Costa de Lugo. De Foz a Burela
Desprazámonos de novo ata a Mariña lucense, para percorrer a costa dos concellos de Foz (17 km) e de Burela (3 km). Esta ruta é continuación da que iniciáramos en outubro dende Ribadeo á praia das Catedrais, pois é intención percorrer a costa cantábrica galega de oriente a occidente.
- Lonxitude da ruta: 20 km
- Desnivel: non ten
- Dificultade: media
A ruta comezámola na mesma vila de Foz e vai a carón da costa de todo o concello; dende o porto, o paseo marítimo condúcenos ata a praia da Rapadoira, quizais a máis emblemática, e dende alí o litoral de Foz en estado natural constitúe un ecosistema de grande riqueza ecolóxica. Os paseos creados á beira das praias, ría e ríos facilítanos gozar da riqueza paisaxística e ambiental, pois pasamos por innumerables puntos de interese paisaxístico e natural, alternando praias, coídos, cantís, calas, illotes…
Continuamos a andaina ata a praia de Llas, na súa parte máis occidental atópase o Cú do Castro. Seguimos o litoral e atravesamos diversas calas, ata chegar á praia de Peizás. Continuamos para pasar polos areais de Pampillosa e de Arealonga, onde na punta oriental podemos contemplar un interesante castro marítimo (s. I-II d.C.).
Na praia de Arealonga acháronse recentemente restos de turba, para sorpresa dos veciños, pois nun principio confundíronse con restos de chapapote do Prestige, e o que menos imaxinaban é que foran turbas, de grande interese científico. Os máis anciáns da zona lembran que os seus avós lles contaban que ao baixar o mar e en mareas vivas, quedaban restos de arboreda ao descuberto, que transportaban en carros ata as súas casas e unha vez secos os troncos servían para facer lume, porque duraba máis tempo que a leña que traían do monte e quentaba millor.
Continuamos cruzando e bordeando o río Ouro (declarado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e incluído na “Rede Natura 2000”, como LIC), ata a súa desembocadura.
Vimos tamén o castro de Fazouro, na baixada á praia de Arealonga, no lugar coñecido como Punta do Castro, ao leste do areal, que se corresponde cunha pequena península sobre unha zona acantilada (e co seu inseparable “chalet”. Por esta zona a lei de costas non se aplica?, ou!). Hai que destacar que parte do xacemento perdeuse pola acción erosiva do mar.
Deixamos o concello de Foz na praia da Areoura, no límite co municipio de Burela, na que se realizou unha grande obra de recuperación. Se vos lembrades, aquí demoliuse no 2002 un hotel que se construira nos anos setenta, cun muro de formigón na parte frontal feito sobre a praia. A demolición acompañouse dun plan de recuperación, o que permitiu volver gozar da beleza dos seus areais, dunas, acantilados e rochas.
Aínda quedou un pouco de tempo para baixar ao porto e pasear co Antonio e o Suso admirando as embarcacións do Cantábrico, pois en Burela dende tempos inmemoriais, a pesca foi a principal fonte de vida da vila, na que o seu porto medrou de forma espectacular no pasado século, debido fundamentalmente á pesca do bonito e do marraxo.
Día espectacular. O tempo acompañou, salvo no xantar, anque estivemos ao abrigo no adro da igrexa de San Xiao e… tres horas de viaxe a Santiago!
Ver De Foz a Burela nun mapa máis grande
Fran, que fotos, un perfecto agasallo para a nosa vista…
Parécenme sumamente reais, ata o punto de que ata creo sentir o son das olas e como que incluso chego a ulir o mar…¡¡¡
Noraboa e Grazas