Camiño do Monxe V. De Esgos a Maceda

07-02-2026
Claustro do Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo
Claustro do Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo

A quinta etapa do Camiño do Monxe comeza en Esgos onde remata a anterior, e vai ata Maceda. Esta ruta é sensiblemente máis doada que as anteriores xa que os camiños polos que transcorre son máis cómodos. Aínda así, hai que ter en conta que pode haber lama nalgúns puntos, pois son case 20 km.

A ruta sae de Esgos en ascenso por zonas de bosque. Máis adiante chegamos a Xunqueira de Espadanedo, onde podemos gozar do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, unha xoia da arquitectura relixiosa. Dende aquí o itinerario segue por pequenas aldeas e zonas gandeiras ata entrar novamente en zonas boscosas. Pouco antes de chegar ao remate da ruta faremos un fermoso treito polo río Maceda.

En Maceda, onde remata a ruta, podemos ver o seu castelo.

MIDE

  • Horario: 5:50 h.
  • Desnivel de subida: 501 m
  • Desnivel de baixada: 490 m
  • Distancia horizontal: 19,2 Km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Este inverno estamos a padecer unha vaga de mal tempo en Galicia, cunha sucesión de borrascas de moita chuvia e vento que non vai chegar o abecedario para nomealas a todas. Isto impediunos acometer hai dúas semanas a cuarta etapa deste Camiño, por mor de haber alerta amarela, tendo que adiala para o vindeiro mes de marzo. Hoxe semella que imos ter un pequeno respiro, polo menos durante gran parte do percorrido, e non houbo que dubidalo moito para coller bastóns e mochila e desprazarnos ata Esgos.

Despois da viaxe dende Santiago, aínda tivemos tempo de tomar un café e achegarnos ata a praza chamada Miguel Chisco, na que hai unha escultura adicada ao Monumento ao afiador, actividade moi arraigada noutro tempo nesta comarca e, logo dunhas primeiras verbas de Víctor sobre as características da ruta, comezamos a camiñar cara ao centro da vila.

Monumento ao afiador caracterizado hoxe para a troula do antroido
Camiño lavado, deixando as pedras núas de todo
Empregándonos no camiño buscando as zonas máis transitables para avanzar

Alegroume ver que unha vella e fermosa palleira que hai no centro de Esgos, estivese rehabilitada dende a última vez que estiven aquí, e alegroume moito máis que esta construción albergue agora a nova biblioteca.

En contínuo ascenso, pouco a pouco imos deixando atrás Esgos. Un pequeno tramo por estrada introdúcenos nun camiño que reflicte moi ben a cantidade de auga que debeu caer no lugar pois limpou completamente a follaxe, deixando as pedras núas de todo. Xa na parte alta temos que empregarnos pois a cantidade de auga estancada no camiño fai que busquemos as zonas máis secas para avanzar. Agrupámonos ao chegarmos a unha encrucillada, onde comezamos a ver sinais do Camiño Natural da Ribeira Sacra, polo que andaremos nalgún pequeno tramo.

Superado As Meiroás o camiño é moi doado de andar
Temos á fronte a Serra de Cabeza de Meda, cuberta de neve nos seus cumes
Pronto temos á vista Xunqueira de Espadanedo, nas abas da serra

Neste punto tiramos cara As Meiroás, aldea que cruzamos todo por estrada a través dunha zona inicial de prados e tendo á fronte a Serra de Cabeza de Meda, unha pequena serra do Macizo Central, toda cuberta de neve nos seus cumes e salpicada de aldeas como Pardeconde nas súas abas.

Por pista moi doada, alternando con pequenos tramos por estrada, comezamos a ver Xunqueira de Espadanedo, xunto con outras aldeas nas abas da serra, ao que chegamos sen que nos caera nin unha pinga de auga.

En Xunqueira está o Monasterio Cisterciense de Santa María, unha xoia da arquitectura relixiosa, como as que estamos a ver ao longo destas etapas do Camiño do Monxe. Aínda que é cedo para xantar, decidimos facelo aproveitando o entorno do mosteiro, pois anúncianse chuvias para media tarde e queremos chegar a Maceda o menos mollados posible. Aínda así, temos tempo de gozar do monumento polo seu exterior. Hai visitas guiadas, pero nesta ocasión non a concertamos e temos que deixalo para outra.

A fachada norte da igrexa do mosteiro destaca pola portada románica
A cabeceira é outro dos elementos románicos que se aprecian no exterior
Parte do mosteiro está ocupada por instalacións municipais

Accedemos ao adro e xa me deteño na fachada norte da igrexa, na que destaca a portada románica, actualmente cegada, un dos elementos máis característicos do mosteiro. Esta porta denominábase antigamente “porta dos mortos”, pois era o acceso ao cemiterio dos monxes que habitaban o mosteiro.

Antes de sentarme a xantar, percorro o monumento perimetralmente. Primeiro vou coñecer as tres ábsidas románicas semicirculares, que dan forma á cabeceira da igrexa. Volvo cara á súa fachada principal, presidida pola imaxe de San Bernardo, levantada a comezos do s. XIX, respondendo aos canons clasicistas do Neoclásico; orixinalmente románica, talvez como consecuencia do terremoto de Lisboa, esta destrúese xunto co campanario, tamén medieval, e inspirado o actual en pasados modelos barrocos. Outra das hipóteses fai referencia á súa caída por mor dun raio.

O claustro do mosteiro destaca pola súa sinxeleza e elegancia
Caracterízase polos arcos puídos con dovelas e columnas lisas
Dous dos reloxos solares do claustro, instalados no antepeito do lado norte

Se nos achegamos ao Claustro Regular podemos ver o lenzo norte pegado á igrexa, o tramo oeste e unha arcada do tramo sur. Datado no século XVI e de estilo renacentista, destaca pola súa sinxeleza e elegancia. As paredes que actualmente faltan abrían camiño ás estancias de maior uso para a vida dos monxes, tales como a sala capitular, o calefactorium ou as cociñas.

O mosteiro de Santa María contaba cun interesante sistema “gnomonista” conformado por catro reloxos e que pretendía poder saber en calquera momento que hora era. Nos antepeitos labrouse ao redor de 1663 un sistema de reloxos solares que se distribuían entre os muros norte, leste e oeste, e dos cales se conservan tres exemplares na actualidade.

Comprobando as pesadas chocas que nos amosa o felo, e explícanos as partes do traxe
Vacas de raza autóctona
Entrando na aldea do Pumar

Estamos ás portas do antroido e por estas terras a figura dominante é o Felo, e no bar O Muíño topámonos cun home preparándose para ir ao fiadeiro de Carguizoi, aínda que o día non aventura un percorrido moi agradable, e participar máis adiante nese “exército” de felos que segue a percorrer as aldeas da serra onde son moi ben recibidos. O medo que provocaban en tempos pasados tornou nun felo amable que xoga coa xente, abraza aos veciños, levántalle a saia as mulleres, e os veciños responden con licor café, bica, roscón e todo tipo de viandas. Gustoso sae con nós e amósanos as pesadas chocas, a chaquetilla e a máscara explicándonos as partes deste fermoso traxe.

Saímos de Xunqueira e pasamos baixo a estrada que conduce ás terras de Trives, nun bo tramo por estrada con pouca circulación; ás nosas beiras, granxas co boas extensións de prados sobre os que pastan vacas de raza autóctona como a vianesa ou a limiá, ata que alcanzamos a aldea do Pumar e imos en ascenso ata o cercano Penediño, lugar onde nos volvemos a introducir no bosque.

A partir do Pumar, o bosque polo que andamos é unha fermosura
Así nos atopamos o entorno do vello muíño do regato de Axirei
A auga no camiño fai que busquemos avanzar por zonas máis transitables

Estamos preto de Niñodaguia, lugar onde, desde hai séculos, os seus oleiros elaboraron diferentes utensilios para o uso doméstico e cotián, sendo utilizados nalgunhas ocasións como elementos ornamentais. Os cacharreiros de Niñodaguia, tamén coñecidos como ”xarreiros” ou ”calleiros” están a incorporar novas formas nas súas creacións, convivindo coa olería tradicional. Unha mágoa que vaiamos con pouco tempo e non poder achegármonos ata alí para ver o seu museo.

O paso do grupo pola aldea do Pumar fixo que os máis rezagados non seguisen polo trazado e retrasaron un pouco a andaina, pero nada que non se poida arreglar, salvo este pequeno retraso que provocou.

Na área de descanso de Uzal, sentimos a forza da auga do río Maceda
Un paseo moi agradable admirando os muíños recén restaurados
Rematando no entorno da fonte da praza Alcatruz de Maceda

Este tramo da ruta, xa con bastante chuvia, é unha fermosura, aínda que volvemos ralentizar o paso ao ter que abandonar en máis dun punto o camiño e ir por detrás dos muros. O momento de máis lentitude vai ser coa chegada ao vello muíño do regato de Axirei co entorno totalmente anegado, tendo que salvalo axudados por Rocío dun en un por unha pontella á que practicamente cubría a auga.

E a pouca distancia damos co paseo fluvial do río Maceda, desembocando na área de descanso de Uzal. A partir de aquí, só queda continuar polo sendeiro río abaixo e ir admirando a forza da auga, sobre todo ao paso de pontes como a de Francos, ou muíños recén restaurados.

Abandonamos o paseo fluvial e, despois dunha pequena subida, e chegamos á estrada que nos conduce ao centro da vila de Maceda, entrando pola rúa das Canteiras e damos por rematada a andaina no entorno da fonte da praza Alcatruz, xa con chuvia persistente, pero na que rezuma aire de antroido por todas partes. Abrigámonos nun dos bares da praza e mezclámonos con algúns grupos que se achegaron á vila para correr o antroido, para tomarlle a cervexa de rigor antes de emprender a viaxe de volta.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio