Fervenza de Férveda en Escuadro


389 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo
Fervenza de Férveda

Esta ruta encóntrase na parroquia de Escuadro en Silleda, e comeza por un camiño que está á beira do Centro de Interpretación da Natureza de Escuadro, onde hai un sinal que nos indica a dirección. É unha ruta de ida e volta, pero nós fixémola un pouco máis longa e circular, para o que nos desprazamos primeiramente ata a Penadauga e, de aí, entre zonas gandeiras e carballeiras, comezamos a introducirnos nun fermoso bosque que nos leva ata a Fervenza de Férveda, situada no curso alto do río Férveda-Escuadro, afluente do Toxa, no lugar de Férveda, facendo linde coas parroquias de Escuadro e Xestoso.

O regreso, dende a fervenza, farémolo polo camiño de volta ata o Centro de Interpretación. Os camiños son cómodos en xeral aínda que pode haber algo de lama nalgún punto e algo de vexetación.

Comezamos a camiñar…

Reunímonos detrás da igrexa de San Salvador, en torno a un fermoso palco e onde hai espazo suficiente para deixar o coche aparcado. A intención é facer un roteiro circular pola parroquia de Escuadro, Silleda, que nos levará ata a fermosa fervenza da Férveda. A tarde está calorosa para andar, pero dá gusto facelo por estes camiños.

A primeira parte do percorrido acometémola camiñando por unha pequena estrada, pois a intención é chegar ata a Penadauga que, segundo nos indica o panel alí instalado, é unha rocha de importancia histórica singular, anterior á cristianización, na que se celebraban actos de culto aos deuses.

O lugar forma parte da sanación de doenzas relacionadas coa pel, vista e ósos, a través da invocación de Santa Sabela (na pedra hai chantada unha placa que a identifica como Peneda de Santa Isabel), na igrexa románica de San Salvador que acabamos de deixar, e dos actos de lavado das partes danadas na auga depositada na concavidade superior da rocha ou de refregarse contra ela coa parte do corpo doente. Eu, como siga coa perna así, vou ter que subir a ela o dous de xullo a facer a fregas (o da invocación á santa é outro cantar).

Deixamos o penedo e, entre zonas gandeiras e carballeiras, imos pouco a pouco ata a zona do Castelo, ás veces co camiño pouco definido polo alta que está a vexetación, e comezamos a introducirnos nun fermoso bosque que nos leva ata a Fervenza de Férveda que, aínda que non é moi grande (un salto de aproximadamente 15,70 m de altura), está situada nun fermoso entorno.

Estamos nun espazo de alto valor paisaxístico que forma parte das Brañas de Xestoso e participa no proxecto europeo Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria, e forma parte do elevado número de fervenzas e saltos de auga que hai no concello de Silleda.

Un fermoso paso de poldras ben traballadas permítenos salvar o regato de Fontefría que nos facilita o acceso a un pequeno bosque a escasos metros da fervenza. Pouco a pouco imos notando o son da auga cada vez mais forte, o que nos da unha pista de que o salto non está moi lonxe. E de súpeto encontrámonos coa Fervenza de Férveda, moi fermosa e rodeada de plantas de río e pedras cubertas de musgo, o que lle dá ao entorno un toque moi especial. A frescura que notamos ao estar ao pé dela agradécese un montón pois o camiño ata aquí fixémolo con bastante calor.

A Fervenza de Férveda está rodeada de lendas, nas que se inclúen elementos do folclore galego coma a Grade de Ouro, a Galiña e os Pitos de Ouro que se aparecen na mañanciña de San Xoán ou o Trato cos Mouros.

Antes de iniciar o regreso, decidimos dar unha volta ata uns antigos muíños de auga, o de Bataneiro e o de Heredeiros, que está sinalizados na ruta. Seguimos gozando da paisaxe e vémolos dende a beira contraria en estado ruinoso, sen teito e cheos de maleza, ata que chegamos a unha pequena ponte de madeira, que hai que atravesar para acceder a eles.

Decidimos volver sobre os nosos pasos e continuar camiño ata que nos volvemos encontrar coa bifurcación do sendeiro, o da dereita polo que baixamos anteriormente para chegar á fervenza, e o da esquerda, que é o que tomamos para ir baixando pouco a pouco ata Escuadro. Todo este tramo está moi ben sinalizado, coa distancias ata a fervenza, aos muíños e o que nos queda de regreso ata o final da ruta.

Despois de deixar a zona máis boscosa, e durante varios quilómetros, por un cómodo camiño ben definido preto do río chegamos ao Centro de Interpretación da Natureza de Escuadro, ubicado nun muíño restaurado, coñecido como Muíño de Varela, pero que semella levar pechado moito tempo e sen mantemento ningún, igual que a zona de lecer circundante, comida pola vexetación, polo que non paramos moito e imos cara a San Salvador facer unha visita ao templo mrománico e dar por rematada a ruta.


Vídeo




2 comentarios en “Fervenza de Férveda en Escuadro”

  1. Pois ben bonito e refrescante o roteiro, e se vas a esa pedra milagrosa ao millor apúntome. Moi bonito sí señor!!!!

    Responder
    • A ruta ata a fervenza non ten moita historia, un pouco de subida e, de premio, esta marabilla da natureza. Cando queiras, imos aló… e despois, se tal, facemos o da pedra.

      Responder

Deixa una resposta a Fran Cancelar a resposta

*