Montederramo. Ruta do Santo

09-04-2011
Montederramo. Ruta do Santo
  • Sábado, 9 de abril de 2011
  • Lonxitude da ruta: 28,7 km aprox.
  • Desnivel: alto
  • Dificultade: alta

Realizamos a ruta coñecida como Ruta do Santo que comeza mesmo en Montederramo, xunto o seu coñecido mosteiro. O itinerario segue o camiño que o eremita San Mamede percorría para achegarse dende e súa ermida, no alto da serra que leva o seu nome, ata o mosteiro cisterciense de Montederramo. Este camiño só o realizaba unha vez ao ano, o 15 de agosto, data na que a comunidade monacal celebraba a súa patroa.

O Mosteiro de Santa María de Montederramo é un mosteiro medieval, beneditino e logo da orde do Císter, posiblemente fundado no século X e que chegou a se converter nun dos mosteiros de maior poderío económico e social ata desamortización. A fachada da igrexa é un exemplo do estilo herreriano en Galicia. Foi rematada no ano 1607, segundo consta nunha inscrición situada na propia fachada, caracterizándose pola súa sinxeleza. Trala Desamortización de Mendizábal en 1836 foi adquirido en parcelas por diversos particulares. Unha desas familias puxo á venda a súa parte do mosteiro no ano 2010.

Ten unha lonxitude de 28 km e acada o cumio de San Mamede (1606 m) cun desnivel de 800 m positivos e outros tantos negativos. En xeral, os camiños foron cómodos e amplos (pistas de terra) e a dificultade veu dada pola lonxitude da ruta e o desnivel, sendo o máis forte xusto na parte última da ascensión ao alto de San Mamede, ademáis de atopar algo de lama durante o primeiro tramo do percorrido. Houbo unha segunda opción para os que quixeron evitar o tramo de ascenso máis forte, reducíndose a ruta en 5 km.

Poidemos desfrutar do bidueiral de Montederramo, un bosque protexido e un dos bosques mellor conservados do noso País, incluído na Rede Natura 2000 e declarado Zona de Especial Protección, no que destaca a súa ampla superficie e a súa biodiversidade. Adentrarse neste espazo foi una experiencia que nos sorprendeu gratamente.

O Bidueiral de Montederramo recibe o nome en honor ao bosque de bidueiros (Betula Alba), dentro da parroquia de Gabín. Asentado na cara Norte das ladeiras do San Mamede, foi un día encrucillada de camiños que conectaban as terras altas de Vilar de Barrio e Maceda coas de Queixa a través de Montederramo. Un lugar sementado de camiños e de lenda, como a de que foi aquí onde, segundo o propio relato de Blanco Romasanta, O Home Lobo de Allariz, devorou a maioría das súas vítimas. O bidueiral ten unha superficie de 1,9 hectáreas nos seus aproximadamente 11 km de perímetro. Ateigado de bosques e bosquetes caducifolios, neste momento é unha das fragas de bidueiros mellor conservados de Galicia e un dos mellores exemplos de vexetación eurosiberiana máis meridionais de Europa. Situado nas empinadas ladeiras da cara norte da Serra de San Mamede chegando ata a mesma cima, este espazo aproxímase á cota 1600 no seu extremo superior e descende ata os 960 m. de altitude no seu extremo inferior.


Ver Montederramo (Ruta do Santo) nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio