Geira Romana e dos Arrieiros. De Ameijoeira a Monterredondo

Geira Romana e dos Arrieiros. De Ameijoeira a Monterredondo

Seguimos facendo etapas deste camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro-Breeiro, que deixáramos na ponte do Pilar do mes de outubro cun tempo espléndido por estas paraxes do Parque Natural Peneda Gerês, e que retomamos nesta quinta etapa do camiño de Braga a Compostela cun día non tan espléndido por mor da chuvia e da néboa, pero que están a ser moi necesarias neste inverno tan seco que estamos a padecer.

A nosa andaina ten o seu punto de inicio nunha pequena área de aparcadoiro que hai antes de entrar na aldea de Ameijoeira, xa en terras de Portugal. A andada transcorre por unha fermosísima zona de montaña, con espectaculares afloramentos graníticos, e atravesa regos e ríos por riba de pontes cargadas de historia, algunha delas milenaria.

Camiños queimados, con auga e sen limpar na parte galega da ruta, no concello de Padrenda, tamén sen ningún tipo de sinal de sendeiro sendo imprescindible o GPS, e ollo coas reservas de auga pois só hai unha fonte na Portelinha e outra na chegada, en Monterredondo.

  • Lonxitude: 19,3 km
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Chegados a Ameijoeira, baixamos cara o río Laboreiro, tamén chamado Barcia ou río de Castro Laboreiro, por onde se vertebra este primeiro tramo da ruta, coas súas marxes unidas por belas pontellas e pontes sobre afluentes do Laboreiro, como a fermosa Ponte Romana de Dorna ou a de Assureira, sobre o río Barreiro. Unha mágoa que o trazado da ruta que levamos non pase pola Ponte da Cavada Velha, declarada Monumento Nacional de Portugal no ano 1986 e de moi fermosa factura, moi cerca desta última ponte da Assureira. Paga a pena desviarse para contemplala.

Chegamos a Castro Laboreiro despois dunha subida por estrada moi costaneira. O tempo impídenos ir ver os restos do impresionante castelo, a uns centos de metros do núcleo urbano, ou dar unha volta pola pequena vila. Reagrupámonos en torno a un café da pastelaría A Castrejinha, acompañado dunhas natas e uns bolos de arroz deliciosos! O local tamén conta cun pequeno supermercado, no que se pode abastecer para continuar ruta, pois igual ata Cortegada non se vai atopar ningún establecemento de comestibles.

O día non acompaña moito, e o de gozar da paisaxe pola que andamos ten que quedar para outra xornada. Pero nalgún pequeno instante é benevolente e permítenos divisar algunhas aldeas situadas en lugares incribles, afundidas entre as enormes formacións rochosas que conforman estes montes pelados de impresionante perfil. As inverneiras son aldeas situadas en vales abrigados nas que os campesiños pasan ou pasaban o inverno, desde decembro a marzo, e as brandas son lugares situados a maior altitude nos que vivían o resto do ano dedicados á semente e ao coidado do gando.

Xa o dicía o escritor Alfredo Campos, na segunda metade do século XIX, acerca de Castro Laboreiro e dos castrejos:

“Em Castro Laboreiro, todo o proprietário, por muito diminuto que seja o seu património, tem, como qualquer lord inglez, duas habitações –uma de verão e outra de Inverno.

A primeira assenta nalgum lugar da região de Castro Laboreiro, e é n’ella que o montanhez e sua família vivem os nove mezes das estações da primavera, verão e outomno; a segunda é situada para o lado dos arcos de Vale de Vez, n’um valle profundo, denominado as hinverneiras, e é ali que elle passa a estação rigorosa. Foge d’este modo à aspereza do Inverno, procurando esse clima mais temperado pela situação, dias mais amenos e temperatura mais regular.”

Unha vez reagrupados e reconfortados, continuamos camiño cara á Portelinha. Chama a nosa atención unha muller castreja que ven cara a nós, cuberta cunha capa con capuz negro, tapando a cabeza, sorríndonos, e saudándonos ao noso desexo de bom dia!

Antes de chegarmos á Portelinha, aínda nos queda por cruzar unha pequena ponte máis no Porto dos Carros, agora case sen uso, que queda, como as anteriores, para disfrute de sendeiristas e camiñantes, pero que noutrora serviron para comunicar as aldeas e pobos espallados ao longo e ancho do Parque Nacional de Peneda-Gerês.

Antes de chegar á Portelinha, punto máis alto do percorrido de hoxe, detéñennos ao pé dunha casa os ladridos do can Castro Laboreiro, unha raza autóctona coñecida como os boca negra da que xa se teñen noticias desde o S. XIII. É un can moi apreciado pola súa destreza para manexar rebaños, e dise del que “é meigo para o dono, feroz para o lobo e para os estranhos.” A dona da cadela está encantada con ela, e non para de botarlle piropos pola tranquilidade que lle dá tela coidando da casa. Xa nos di ela que que ten un can Castro Laboreiro nunca máis quere ter doutra raza!

A partir da Portelinha iremos descendendo cara a fronteira ata Monterredondo, pertencente ao concello de Padrenda, xa en Galicia. Comezamos aquí o Camiño Miñoto-Ribeiro, un dos camiños máis antigos que ían cara a Santiago de Compostela, utilizado por peregrinos e comerciantes. O seu paso pola provincia de Ourense transcorre polos concellos de Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Ribadavia, Beade, Cenlle, Leiro, Boborás e Beariz. A ruta aglutina os principais recursos da provincia de Ourense, paisaxes, historia, termalismo… xa iremos contando.

Que diferencia na parte galega da ruta! Camiños con auga e sen limpar, agora dificultados polos últimos incendios, tamén sen ningún tipo de sinal de sendeiro sendo imprescindible o GPS para orientarse. Seguro que a paisaxe é fermosa pois a néboa permítenos intuir un amplo e profundo val cara ao río Miño, pero non o apreciamos con claridade. O último tramo faise por estrada, unha costa abaixo moi empinada ata a chegada a Monterredondo, que nos vai machacando os pés.

Rematada a ruta, regresamos nos coches a Castro Laboreiro, para aloxarnos no Hotel Miracastro. As últimas luces do día permítennos ver dende o cuarto o fermoso val polo que andivemos pola mañá, e aínda haberá tempo para dar un pequeno paseo, antes da cea: uns entrantes nos que non faltou o fumeiro, sopa, e vitela asada exquisita. Unha delicia. E logo, para rematar a xornada, achegámonos ata o local da freguesía para participar no baile que organizan todos os sábados. Menuda troula!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Geira Romana e dos Arrieiros. De Ameijoeira a Monterredondo”

    1. 😀 Uf! As fotos do baile ímolas deixar para outra. Fixen tantas que tiven que cinguirme só ás da andaina…

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio