De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

Pouco a pouco seguimos facendo etapas do Camiño dos Faros. Hoxe toca o treito dende Muxía a cabo Touriñán, un dos puntos máis importantes do noso país dende o punto de vista xeográfico, xa que é o máis occidental da España peninsular. Este tramo é un percorrido esixente, pode que sexa o máis duro deste Camiño, polas continuas subidas e baixadas, con pendentes moi fortes e pronunciadas nalgúns puntos. O terreo ás veces é un pouco incómodo.

A beleza das paisaxes é proporcional ás dificultades. Hai algún curto tramo que podería ser vertixinoso, polo que compre ir amodo.

Sen dúbida algunha é un dos tramos mais salvaxes do Camiño dos Faros dende o punto de vista paisaxístico. É unha costa agreste e case inaccesible, nunha consecución de fermosas e abraiantes praias, coídos, montes, enseadas e cabos nos leva ata Touriñán.

  • Lonxitude: 21 km aproximadamente
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-alta

Comezamos a camiñar…

Saimos do mesmo porto de Muxía, despois de admirar os murais que hai na lonxa, onde destaca o de Yoseba MPA ninja Claudina e raspa dourada, que representa a unha superavoa percebeira que máis dunha vez casi a leva o mar. Está pintada varias veces nunha secuencia saltando de rocha en rocha como unha ninja.

A subida ata o mirador do Corpiño anúncianos a dureza da ruta de hoxe, subidas e baixadas pronunciadas (superaremos os 1000 m de ascenso acumulado ao longo da etapa); dende o cume, ao pé da cruz, temos unhas fermosas vistas: da vila, da ría, do mar aberto, de cabo Vilán, ou do santuario da Barca, cara onde baixamos. O santuario está alterado polo monumento A Ferida, en homenaxe aos voluntarios da catástrofe do Prestige (imposible estar en Muxía e non lembrar aqueles duros días, moi duros), un monolito esculpido en granito partido pola metade, formando unha fenda que simboliza unha ferida sangrante.

Voltando cara á vila polo paseo da Memoria, e antes de chegar ao Coído, parámonos a contemplar o secadoiro de congros de A Pedriña, onde o proceso de curación e secado do peixe é totalmente artesanal. Tivemos sorte, pois atopamos pezas de congros a secar. O secado é a última etapa deste proceso: o congro límpase, lávase con auga de mar, láñase, e córtase á metade en sentido lonxitudinal. O último paso, antes de colgalo nas cabrias -estruturas de madeira- é facerlle os buracos por toda a peza en sentido horizontal á espiña dorsal.

” Nos secadoiros do congro

abanean pelellos de vento.

O sol lambe as feridas do solpor.

O sol crava os ollos con noxo

no coágulo da súa sombra granate”

 Manuel RivasCosta da Morte Blues. Xerais , 1995

De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

A pesca do congro foi desde hai séculos unha das principais actividades da flota de Muxía. Debido a iso, para conservalo, aparecen estes secadeiros, constituíndo un interesante testemuño de como vivía a xente da época, chegando ata os nosos días. Hoxe a pouca produción existente vai para distintos puntos do interior de España, case toda para Calatayud, onde é considerado un produto tradicional.

De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

A Praia do Coído, vixiada por unha garza que non nos quita ollo permanecendo impasible ao noso paso, condúcenos a un tramo de estrada que compartimos co Camiño de Muxía a Fisterra, mentres imos contemplando a costa, a fermosa praia de Lourido, en forma de cuncha, o inacabado Parador e a primeira dificultade da xornada, o Monte Cachelmo.

Temos unha boa subida ata o cume do Monte Cachelmo, que acometemos dende o Coído da Agra. É unha das subidas máis duras do Camiño dos Faros, pois son só 750 m pero ascéndese de 0 a 150 metros, cunha pendente media do 23%. O esforzo vese amplamente recompensado ao chegar arriba, as vistas son espectaculares. Ao fondo o Vilán e Camariñas, con toda ría, e diante Muxía, rodeada de mar por todas partes.

De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

Aos pés do Monte Cachelmo atópase a Furna da Buserana, un deses recunchos con alma, onde a lenda é parte intrínseca da súa beleza, e que o convirte nun lugar para deixar escapar a imaxinación. A lenda da Buserana coñecémola a través da versión do poeta muxián Gonzalo López Abente, que nos fala dunha tráxica historia de amor entre o trobeiro Buserán, que namora dunha moza, a bela Florinda, filla do dono dun castro e, un día, ao chegar o pai de loitar e vendo que era verdade aquel amorío, encerra á sua filla e expulsa ao xograr. Pero cada noite, dende os outeiros, o mozo dedicáballe cantos de amor, entón o pai enfurecido, ordena tirar ao xove dende o alto dun penedo a unha furna da costa. Ao saber a noticia do tráxico final, Florinda toleou e, comezou a deambular polas ribeiras chamando polo seu amor. Unha noite, un criado levoulle a mala nova ao pai de que viran á sua filla chamando polo seu amor no alto dunha furna; escoitando unha cantiga do infortunado, veulle un golpe de mar desfeito en escuma, chegando ata onde estaba Florinda e, tomando a forma de Buseran, o troveiro, envólvea nun abrazo desaparecendo con ela no fondo na furna. A novela Buserana pode lerse completa nun volume publicado en 2012 por Xerais no que se recollen as novelas curtas de López Abente baixo o título A narrativa mariña, nunha coidada edición preparada polo muxián Suso Sambade.

Cara ao sur, o camiño que queda aínda semella máis complicado. Desde Cachelmo metémonos un pouco cara ao interior e baixamos polo bosque á pista da praia de Arnela para logo subir a Punta Buitra, outro dos salientes que ten esta revirada costa de Muxía e que che fai camiñar practicamente sobre o océano. A pista de terra que vai ata a punta permítenos dar un pequeno descanso ás pernas neste duro tramo. Ao chegar ao final, despois dun pequeno descanso, cambiamos totalmente de plano e son os cantís de Cuño e a punta de Cabo Touriñán os que teremos presentes a partir de agora. Descender polos cantís de Cuño déixanos coa boca aberta. O monte cae de xeito abrupto, formando varias puntas onde o mar non para de romper.

De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

O tramo non é doado e hai que tomalo con calma, ata que nos deixa no Coído de Cuño, ao que chegamos xa con borraxeira, o que non nos impide ter un merecido descanso. Este coído, cheo de bolos de todos os tamaños, é de gran interese xeolóxico e a súa orixe pode proceder de depósitos cuaternarios, aínda que hai autores que sinalan que pode ser debido a unha terraza mariña.

De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

O descanso non dura moito. Desde o regato de Cuño apartámonos da costa e toca de novo ascender polos bosques ao Monte Pedrouzo, de 269 m. Na cima do Pedrouzo volvemos ter un día espléndido, o que nos permite gozar das vistas panorámicas de Cabo Touriñán penetrando no mar.

Toca o gran descenso da etapa. Desde os 269 m da cima do Pedrouzo temos que baixar ao nivel do mar, pola Ribeira de Viseo para chegar á praia de Moreira. A baixada á Moreira (600 m, -25%) temos que facela con coidado de non caer de cu, cousa que é moi posible que aconteza.

De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

Por fin chegamos á Praia de Moreira, unha fermosa cala de area e bolos, dos que non paro de facer fotografías. A partir da Praia de Moreira, a etapa suavízase ata o Faro Touriñán. Imos por pistas de concentración parcelaria, deixando á nosa esquerda as aldeas de Touriñán Campos, que desembocan na recta de asfalto que leva ao faro.

Logo da recta de asfalto, tomamos un carreiro á dereita para bordear toda a punta do cabo, o que nos permite achegarnos aos cantís de Gaivoteira, que veremos con moitísimo coidado. O momento de divisar o faro é marabilloso. O pouco sol do final do día deitándose no horizonte medio tapado polas nubes dános un momento máxico, cunhas vistas privilexiadas deste Océano Atlántico… parece como se nos estivera agardando para rematar a xornada!

De Muxía a Cabo Touriñán. Camiño dos Faros

Como sempre, baseámonos na completa descrición que fai da etapa de Muxía a Nemiña o Camiño dos Faros, ao que hai que agradecer a promoción desta fermosa zona.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio