Camiño do Monxe IV. Do mosteiro de Santo Estevo a Esgos

07-03-2026
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil dende o Miradoiro Penas do Castro

Lonxitude: 22 km. Desnivel: medio Dificultade: media-alta

Continuamos percorrendo o Camiño do Monxe. Comeza a etapa no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e vai ata Esgos. Ao inicio da mesma concéntrase o desnivel de subida máis forte. Esta etapa é algo diferente ás anteriores xa que atravesa toda a parte alta dos contrafortes da serra de Meda. Isto permítenos ter diferentes vistas da zona. Despois dun tempo longo pola parte alta comeza o descenso que pouco a pouco nos leva ata Esgos, por zonas de bosques preciosos, no que tamén teremos ocasión de ver o mosteiro de San Pedro de Rocas antes de chegar.

Nesta ruta imos atopar todo tipo de camiños, antigas corredoiras, pistas, e tamén estreitos sendeiros con zonas esvaradías onde temos que prestar máis atención. Isto, e a lonxitude da etapa, é o que lle dá a dificultade.

MIDE

  • Horario: 6:40 h.
  • Desnivel de subida: 689 m
  • Desnivel de baixada: 623 m
  • Distancia horizontal: 21 Km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Dificultade: Media/Alta

Comezamos a camiñar…

Este tramo do Camiño do Monxe estaba planeado facelo en xaneiro e foi adiado pola alerta amarela por temporal que se activou no vinte e catro de xaneiro pasado. A verdade é que estamos a ter un inverno de moita chuvia o que provoca que alteremos os plans previstos.

Hoxe o bus non nos deixou ao comezo da etapa, pois non ten permitida a circulación ata as proximidades de Santo Estevo. O camiño dende a parada do bus ao mosteiro permitiunos admirar o souto do antigo cenobio, ordenado en terrazas en forte desnivel, case vertical. As árbores, aínda espidas, vannos permitir ir vendo de cando en vez o mosteiro, ou a outra ribeira do canón do río, gran parte dela calcinada polos incendios do fatídico mes de agosto pasado.

Dende a parada do bus, as árbores, aínda espidas, permítennos ir vendo de cando en vez o mosteiro
Distinguimos a igrexa románica, de planta basilical con tres ábsidas semicirculares
Tomamos un camiño de forte pendente, que parte da aldea de Santo Estevo
Ao inicio da ruta concéntrase o desnivel de subida máis forte, pero gozando do entorno, con bosques humanizados

O paso polo mosteiro é fugaz pois xa gozamos del na etapa anterior, ao rematarmos a ruta no parador. Iso non impide que nos deteñamos nos paneis que nos ilustran sobre a súa historia, coa fundación atribuida a San Martiño de Dumio na época sueva, sendo a partir do s. X cando comeza o seu esplendor. O mosteiro foi reedificado no século XII, sufrindo desde entón numerosas transformacións. A súa igrexa é románica do século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsidas semicirculares con bóvedas de cruzaría, porén a súa fachada é barroca.

O ascenso duro da xornada agárdanos a continuación. Hai que subir ata a chaira por un camiño de forte pendente que parte da aldea, o Camiño da Amargura (en tempos, os penados da Inquisición xulgados no mosteiro subían por el para ser axustizados na chaira do Chao da Forca), pero polo que seguimos a desfrutar do entorno, con bosques humanizados, no que o carballo convive co castiñeiro, creando frondosas fragas.

No Miradoiro Penedos do Castro a panorámica é soberbia!
Ademais do mosteiro, podemos ver a gran extensión afectada polos lumes do agosto
Cruzando a aldea de Pombar

Desvío obrigado é achegarse ata o Miradoiro Penedos do Castro. Uns carteis indícannos a dirección ao cercano miradoiro e ascendemos ao alto das rocas. Estamos nun antigo asentamento castrexo da idade de bronce que posteriormente se converteu en fortaleza medieval. Consérvanse restos dalgunhas das murallas. Realmente é un lugar estratéxico para a vixilancia e defensa, e agora, na zona máis alta hai un privilexiado miradoiro sobre o encaixado canón do río Sil e con vistas aéreas sobre o mosteiro de Santo Estevo aos nosos pés, pequenas aldeas que resaltan entre bosques autóctonos e, ao fondo, a Ponte da Barca, onde o río Cabe desemboca no Sil. Non é a primeira vez que estamos neste miradoiro e non deixamos de marabillarnos das vistas que hai dende este pequeno balcón. A panorámica é soberbia!

Despois de gozar das últimas imaxes sobre o río e o seu val, despedímonos del, pois a partir de aquí xa non o volveremos ver. Practicamente superada a dura subida, dirixímonos cara Pombar e proseguimos por fermosos corredores de bosque ata a pequena aldea de Cortecadela, xa cunha paisaxe ampla e un camiño doado de facer. Imos por pista forestal hacia a ermida da Virxe do Monte, que coincide coa Ruta do camiño natural da Ribeira Sacra. Pouco a pouco acadamos zonas altas con marabillosas vistas, onde afloran os viraventos. Cara unha banda temos o val de Lemos e, máis ao fondo divisamos o Courel. Máis adiante, o camiño permítenos gozar das vistas cara a cidade de Ourense mentres nos leva ata o santuario da Virxe do Monte.

A partir de Cortecadela a paisaxe volve ser ampla e o camiño doado de facer
O val de Lemos e, máis ao fondo divisamos o Courel
A maxestuosidade da Serra de San Mamede, cuberta de neve

Esta parte da ruta tamén gozamos de grandes vistas dos arredores, do val de Maceda e das montañas que se coroan coa Cabeza de Meda, podéndose divisar, ademais, a maxestuosidade da Serra de San Mamede, cuberta de neve nestes días. No entorno do santuario buscamos un lugar parar para xantar. Arredor da igrexa hai un área recreativa con bancos e mesas de pedra e Jaime e mais eu decidimos sentarnos buscando o abrigo do lixeiro vento fresco que estamos a ter nesta paraxe, á beira dunha casa de pedra en ruinas da que non sabemos cal foi a súa función.

Deixamos o santuario xa en descenso. Un pequeno tramo por estrada, e adentrámonos no bosque por antigos camiños de ferradura, sendas e carreteiras que se deixaron de usar e cos muros de pedra das ruelas ou carriozos, desmoronándose. O lique déixase ver cunha cor verde intensa cubrindo rochas, troncos e pólas, nesta época aínda espidas da follaxe. Logo dun pequeno tramo asfaltado á altura da aldea de Arcos, volvemos internarnos na frondosidade do bosque. Despois de tanta chuvia, nalgún tramo camiñamos entre suaves lameiros, ralentizándonos un pouco a marcha.

No entorno do santuario da Virxe do Monte decidimos parar para xantar
Nos carriozos, o lique déixase ver cunha cor verde intensa
Despois de tanta chuvia, nalgún tramo camiñamos entre suaves lameiros

Imos polo Camiño Real de San Pedro de Rocas e, case sen decatarnos, chegamos ao entorno do mosteiro de San Pedro de Rocas. Un cartel indícanos a baixada á Fonte San Bieito. Unha pequena poza entre as rochas amósanos unha fonte de auga á que atribúen virtudes curativas para as verrugas. En Galicia, aceites, panos, e augas vinculables a San Bieito, curan, por eliminación, as incómodas e pouco estéticas verrugas. Jaime coméntame que hai que crer para que desaparezan, pero eu lavo igual a cara e as mans por se acaso… Ascendemos ata o sendeiro e facemos a entrada en San Pedro de Rocas polo deteriorado Camiño Real.

Declarado monumento histórico artístico en 1923 e fundado no ano 573, o mosteiro é sen dúbida unha xoia arquitectónica e cutural do noso país. Nel atópase o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra. Facemos unha pequena parada un pouco máis prolongada para disfrutar deste espazo. O edificio prerrománico do mosteiro é sorprendente, tanto pola beleza do seu emprazamento e integración na Natureza como pola súa orixinalidade construtiva. Rocha e arquitectura dan forma a tres capelas co chan furado por numerosos enterramentos antropomórficos. Moi curiosa é a espadana do campanario que se ergue directamente sobre un gran rochedo.

No Camiño Real pódense ver as rodeiras dos carros que transitaban antigamente por el
Subida cara a San Pedro de Rocas polo deteriorado Camiño Real
A espadana do campanario érguese directamente sobre un gran rochedo

Deixamos San Pedro de Rocas, e continuamos polo Camiño Real. Como nestes últimos tramos, é máis que destacable a fermosura do camiño, que conserva gran parte dos seus muros laterais e o empedrado onde se poden ver as rodeiras dos carros que transitaban antigamente por el, podendo intuir o intenso uso que se lle deu a este camiño e deducir a importancia do mesmo nas comunicacións entre o mosterio e as aldeas dos arredores.

A metade de camiño, atopámonos nunha encrucillada co peto de ánimas da Meiroá, pequena arquitectura en pedra, moi frecuente en Galicia, que testemuña profundas raíces no culto aos mortos e devoción polas ánimas. É un peto de tipo pechado, con dous fornelos paralelos, sen retablo, tellado chan coroado por dous pináculos (falta o da dereita) e unha cruz, que tamén falta, que se fincaba na base en forma de copa. Os caixóns das esmolas aparecen nas mesas, diante de cada retablo (ata tiñan cartos!). Na parte alta dos dous fornelos aparece gravado o ano da súa feitura e máis as dedicatorias: S.ANTON 1854 ANIMAS. Dado o seu estado de abandono e conservación, é evidente que non ten sinais de culto por parte dos camiñantes.

Nunha encrucillada damos co peto de ánimas da Meiroá
O último tramo do camiño é moi fermoso, conservando gran parte dos seus muros
Entrando en Esgos, rematando o percorrido na praza Miguel Chisco

Unha vez pasada a aldea de A Meiroá, rematamos o percorrido en Esgos, na praza chamada Miguel Chisco, fronte á escultura adicada ao afiador, que nos lembra que estamos na terra que foi berce dos míticos afiadores-paragüeiros, homes que percorrían toda Galicia e gran parte da península, anunciando a súa chegada facendo soar o seu chiflo, normalmente feito de buxo.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio