Esteiro. Pedra do Cadro

Logo de tomar o café e de reagruparnos no mesmo Esteiro, iniciamos a ruta de percorrido circular e, pouco a pouco, fomos subindo ata chegar ao cumio da Pedra do Cadro.

Xusto ao comezar a ruta pasamos pola aldea de Solleiros, con hórreos e casas ben restauradas en xeral e, a medida que imos ascendendo xa se vai apreciando a fermosa paisaxe da ría de Muros.

Durante o ascenso polo camiño tradicional de subida atopámonos coa Pedra da Pía, moi chamativa pola súa forma e polas súas inscricións, que segundo algúns estudosos poderían remontarse a Idade do Ferro, e que máis adiante puido ser cristianizada, aínda que parece que polo de agora todo son conxeturas.

A partires de aquí a paisaxe é sorprendente, pois xa entramos no chamado Pedregal de Esteiro, auténticas pedreiras formadas por enormes bolos graníticos con formas do máis variopinto, que fan voar a imaxinación. Dende a Pedra do Cadro, as vistas sobre a ría de Muros son espectaculares e cara ao interior, una sucesión de enormes masas graníticas, que lembran ao Monte Pindo.

Comezamos o descenso na parte media do percorrido e tamén tivemos tramos nos que os toxos fixeron das súas… ata chegar á Rocha Cabaleira. Foi o roteiro no que vimos as primeiras Quitamerendas, que é un dos signos do outono, pois cando aparecen estas florciñas diretamente do chan os días comezan a ser curtos acabándose as merendas, que se convirten en ceas.

 


Ver Esteiro. Pedra do Cadro nun mapa máis grande