Ancares-Courel. Está considerado coma un dos mellores miradores panorámicos de Galicia e supoño que xa estará abandonada a idea de hai algúns anos de instalar neste monte un parque eólico.

Comezamos a andaina xa en ascenso dende Triacastela, e recomendo tomarse con tranquiladade o forte e pedregoso repeito que queda unha vez que deixamos atrás a capela de San Mamede. Na metade do percorrido fixemos un breve alto antes de iniciar o tramo final da ascensión.

Despois desta intensa subida duns seis quilómetros que nos fixo suar, pero cunhas vistas espectaculares en todo momento, chegamos ao cumio situado a 1.447 m e que nos recibiu cun forte vento frío, o que provocou que o xantar fose dos máis rápidos que teño feito (gañoulle en frío e rapidez o descanso feito en Monseivane), abrigado na caseta da antena de protección civil. Xa no alto do monte Oribio, o lugar convértese nun mirador natural, onde poderemos contemplar a beleza das terras de Samos e Sarria, así como o Courel ou a Serra de Ancares. A miña orientación no monte é nefasta, pero dín que en días despexados, pódense ver os montes de Asturias, e os de Portugal, con Cabeza de Manzaneda a medio camiño, así como as chemineas de As Pontes…

Hai que reagruparse e emprender camiño, pois imos co tempo xusto e seguramente cheguemos a Triacastela co solpor. As vistas cara aos montes do Courel son fabulosas e lémbrome do insignificante que somos nesta enorme paraxe.

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home.
(Os Eidos – Uxío Novoneyra)

Unha vez reagrupados no Campo do Couso, comezamos o descenso ata Queixadoiro; o sol comeza a deitarse cando iniciamos o percorrido polo val e, anque aínda non vai frío, o día vaise acabando. Progresivamente imos perdendo altura por unha corredoira que discurre entre prados, grupos de castiñeiros e muros de pedra, e que atravesa de cando en vez algún pequeno rego. Ás veces o arbolado é tan denso e o camiño tan encaixado que forma unha especie de túnel vexetal que dificulta a entrada da pouca luz que queda.

O último tramo do percorrido, dende Pasantes, facémolo polo Camiño francés que ven do Cebreiro. Estou convencido de que nesta zona, de elevada actividade sísmica, por certo, ademáis de ver pasar aos peregrinos, os lugareños entretéñense en contar os tremores de terra! En Ramil, xa con pouca luz, atopámonos cun gran castiñeiro, varias veces centenario, no que fan falla ao menos seis persoas cos brazos abertos para poder rodealo por completo.

Avanzando un pouco máis xa temos descendido ata os 665 m de altitude, e estamos de novo en Triacastela, onde nos tomaremos un pequeno respiro antes de emprender o regreso a Santiago.

 


Ver Monte Oribio nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

5 comentarios sobre “Serra do Oribio”

  1. Pois tócame darche as felicidades polo teu magnífico blogue e grazas porque fas posible que faga a ruta dúas veces, pois desta tamén descobres e revelas detalles nos que non reparara…coa vantaxe de que a segunda é sempre ben máis descansada :D.
    Encantoume a túa mención aos versos de U.Novoneyra…pero máis escoitar o teu comentario in situ mentres camiñabamos do insignificante que somos en comparanza coa grandeza daqueles cumes. Velaí como o pensamento dos ancestros se perpetúa en nós e as sensacións experimentadas son coincidentes…é a maxia de sermos pezas do mosaico colorido da Natureza, sorte de estar aquí aínda para poder desfrutar dela.

  2. marivi pardo

    Un despliegue de belleza y colorido. Hay una de las fotografías, la 9 del apartado 5 que parece un cuadro de Benjamín Palencia, siendo como son estas tierras tan distintas de lo que él pintaba. Precioso Fran. ¿Y el prohibido descalzarse a qué obedece, donde estaba ese cartel?.

    1. Nalgún bar de Triacastela teñen estes carteis. Supoño que será para que os peregrinos teñan os seus pés ben gardadadiños nos zapatos, non vaia ser… ademáis de gardar certa compostura nos locais (supoño eu).
      Bicos e feliz ano!!

  3. Que beleza ¡¡ A min o Oribio encántame especialmente. Creo que é deses sitios que paga a pena visitar todos os anos, en diferentes estacións..
    Nunca defrauda. Grazas Fran por compartilo..¡

    Apertas

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio