De Camariñas a Camelle

De Camariñas a Camelle

O Jaime mándame as súas impresións dunha ruta feita hai doce anos na que nos conta as sensacións e a sua experiencia bicicleando por esta parte tan fermosa da Costa da Morte. Supoño que agora que xa comezan a abrirse as portas deste confinamento, lembrará esta ruta como unha das primeiras das que pensa percorrer.

A verdade é que é unha sorte contar con el nesta bitácora, pois é un narrador estupendo!

Camariñas queda a unha hora de Compostela aproximadamente en coche, e ten un roteiro para facer a pé ou en bicicleta BTT que non atopas outro igual en “cen millas á redonda”.

Eu percorrino cinco veces. Tres en bicicleta BTT: a primeira no ano 2008, un ida e volta ata Camelle, a segunda continueina ata Laxe e a terceira volvín repetir a Laxe pero volvendo a Camariñas en bicicleta pola estrada.

As de sendeirismo serían a cuarta nunha edición da Ruta dos Faros, acompañado por Antón, e a quinta tamén en sentido Camelle  Camariñas co grupo de sendeirismo da USC, pero para ter coñecemento dela xa tedes o fabuloso blog de Fran “ Roteiros galegos” , aquí só quero resumir as miñas sensacións da primeira.

De Camariñas a Camelle
Foto de grupo obrigada diante do faro, un dos puntos claves desta ruta. Foto de Jaime

Nós, os sufridores da bici, saímos ás nove de Compostela e ás dez e media xa estabamos en Camariñas. Un café no bar do náutico, a pé do peirao, para comezar con enerxía nas nosas monturas de aluminio con rumbo ao Cabo Vilán, onde facemos a primeira parada deste paseo de 26 km que discorre pegado á costa; despois virán as praias de Baleas, a terrible Punta do Boi co cemiterio dos ingleses, bordeamos a famosa Enseada do Trece, achegámonos por un camiño entre toxos á cima do Monte Branco parándonos un intre para contemplar o percorrido e a mar océana, continuamos ata o cemiterio de Santa Mariña onde tomamos un camiño de baixada con moita dificultade que nos leva directamente a Arou, e de aí polo camiño de costa ata o porto de Camelle.

De Camariñas a Camelle
A pista cómoda permítenos ir vendo a nova paisaxe. Foto de Jaime

A ruta é fácil de facer, pois gran parte ródase sobre pista de terra sen moita pendente e cunhas vistas impresionantes ao inmenso Océano Atlántico, as arnelas e os areais das praias abertas ao horizonte, as ondas batendo nos abundantes baixos, o Monte Branco, as formacións rochosas e o intenso amarelo da flor do toxo, a chorima, no mes de abril.

De Camariñas a Camelle
No Monte Branco, un dos mellores exemplos de duna rampante da Penísula Ibérica. Foto de Jaime

Os sentidos actívanseche “a full”, o sentido do equilibrio para non perdelo mentres pedaleas observándoo todo, a vista coa contemplación dese horizonte afastado, nítido ou brumoso que convida a soñar con viaxes. Teño mirado esta paisaxe agreste e hostil da costa do Cabo desde o mar, pero desde terra semella entrañable, e á fronte, ao dobrar a Punta do Trece, o Monte Branco referencia para xentes de mar durante moito tempo en navegacións de cabotaxe.

O oído, pois escoitarás bater o mar nas pedras e ruxir nos perigosos baixos que gardan historias de náufragos, o canto dos paxaros entre as xestas, matogueiras e os piñeiros ao bordo do camiño.

O olfato, encherache os pulmóns da fragancia das flores e dese cheiro tan característico que eu teño gravado no cerebro desde a miña tenra infancia en Malpica, o cheiro do mar da Costa da Morte, esa mestura a fresco de mar e de salitre, o cheiro do sargazo, do piñeiral, da area húmida… todas as sensacións olfativas xuntas que che incitan a que inspires fondo polo nariz e, cheos os pulmóns, expires pola boca e digas con satisfacción hostias! como arrecende a mar!… e os teus compañeiros facéndoche o coro digan siiiiiii!

O roteiro ten 52 km en ida e volta, dos que 8 aproximadamente fanse por asfalto. O nivel de dificultade é apto para os que desde fai vinte anos non sentan nunha bicicleta. Os sufridores da bici, ás dez e media xa estabamos a lle dar ao pedal e gozando do percorrido ata Camelle, onde fixemos parada para meterlle ao corpo, no único bar que servían comida ese día “A Chalana”, uns mexillóns, polbo por suposto, luras e unhas gambitas ao allo, sobremesa, café, chopo de licor café e, co bandullo cheo, o regreso polo mesmo roteiro a Camariñas, onde para rematar a xornada démonos un frío baño en pelotas pola parte exterior do dique de abrigo.

De Camariñas a Camelle
Foto de Jaime

Aquí quédavos un vello vídeo resumo, que me destrozaron os fabulosos de Youtube, das pedaladas dese sábado e non sexades críticos nin coas tomas nin coa música de fondo, pois este que escribe, “non especialista”, grava e monta vídeo e na bici, e só pretende pasar o tempo.

2 comentarios sobre “De Camariñas a Camelle”

  1. Precioso, Jaime, noraboa!! Esperemos que pronto poidamos repetir a ruta camiñando ou no teu caso en bici, o cal significaría que xa deixamos atrás este mal soño que estamos vivindo!! Malo será, ho!!

  2. Ahhh, un festival para os sentidos ¡ Quen puidera estar ahí agora¡
    Unha paisaxe impresionante, qué marabilla ¡ E un bo elenco de ciclistas ¡ Alégrame ver varias caras coñecidas por ahí.

    Moitas gracias por compartilo ¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio