As lavercas

As Lavercas
A verdade é que Suso non precisa de moita presentación entre a maioría de nós e, co seu permiso, decidín compartir a resposta ao correo que me remitiu cando lle pasei o último número da revista Luzes¹, sabedor da súa paixón (xa non sei cantas ten), polos paxaros.
A carta é curta pero, como dí outra gran amiga, da que estou agardando unha nova colaboración, dá gusto ler cousas tan bonitas, tenras e saber que coñecemos e gozamos da amizade dos seus artífices. Moitas grazas Suso!
————————————-

1. Sandoval, A. A laverca descende – Revista Luzes, 78 2020.

Ola Fran!

Grazas polo número de Luzes e que bonito me pareceu o artigo das lavercas [recomendo premer no enlace e seguir lendo a carta]. Léndoo, lembreime dos versos que falando delas lle dedican no libro Guía definitiva das aves da Galiza, unha guía de aves perdida, culta, naif que foi recuperada por Nacho Munilla e Pancho Lapeña cun proxecto de crowdfunding: Subía no aire/ con moito asubío/ coas asas abertas/ e non tiña frio./ No teso do lombo/ do monte queimado/ baixaba a laverca/ co rabo virado.

Este ano escoitámolas por primeira vez na ruta que fixemos polo concello de Samos, cando Víctor, sempre atento, nolas mostrou polos altos da Serra do Édramo.

Na época en que facía a carreira de Medicina, alá polos 60, puiden ver como  as apresaban aproveitando o costume que teñen de erguerse cantando e peneirando dende o alto e, logo, cando descenden, aterrar case sempre no mesmo lugar, unha pedriña ou unha póla que lle sirva de atalaia; estes pousadoiros localízanse observando os seus voos e as cagadas que deixan neles.

Naquel tempo que che conto, coñecín a dous arteiros moi mañosos que andaban aos paxaros (recordo que a un chamábano o Chevalié e vestía viseira e pano ao pescozo, ao xeito dun bohemio parisino), e fun velos traballar nos arredores do cemiterio de Boisaca, entón un descampado de monte baixo sen polígonos nen máis estradas que a da Coruña.

A súa estrataxema consistía en untar unhas palliñas con visgo (unha das plantas que apañaba Panoramix coa sua fouce de ouro, para elaborar a poción máxica), e deixalas atravesadas nos pousadoiros para que cando as lavercas aterraran se lle pegaran nas plumas impedíndolles voar; logo de agarradas, limpábanas con alcohol e metíanas en caixas para posteriormente vendelas.

Que tristura pensar no porvir que lles agardaba: paxaros nacidos en espazos tan abertos, engaiolados para o resto da súa vida, e como nos debería facer reflexionar neste encerro temporal do que tanto nos queixamos…

Gustaríame mandarche algunha foto delas pero como as que teño non son boas preferín facerche estes debuxos.

Agardando por vernos, saúde e apertas,

Suso

As Lavercas

4 comentarios sobre “As lavercas”

  1. Ola Suso, nas veces que coincidimos sempre me gustou a túa curiosidade por entender e saber. Es capaz de falar e captar sen vaidade a atención de quen te escoita porque unes coñecemento e amenidade. Todo esto sen sequera alzar a voz. Vexo que consegues o mesmo coa escritura. Dun relato curto nacen varias historias tenras e con fío propio. Un pracer lelas.
    Unha aperta.

  2. Ola Alfonso! Compráceme que che gustara; realmente moito do mérito pertence a Fran que dunha cousa pequena, como era o meu agradecemento pola revista, é capaz de darlle outra dimensión cos enlaces. Os debuxos (tendo de modelo unha foto de internet) fíxenos por encher e variar de actividade no enclaustramento. Apertas e deica algún camiño.

  3. Qué fermosura, non sei qué me gusta máis, si o texto ou os debuxos.

    É verdade que as escoitamos por primeira vez este ano na actividade de Samos. Chamoume a atención, porque foi o día 8 de febreiro. Non teño recordo de telas escoitado tan cedo.

    Moitas grazas Suso por este agasallo e grazas a Fran por publicalo!

    Saúdos e saúde

  4. Suso, sabía que eras bastante polifacético, pero o dos debuxos deixoume abraiada!
    Descoñezo se tes conta de Instagram, pero se non, para quen a teña. Sempre que alguén me fala de paxaros recomendo esta conta dun tío meu: @minhorano.
    Preciosa historia!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio