Eu sería feliz subindo ao monte Pedroso

Eu sería feliz subindo ao monte Pedroso

A colaboración de hoxe é moi especial para min, pois Rocío, máis que unha monitora, é unha compañeira de andaina (isto de ir no final do grupo ten as súas vantaxes!). Nas rutas compartimos conversas, aficións, fotografía, primicias das viaxes que ela fai e logo comparte no blog…

Agradezo especialmente esta reflexión que nos regala pois ela podería plasmala perfectamente no seu blog de sendeirismo Gata con Botas, magnífico por certo, ao que vos animo que vos subscribades, se non o fixestes xa! Moitas grazas Rocío!!

Odio camiñar baixo a chuvia, igual que outra xente detesta a calor, pero… o que daría agora mesmo por estar camiñando entre as árbores dun bosque sentindo a auga na cara!

Gústanme máis as rutas de montaña con amplas vistas que as que transcorren pola ribeira dun río, igual que hai quen prefire os paseos tranquilos e non quere saber nada de costas, pero… o que daría agora mesmo por estar escoitando o murmurio dun regato e o canto dos paxaros que habitan ao seu redor!

Eu sería feliz subindo ao monte Pedroso
Sempre me gustaron as rutas de montaña con amplas vistas. Parque Nacional de Aigüestortes i Estany de Sant Maurici. Foto de Rocío

Tampouco me gusta camiñar en grandes grupos. Prefiro andar en parella ou cun par de amigos, igual que hai xente á que o que lle gusta das rutas de sendeirismo organizadas é coñecer a novas persoas e socializar, pero… o que daría agora mesmo por estar no cume dunha montaña, aínda que fose rodeada de xente!

Penso que se hai algo que nos está ensinando esta situación de confinamento é a valorar. Por unha parte, valorar o próximo. Sempre pensamos en viaxar lonxe e coñecer lugares exóticos, pero agora mesmo eu sería feliz subindo ao monte Pedroso, que vexo dende a ventá e a ao que podo ir camiñando dende a miña casa.

Por outra banda, a valorar o sinxelo. Non precisamos buscar unha actividade supercomplicada e da que presumir despois nas redes sociais. Neste momento non me importaría nada estar facendo un sendeiro homologado calquera e desfrutando simplemente da camiñata e de respirar aire puro.

Eu sería feliz subindo ao monte Pedroso

Tamén é certo que é moi fácil dicir (ou escribir) todo isto dende a comodidade do meu escritorio, dende o puro aburrimento ou incluso dende a desesperación, pero, de verdade chegará a cambiarnos tanto esta situación? Canto ten que durar para que afecte realmente á nosa personalidade, se é que pode facelo?

Hai uns días comentabamos na casa se cando poidamos saír, volver á vida normal, poderemos comportarnos coma se nada tivese pasado. Imos soportar que nos roce unha persoa descoñecida no supermercado? Sentiremos claustrofobia nunha aglomeración de xente? Imaxino que os primeiros días sentirémonos algo raros, pero pouco a pouco acabaremos comportándonos coma sempre.

Desgraciadamente, creo que o mesmo pasará coa reflexión anterior. A primeira fin de semana daranos exactamente igual onde ir. O caso é saír e estirar as pernas! A segunda, pode que tamén. Pero pouco a pouco volveremos facer plans, alongar esa lista de lugares aos que queremos ir, montañas ás que queremos subir e queixarnos do mal tempo.

Estamos demasiado habituados, demasiado acomodados como para cambiar tanto nuns poucos días. Uns poucos días?, pensaredes algúns. Si. Poucos. É certo que escribo isto o duodécimo día dende que se decretou o estado de alarma. Neste momento quedan aínda, que saibamos, dúas semanas e media de reclusión. Posiblemente máis, pero, no conxunto da nosa vida, non deixarán de ser uns poucos días. Non os suficientes como para que nos convertamos en mellores persoas, menos ambiciosas, menos frustradas, menos caprichosas e máis agradecidas ou máis xenerosas.

Iso si, para cando volva queixarme por nimiedades, intentarei lembrar que houbo uns días nos que o único que desexaba era poder subir ao monte Pedroso. Espero que, aínda que este confinamento non me cambie substancialmente, si me sirva para poder resetear cando sexa necesario.

Eu sería feliz subindo ao monte Pedroso

14 comentarios sobre “Eu sería feliz subindo ao monte Pedroso”

  1. Alfonso Blasco

    Que reflexión tan preciosa Rocio tanto no fondo, cheo de emoción e sentimento, como na forma. Máis que un relato é un agasallo. Tras a lectura ven a necesaria pausa para saborear o lido e recuperar momentos e imaxes que nos enchen pero que ás veces non valoramos como debiéramos. Moitas grazas por compartilo.

  2. Sr. Ben Gunn

    Góstame a sencillez na escritura e tí fixéchelo cunha reflexión directa e con sentimento, parabéns e totalmente de acordo contigo, saúde e boas singraduras cando nos abran as portas.

  3. Sofía quinteiro

    Totalmente de acuerdo; yo me calcé las botas hace dos años, y empecé a mirar con otros ojos los caminos , los ríos, las montañas… y me hizo cambiar y ver con otra perspectiva lo que me rodea.
    En estos tiempos de tanta información, de consumismo, de egocentrismo, de crítica continua, espero que estos días de “confinamiento” nos ayuden a reflexionar acerca de nuestra condición humana y social, y sobre todo llevar a cabo, al menos alguno de los nuevos propósitos y que se queden en un rincón de nuestra memoria para ver la vida como realmente es; que nuestra relación con la naturaleza es intrínseca, que no podrìamos vivir sin ella, y por eso debemos cuidar de ella y de nosotros mismos.

    1. Muchas gracias por tu bonito comentario, Sofía. Ojalá podamos volver pronto a interaccionar con la naturaleza, a la que ya echamos tanto de menos…

  4. Grazas, Rocío, por esta bonita reflexión. Non podo estar máis de acordo. Eu creo que este illamento si nos vai facer cambiar como persoas e como sociedade. Só espero que sexa para valorarmos máis as pequenas cousas de cada día e as persoas que nos rodean, e non sermos máis egoístas.

  5. Ahhh ¡ O Pedroso ¡ Quen puidera estar agora no seu cumio, sentindo este forte nordés que sopra hoxe ¡ Ou pasear polo Sarela si non queremos vento ¡

    A ver, a ver si é certo que esto nos vai cambiar ! (para ben, suponse)¡

    Moi boa reflexión Rocío

    1. Grazas polo comentario, Víctor, pero non sei eu se chegaremos a cambiar tanto… Haberá que agardar para velo!

  6. Dos cambios se di de todalas crises, tanto indivuais coma colectivas, tanto do planeta como dos humáns. Cambios para ben ou para mal, para voltar a empezar.. Deles se alimenta o devenir. Non hai que esperar, veñen por sí sós, non sempre dependen de nós. Nestes tempos estamos sumidos en continuo cambio, e non nos decatamos….o anacrónico é a estabilidade. Logo sí que hai e haberá cambios…. A mín non me preocupa esta situación, senón… o que será despois, que non me parece alentador. Os nosos guías non están preparando ben as rutas.

    Volverei saír á natureza, pero como quen entra nun templo, caladiña e con respeto, parando en cada altar, e desconectar dos meus temas. Coma sempre fago, soa ou acompañada. Non teño presa, se cadra de aquí a un mes, estarei tan ben en casa, que costarame saír.

    Grazas a Víctor e a Rocío polas súas reflexións, son ben acaídas nestes tempos. Graciñas a Fran, por promover esta comunicación entre nós. E a todas as aportacións, que son como un bálsamo.

    1. Moitas grazas polo teu comentario, Amparo. Si que da un pouco de medo o futuro, si… Non queda máis remedio que esperar… e tirar do optimismo de Marga: malo será!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio