O Pindo

O Pindo

O Pindo, grande testa xupiterina, remate dunha terra oután, forma que orea as do grande seo
Ramón Otero Pedrayo

Visitamos novamente un dos lugares máis máxicos do noso país, o Monte Pindo, pero fixemos unha ruta distinta ás anteriores ocasións, pois comezamos a camiñar preto do lugar de Vadebois, no concello de Carnota, co obxectivo de acadar o cumio de A Moa (627 m), o punto máis alto deste macizo montañoso que goza dunhas vistas abraiantes. Logo baixamos cara o muro do encoro de Santa Uxía e dende alí ata o miradoiro do Ézaro, xa no concello de Dumbría.

  • Lonxitude da ruta: 17  km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-alta (o monte Pindo ten zonas pedregosas e rochosas)

Despois de facer as presentacións e recomendacións oportunas, emprendemos o ascenso cara á Laxe da Moa remontando o curso do rego Amil e disfrutando dos seus muíños restaurados. O primeiro deles é o único que ten a data de construción no dintel da porta, 1794, e cunha cubrición de lousas realmente espectaculares, pois os que hai río arriba case todos están cubertos con tella.

Fixemos un roteiro un chisco máis duro do habitual, pero deseñado para visitar algúns dos puntos máis interesantes e emblemáticos da orografía do monte sacro dos nosos devanceiros, algúns deles aos que é difícil chegar sen guías experimentados, coma o Penafiel ou a Cova da Xoana. Non parei de tirar fotos ás formacións rochosas que en moitos casos nos fan traballar á imaxinación (que é do que se trata), pois o sendeiro está vixiado por figuras pétreas de formas humanas como o “guerreiro” e outros castelos graníticos que poñen a proba a gravidade e a imaxinación. Os pequenos milladoiros que hai ao longo da ruta nalgún lugar visible poden servir moitas veces para orientarnos, polo que convén non desfacelos…

Pouco a pouco imos ascendendo e logo de pasar polo Chan das Lamas chegamos ao Pedrullo, curioso amoreamento de cachotes de pedraAquí o camiño enlaza coa ruta tradicional que ascende dende O Pindo ata A Moa. O Pedrullo tamén é significativo porque algúns historiadores identifícano cunha vella torre-castelo, se cadra o castelo de S. Xurxo do que fala a documentación medieval. Continuamos coa subida disfrutando dunhas vistas impresionantes. No Chan de Lourenzo fixemos unha última paradiña para repoñer forzas antes de enfiar cara á Moa.

Por suposto, fixemos cumio na Laxe da Moa onde pudemos disfrutar dunha das panorámicas máis impresionantes do sur da Costa da Morte, cunha perfecta visibilidade desde Corrubedo ata os cabos Fisterra, e máis ao lonxe Touriñán e Vilán. Aquí aproveitamos para xantar e repoñer forzas, pois a subida foi exisente, e agárdanos a baixada que hai que facer con moita precaución; co permiso do vento non parei de tirar fotos, dende este cumio granítico de 627 metros sobre o Atlántico.

Teño que confesar que era a terceira vez que estaba aos pés da Moa e nunca subira ata hoxe! (moitas grazas a todos e especialmente a Rocío, Víctor e Suso que me animou moito a vencer estes problemas de vértixe que teño).

Desde esta maxestuosa cachola granítica, volvemos un pouco sobre os nosos pasos, rodeando o pico para coller rumbo e pasar baixo a Cova da Casa Xoana, unha pintoresca gruta que perfora de canto a canto un outeiro, dende o que se pode admirar unha fermosa vista sobre a ría de Corcubión. Logo seguimos descendendo cara ao Rego Sanchaferro para chegar aos pés do Penafiel, último esforzo que, despois de seguir percorrendo as fermosas carballeiras que poboan esta ladeira, nos levou ata unha rústica e fermosa ponte sobre o rego Sanchaferro, que nos guiou ata a pista forestal que nos trasladaría xa á estrada e encoro de Santa Uxía.

Este último tramo, xa cansos, fixémolo pola estrada ata o Mirador de Ézaro, dende onde se disfrutan dunhas vistas espectaculares. Só quedaba baixar ata Ézaro, a nivel do mar onde demos por rematada a andaina e disfrutamos dun fermoso atardecer cervexa en man… pero, e mais importante, do que se debe disfrutar é das formidables paisaxes únicas que nos ofrece o Monte Pindo, e os seus valores ecolóxicos, culturais e patrimoniais sen igual.

Nesta teima anda a Asociación Monte Pindo Parque Natural, que está facendo un labor impresionante. Parabéns dende esta humilde páxina!!

 


Ver Monte Pindo nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Scroll ao inicio