Geira Romana e dos Arrieiros. Da Consolación a Pontevea
Xa queda menos para chegar ao Obradoiro por este camiño a Santiago que estamos a percorrer, e xa comezamos a ser conscientes de que isto remata. Pero temos por diante unha etapa fermosa, outro descubrimento, a nosa etapa doce da Ruta de Braga ata Compostela pola Geira Romana, o Camiño Miñoto Ribeiro e o Arrieiro, por terras de Vea e Ulla con remate en Pontevea, onde xantamos en casa Pernas que recomendamos!
A Estrada é un dos concellos máis extensos de Galicia, cun territorio que abrangue 51 parroquias e unha orografía que vai dende montes con altitudes superiores aos 700 metros ata zonas de vales, entre os que destaca o val do río Ulla, que marca o límite natural polo norte coa provincia da Coruña.
As terras de Tabeirós, o “Taberiolos” da Idade Media, son coñecidas desde antigo e deben o nome á tribo que as habitaba dende época prerromana. Xa Otero Pedrayo, na súa Guía de Galicia (1926) menciona esta comarca enmarcada nunha ruta de comercio e peregrinación: “…y el de las peregrinaciones y arriería que desde el Alto Avia y el Paraño por Forcarey cruzaba la tierra de Montes, llegaba a La Estrada por Codeseda y seguía a Compostela por el Ponte Bea.”
- Lonxitude: 17,8 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
- Track de Wikiloc
Comezamos a camiñar…
A saída dende A Consolación está a demorarse máis do previsto pois é obrigado pararse a contemplar e admirar a arte que temos diante nada máis sair. Por unha banda a capela e o cruceiro da Consolación que forman un fermoso conxunto, o que aproveitamos para facernos unha foto de grupo, e por outra, apenas comezamos a camiñar, a igrexa de Santiago de Tabeirós, que convida a entrar no seu adro e percorrela polo exterior.
A igrexa románica de Santiago de Tabeirós, ten nave de ábsida rectangular, que conserva case íntegra, que ao carecer de elementos de transición ao gótico permite datala na segunda metade do s. XII. Destacan os contrafortes e canzorros, coas súas orixinais esculturas. Cando se realizaron obras de restauración en 1998, atopáronse unha ara orixinal románica e unhas pinturas que datan do século XVI.
O camiño, todo polo concello da Estrada, vai fundamentalmente por pistas rurais, pois imos por terreos de concentración parcelaria, algún deles sen traballar, que nos están a amosar a primavera no seu esplendor. Andamos cara o val do río Ulla, que marca o límite natural polo norte coa provincia da Coruña. O camiño é transitable e con moito asfalto, aínda que sen ningún tipo de sinal de sendeiro, sendo imprescindible levar o GPS.
Un elemento que nos sorprendeu gratamente foi ver lacenas das abellas nas vellas casas das aldeas polas que pasamos antes de chegarmos á capital do concello: na mesma Consolación, Sandán, San Xiao, nesta última a lacena que vimos está alterada pola colocación dun poste de antena. Este elemento etnográfico ten a súa máxima concentración nas comarcas da Costa da Morte, esvaecéndose polo interior ata Santiago e A Estrada. Igual hai que darlle unha volta máis detida a este enorme concello e atopamos máis lacenas!
A pouco máis dun km do centro urbano da Estrada, en San Xiao de Guimarei, atópase unha das construcións históricas máis emblemáticas deste concello, que ata está representada no seu propio escudo. Trátase dunha torre medieval, posiblemente do século XII, que hoxe conserva uns 10 metros de altura e que se mantén a duras penas. A Torre e pazo de Guimarei, nun estado de ruína e total abandono, foi incluida na lista vermella do patrimonio en perigo da Asociación española para la defensa del patrimonio cultural y natural Hispania Nostra. Ao torreón medieval de pouco lle serviu a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) en 1949, pois a protección sobre o papel non impide que a maleza se apropie do conxunto nin que no interior da torre crezan varios exemplares arbóreos.
No interior do pazo-vivenda pódense ver as cociñas, os servizos, as habitacións e outras dependencias. O máis destacado do pazo, artísticamente falando, é o gran escudo de armas que se atopa sobre a porta principal enmarcado cun copete con dintel semicircular, adornado con pináculos onde se representan varios elementos característicos de diferentes familias nobres como as tres bandas (Villar), os trece roeles (Sarmiento), cinco cabezas de lobo (os Mosquera) e o león que é posible que represente aos Aranda.
Semella que esta situación ruinosa non vai mudar, pois a disposición dos organismos oficiais, non parecen a adecuada para unha edificación histórica desta categoría que ata se representa no escudo do municipio. En fin, unha auténtica mágoa!
Accedemos á Estrada, a vila airista. Logo de percorrer a rúa da Torre, damos unha pequena volta para achegarnos a ver o edificio do antigo Matadoiro (hai un xemelgo a este en Marín). Logo de chegar á praza do concello e admirar o edificio da casa consistorial, e tras ver algún que outro exemplo de arquitectura modernista, chegamos á praza da Farola, onde o protagonismo é para a Casa do Capón coa súa cúpula, promovida en 1925 polo Escobeiro, un emigrante que marchou a Cuba, responsable de varios edificios deste estilo na vila. Seguimos pola rúa da Peregrina, que toma o seu nome dunha antiga capela que había nela. Aquí facemos unha parada obrigada na panadería O Forniño, pois non nos resistimos a probar o pan. Abandonamos a vila pola rúa dos viños e o camiño do Cruceiro.
Dende a saída da vila, comezamos un tramo que nos leva ata Pontevea practicamente en descenso; quizais sexa o máis cómodo de todo o camiño dos arrieiros. Logo de camiñar un pouco pola beira da C-541 que une A Estrada con Santiago de Compostela, continuamos por camiños e terras de concentración.
As referencias nesta etapa están a ser as capelas e igrexas parroquiais, e a seguinte é a de San Pedro de Toedo, precedida por un fermoso cruceiro. No lugar da Cerqueira atopámonos coa Capela de Nosa Señora de Aranzazu, pertencente á parroquia de santa Cristina de Vea (estamos na zona das “Veas”, santo Andrés, san Xurxo, san Xiao e santa Cristina), por ser este afluente do Ulla o que da nome a todas estas parroquias.
E chegamos ao final da etapa cruzando o Ulla, o “príncipe dos ríos”, lembrando que, precisamente por estas datas, o salmón remonta o río que o viu nacer para desovar. Facémolo pola Ponte “medieval” de Pontevea, entre os concellos da Estrada e Teo, declarado o ano pasado Ben de Interese Cultural (BIC) polo Consello da Xunta.
Sen descartar a existencia dunha ponte anterior de época romana, a documentación testemuña que a ponte actual é de orixe medieval, construída no século XVI e con reconstrucións importantes no XVIII. No lugar confluíron diferentes camiños desde a época romana, incluido este camiño que estamos a percorrer, o Camiño dos Arrieiros ou Camiño de peregrinación a Santiago desde Braga, en pleno proceso de recuperación, e que agardamos que pronto se recoñeza oficialmente. A ponte foi testemuña de acontecementos históricos moi relevantes, escenario de grandes batallas que o deixaron bastante perxudicado, sobre todo durante a Guerra de Independencia. Aproveitamos o marco do límite provincial, no medio da vella ponte, para facernos unha foto de grupo e dar por rematada a andaina neste fermoso espazo.
E chegamos a xantar a Casa Pernas, pero antes o patrón levounos á súa adega onde nos agasallou cuns viños colleitados por el. Probamos mencías e da Ulla, que había ben tempo que non tomaba. E logo a xantar a base de ensaladilla e croca… Que rico estaba todo!
Un paseo para baixar o xantar e estirar as pernas pola beira do Ulla ata a área da Burga rememorando o camiño por onde andivemos e o rico patrimonio que ten, permítenos rematar a xornada dun xeito ben fermoso!