De Donón a Cangas do Morrazo

21-03-2026
Costa da Vela, con Cabo Home e as illas Cíes
Costa da Vela, con Cabo Home e as illas Cíes

A ruta parte de Donón en dirección sur ata o faro de Punta Subrido, onde temos unhas estupendas panorámicas da ría de Vigo. O percorrido segue pola costa ata chegar a Cangas, pasando por diferentes praias como Barra, Nerga ou Liméns. O resto vai por zonas de sendeiros e pistas. É un estupendo percorrido costeiro para gozar das marabillosas vistas de toda a contorna.

Lonxitude: 15 km  Desnivel: baixo-medio Dificultade: media

MIDE

  • Horario: 4:40 h.
  • Desnivel de subida: 341 m
  • Desnivel de baixada: 411 m
  • Distancia horizontal: 15,7 Km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

En novembro de 2012 achegámonos ata o concello de Cangas para facer unha ruta nocturna pola Costa da Vela, comezando no Hío. Entre lusco e fusco chegamos ao monte Facho, xa coa noite enriba. Dende alí camiñamos ata Cabo Home e despois ata a praia de Barra para rematar en Nerga. Desde aquela regresei varias veces ao Monte Facho, pero non volvín percorrer esta costa.

Se aquela ruta foi novidosa por gozar da natureza durante a noite, desta volta tamén fixemos algo novidoso. Un grupo quedou no entorno da caracola de Donón e decidiu practicar a escalada nas proximidades. Outros optamos por unha xornada máis tranquila facendo unha ruta pola senda costeira ata Cangas do Morrazo.

O grupo de escalada, ao pé da caracola de Donón
Cara atrás, deixamos o monte Facho e as illas de Ons
Mentres avanzamos pola Costa da Vela, temos á fronte Cabo Home e as illas Cíes
Chegando ao faro de Punta Subrido

Deixamos ao grupo de escalada e comezamos a camiñar cara o sur. Estamos na Costa da Vela, unha zona de cantís cunhas fantásticas vistas das illas Cíes e Ons. Temos pronto á vista Cabo Home, punto de terra máis próximo ás Cíes, e máis adiante Punta Robaleira, que identificamos polo seu característico faro de cor vermella. Desta vez non imos ir ata eles e dirixímonos, sempre por pista cómoda, ata o faro de Punta Subrido, dende onde volvemos ver as Cíes, Punta Robaleira, ademais da fermosa praia de Melide, na que salientan as súas dunas e o seu piñeiral, e cara o interior temos unha ampla vista da ría de Vigo. Mágoa que hoxe non gocemos dunha visibilidade boa pois a vista alcanza a ver Monteferro e Cabo Silleiro. O mar está espectacular!

Deixamos a zona do faro de Punta Subrido e comezamos a adentrarnos na ría de Vigo. Despois de continuar polo sendeiro, descendemos por un carreiro pegado á costa que nos comeza a amosar o complexo de dunas formado polas praias de Barra, Viñó e Nerga. O sendeiro é moi fermoso e non deixo de facer fotos. Cruzámonos con pequenos grupos que están facendo esta mesma ruta desde Cangas e descendemos ao areal, percorrendo unha praia tras outra. A idea de facer a ruta neste sentido, explicounola Víctor, é por percorrer as praias aproveitando a baixamar, e a verdade é que acertou co plantexamento, pois os tramos de praia pola area poden ser algo cansados.

Desde Punta Subrido comezamos a ver boa parte da ría
Superado o aparcadoiro da Praia de Melide, temos unha fermosa vista cara as Cíes
Pouco a pouco, ímonos tendo á vista ás praias de Barra, Viñó e Nerga
En primeiro termo, a praia de Barra

Logo de achegarnos a un miradoiro na Punta Crexiña dende onde divisamos as tres praias percorridas, seguimos o sendeiro ata que chegamos a unha fábrica depuradora de peixe e marisco e, un pouco máis adiante, baixamos á fermosa praia de Temperáns, que abandonamos pola pequena rampa que daba servizo a unha antiga fábrica de salgadura. O paso por estas casas chama a atención polas matas de romeu en flor que hai en toda a beira do camiño. Unha fermosura!

Continuamos cara a praia de Liméns, a principal da enseada, rodeada como as anteriores dun complexo dunar coñecido co nome de Frondoal, conservado no medio da gran urbanización desta costa. Algúns aproveitamos o piñeiral que proporciona a estabilización das dunas para xantar, outros deciden facelo no camping, e algún tamén aproveita para darse un chapuzón, a pesar de estar a auga bastante fría.

Camiñando polo areal vemos o complexo dunar, formado polas praias de Barra, Viñó e Nerga
Entrando na enseada de Liméns
Na saída da praia de Temperáns hai unhas matogueiras de romeu cargadas de flores azuis impresionantes
Percorrendo a praia de Liméns, onde pararemos a xantar baixo o seu piñeiral

Logo deste descanso, reemprendemos o camiño, sempre bordeando a costa, ata que chegamos a un túnel cun cartel na entrada que desaconsella o paso por posibles desprendementos. Nós decidimos facer un pequeno desvío subindo un pequeno treito entre casas que nos deixa a continuación na praia de Areamilla.

Cada vez atopámonos con máis xente paseando ou contemplando a paisaxe, o que fai pensar que non tardaremos en chegar a Cangas. O paseo permítenos ver a cidade de Vigo e contemplar unha fantástica panorámica da Ría de Vigo, adiviñándose ao fondo a ponte de Rande.

Pronto comezamos a ter vistas da cidade de Vigo
A medida que nos achegamos a Cangas, atopámonos con máis xente paseando ou contemplando a paisaxe
Antiga fábrica de conservas Massó
Rematando a ruta no paseo marítimo, fronte a Oficina de Turismo de Cangas

Entrando en Cangas impresiona ver o estado da antiga fábrica baleeira de Massó, pero aínda impresiona máis ver o edificio da antiga fábrica de conservas Massó que está a continuación. Proxectada polo enxeñeiro Tomás Bolíbar Sequeiros e o arquitecto Jacobo Esténs Romero, funcionou entre 1941 e 1996. Dá moita pena vela neste estado de abandono. Pouco máis adiante chegamos ao porto, onde damos por rematada a ruta.

Que gañas lle tiña a esta ruta e moito máis despois deste tempo tan desagradable que soportamos neste inverno. Foi unha ruta costeira moi fermosa. Logo de dar unha pequena volta pola vila e tomarlle unha cervexa, regresamos a Donón a recoller o grupo de escalada. Por certo, hoxe os estiramentos foron guiados por Víctor, pois Rocío quedou ao cargo do grupo de escalada… non o fai mal o rapaz.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio