De Niñóns ao Roncudo. Camiño dos Faros

De Niñóns ao Roncudo
De Niñóns ao Roncudo

Para facer este itinerario seguimos parte da segunda etapa do Camiño dos Faros, unha senda de 203,50 quilómetros que enlaza os faros da Costa da Morte, de Malpica a Fisterra. Saimos dende a  praia de Niñóns, indo practicamente todo o rato pegados á costa, por zonas de cantís e rematamos no Roncudo. Un percorrido que ten un altísimo valor paisaxístico e que goza dunha extraordinaria beleza.

  • Lonxitude da ruta: 14 km aprox.
  • Desnivel: medio (subidas e baixadas)
  • Dificultade: media-alta

Tiñamos pendente continuar con esta ruta dende hai un ano, pois comezáramos a camiñar pola costa dende Razo ata Malpica, onde enlazamos coa primeira etapa de Camiño dos Faros dende esta vila ata Niñóns, etapa na que fomos acompañados polos lembrados Jóhanna e Helmut.

Logo de tomar o café en Pazos, o bus achegounos ata a igrexa de San Xoán, en Niñóns, onde demos por comezada a ruta. Como dicía daquela, o tramo é moi esixente e hai que ir con todos os sentidiños, xa que voltamos a camiñar pegados á costa de cantís nun tramo espectacular que percorremos con subidas e baixadas, nalgún momento de certo vértixe, mentres contemplamos como o mar bate nesta costa e tendo todo o perfil do Roncudo á fronte e, dende a Punta de Santa Mariña, a Punta Nariga e o seu fermoso faro ás nosas costas! Natureza en estado puro!

Continuamos, deixando a un lado as casetas do portiño de Santa Mariña, bordeando a costa e iniciamos o ascenso ata o alto do Monte Meán para marabillarnos, xa na baixada, coa enseada da Barda e a costa do Roncudo ao lonxe; facemos un descenso pronunciado que nos vai amosando o que vai ser a ruta de hoxe, un sube e baixa; antes de chegar á Praia da Barda, onde realizamos unha pequena parada, que aproveito para tirar unhas fotos dende o areal, vemos a un grupo de pescadores que deben andar aos sargos.

Continuamos e ao pouco decidimos descansar e xantar no mesmo sendeiro, un pouco antes da Punta do Castro. O día acompañou en todo momento, pero neste punto xa comezamos a ver como polo sur entraba a borraxeira que ía ir cubrindo toda a costa e que nos ía estropear un pouco as vistas do último tramo da andaina.

Imos lentos e con retraso sobre o horario previsto pois hai xente que non é quen de seguir o ritmo; como xa teño advertido en entradas anteriores, é moi recomendable ver o grao de dificultade de cada ruta antes de apuntarse a ela, sobre todo ao principio da tempada.

É este un tramo salvaxe, pois case todo o rato vai pegado á costa, por zonas de cantís, co mar rompendo aló en baixo. Nalgún punto o ambiente é sobrecolledor. Seguimos en ascenso ata a pequena aldea do Roncudo, onde aproveito, xunto con outros, para encher a miña cantimplora e beber a auga case de golpe (hoxe bebín case tres litros de auga), pois comezo a notar o cansanzo debido á catarreira que teño.

Por este motivo decido quedar na aldea, xunto con outros, e baixar directamente a Corme, mentres vemos sair ao resto camiño das pistas dos eólicos para emprender a baixada cara ao faro, unha baixada moi empinada e, polo que me contaron, desgrazadamente sen poder desfrutar das vistas, anque sentiron a sensación de ir sobre grandes cantís, testemuñas de naufraxios e perdas de percebeiros, como nos lembran as cruces espetadas nas rochas na súa honra.

O percorrido desta etapa dos faros, sen chegar a ter una dificultade alta, sube e baixa continuamente, o que fai que as nosas pernas se cansen. Transcorre case todo momento por sendeiro estreito, e esixente e, nalgún tramo podemos atopar algo de vexetación alta. Pero todo isto compénsase en moitos puntos cunha beleza abraiante!

 

Información adicional:

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “De Niñóns ao Roncudo. Camiño dos Faros”

    1. Uf! Estaba o mar un pouco perigoso para ir a eles, e coa borraxeira non se vían ben… Haberá que agardar a que nos toque a primitiva e darnos unha boa enchenta!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio