De Razo a Malpica

De Razo a Malpica
Despois de dous meses de inactividade, só no blog, pois durante o verán fixen algunha que outra andaina por Dumbría, Porto do Son, Santiago… con grandes amigos como Suso, Manuel Vilar, Antonio ou Jaime, retomo as crónicas das rutas deste curso 2014/2015.Xa realizamos este percorrido en novembro do 2007, e aínda me lembro ben porque foi a primeira ruta de sendeirismo que fixen co Servizo de Deportes da USC, e dende aquela fun participando progresivamente cada vez máis nesta actividade ata practicamente participar en todas… e que ben me sentan!

Comezáramos daquela no areal de Baldaio, en baixamar, nun día espléndido e cunha andaina pola praia que aínda lembro coma un paseo dos máis fermosos que teño dado; desta vez, o Víctor decidiu comezala en Razo e penso que acertou pois lembro que daquela chegáramos mai cansos a Malpica ao ter que camiñar todo o areal de Baldaio e Razo.

  • Lonxitude da ruta: 16 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Este tramo de costa agocha unhas paisaxes certamente fermosas e impresionantes. A ruta lévanos por camiños, pistas, e algún pequeno tramo de asfalto, en constantes subidas e baixadas, dende a praia de Razo, ata Malpica de Bergantiños, pasando por praias, cantís, montes (de feito a ruta denomínase Ruta dos pinos no mar), e moitos puntos de interese como a pequena devesa de Cambre, diferentes cruceiros (fermoso o de Loroxo), a casa de Mandián en Loroxo, na que salienta no seu exterior o seu impresionante escudo… pero que ademais agocha unha fermosa capela no seu interior, adicada a Santa Rita e San Ramón, que os seus actuais donos ensináronnos encantados, sen ningún problema. E fermoso e coidado é tamén o hórreo que teñen na casa, típico hórreo bergantiñán de mediados do século pasado. Moitísimas grazas!

E continuamos cara aos muíños de Ardeleiro… onde decidimos facer o descanso e xantar nun dos paraxes máis fermosos da costa de Bergantiños. Como anécdota que xa teño contado, dicirvos que no 2007 levei para xantar un trozo de empanada de bonito e, nada máis rematar, o Víctor meteunos monte arriba por un cortalumes de impresión, o que provocou que me fose repetindo o raio da cebola o resto do día! Paguei a novatada e, evidentemente, nunca máis volvín levar empanada para xantar. Desta vez, tamén fomos monte arriba pero entre toxos e uces espectaculares, e non semellou tan complicado e exixente como daquela.

Os muíños de Ardeleiro son un conxunto etnográfico composto por cinco muíños nunha paisaxe realmente envexable. No curso baixo do Rego dos Muiños, que acaba desembocando no mar formando unha pequena fervenza, encontramos estes cinco muíños restaurados, nas dúas beiras do rego. Dependendo da ubicación do muíño, varía a solución dada para que a auga baixe con forza cara ao rodicio, encontrándonos con muíños de canle e de cubo. Como nos dixeron os da casa de Mandián, os muíños pertencen a Loroxo, e non a Ardeleiro como erroneamente se lles denomina.

E en nada chegamos a Malpica, entrando pola parte alta da vila pasando á beira da capela de Santo Antonio e dando por rematada a andaina no mesmo porto, ao pé da escultura da balea na lembranza do pintor Urbano Lugrís. Algúns aproveitaron o tempo para refrescarse na praia de Area Maior (seique a auga estaba impresionante), ou por pasear e desfrutar do porto e da praia.

Eu optei por por ir ver os fermosos murais de Urbano Lugrís no segundo andar da Casa do Pescador, que mira ao porto. Aínda que eu creo que están mal expostos, pois antes o bar que está no baixo, ubicábase neste segundo andar e alí estaban varios cadros murais incrustados na parede, facendo unha serie que comezaba co que puña En tempos, os fortes homes de Malpica cazaban a balea por lonxanos mares. A esta impresionante parede chea de murais de Lugrís, súmadelle un decorado de mesas, sillas e barra de grosa madeira. E por riba mariñeiros, auténticos lobos de mar bebendo e falando. Miña curmá Marisa, filla de rexo malpicán lobo de mar, tivo a gran sorte de vivir esto (aínda lle producen arrepíos lembralo) e coméntame, con razón, que ainda que non poida ser bar, a sala debería quedar intacta, e moito menos, arrincar os cadros da parede e poñelos (moi mal enmarcados por certo) noutros sitios. Saio a escape para o bus que xa agardan!

Como diría Suso, que anda camiñando por terras estremeñas, foi o de hoxe un roteiro fermoso, bastante técnico e co seu aquel de esforzo. E para rematar, comentarvos que veu bastante xente nova e que desexo seguilos vendo noutros roteiros. Un bó comezo da tempada!


Ver De Razo a Malpica nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

7 comentarios sobre “De Razo a Malpica”

  1. Marisa Castiñeira

    Preciosa entrada primo, e esta tócame de cerca.
    Emocionácheme de certo!
    A descrición da paisaxe estupenda coma sempre, con eses comentarios que fan que casi a recorramos tamén.

    Aproveito, como profe de Naturais que son 🙂 para engadir un anaco de xeoloxía:
    Os muiños de Ardeleiro están nun dos enclaves xeolóxicos máis importantes que temos, formando o que foi denominado “Complejo Antiguo” PARGA PONDAL e posteriormente “Fosa Blastomilonítica” É un Complexo polimetamórfico (unidade Malpica-Tui), precámbrico. Trátase de materiais moi antigos cabalgados sobre outros máis recentes debidos a fortes pregamentos.
    Esta teoría ás veces pónse en dúbida, pero eu cando vou cos rapaces, ao ver o casco dun barco podrecido que hai no camiño (non sei se aínda estará), dígolles de broma que é unha proba do cabalgamento.
    Tamén nalgunha época do ano pódense ver “equisetos”, “xestela” ou “rabo de cabalo”, planta antiquísimas e difíciles de atopar do grupo das fieitas.
    (fotos en http://www.youtube.com/watch?v=trANGHVcf6M)

    Remato o rollo, e seguide disfrutando dos camiños!

    1. Grazas prima! A verdade é que o lugar o merece. Unha cousa que non destaquei e que me impresionou, foi o estado do mar, cunha encalmada espectacular; de feito, os surfistas que había en Razo non deberon pillar ningunha onda en todo o día! Porque outro gustazo é facer este percorrido escoitando o bater do mar nesta costa.
      Grazas pola aportación xeolóxica, ah! e o vídeo segue sen funcionar.
      Bicos

  2. Que fermosa ruta Fran… sígovos dende a distancia. Conste que en breve voume ver en Nova York cunha familiar de Ramón Sampedro… así que non é posible botarvos de menos cada día, menos algún que outro sábado de outono… vendo soa fermosas paisaxes, que sei que vos encantaría fotografar!

    Vémonos noutra gastronómica… polo menos 🙂

    Bicazos a todos e todas!!!

    1. As paisaxes que tés por ahí deben estar espectaculares neste outono que comeza! Desfrútaas con tí sabes e xa nolo contarás para xaneiro.
      Bicos

  3. Moi boas Fotos, Fran, e moi boa descripción, enriquecida polos comentarios de Marisa. Pena que non consigo ver ese vídeo.

    Grazas¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio