Xeira do MPG: Por terras de Covelo


1.116 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

15735938497_9e47bc674f_z

As socias e socios do Museo do Pobo Galego fixemos unha nova xeira este outono e fomos ata terras de Covelo, na comarca da Paradanta, cun programa ben apretado e suxerente. Covelo atópase no extremo meridional da extensa cadea montañosa coñecida como a Dorsal Galega. Estamos pois nunha área de media montaña, a Serra do Suído, que durante séculos o ser humano “domesticou” e na que tres elementos definen este entorno: o mato, o gando e o lobo. Os toxos e uces están espallados por toda a serra, consecuencia de centos de anos de intervención sobre o propio medio natural para crear pastos. Por outra banda, da necesidade de vixiar as incursións do lobo e de termar do gando construíronse os elementos etnográficos que dan valor cultural a este entorno: os chozos, as curralas-sesteiros e o foxo do lobo.

Despois de sairmos de Compostela o groso do grupo e de xuntarnos xa en Covelo coa xente procedente de Vigo (coa grata sorpresa de atopar a Carlos Feijoo, o antigo xerente da Fundación USC Deportiva, que me transmitiu saúdos para todas e todos), despois de tomar un café e admirar o seu centenario cruceiro, desprazámonos ata Campo, para iniciar a andaina ata o conxunto etnográfico da Portela das Travesas.

A distancia que percorremos para chegar ata el está en torno aos 6 km de ida, con outros tantos de volta, e dunha dificultade media, pois despois de deixarnos o bus ao pé do camiño de Campos de Barcia de Mera, que nos leva directamente ao foxo, iniciamos un ascenso de relativa forte subida. Despois, a pendente aínda é máis forte, pero paga a pena polas fermosas vistas do val que deixamos á dereita e ás nosas costas. Superadas estas dificultades, chegamos a unha zona de semichan, o que nos da marxe para coller novas forzas.

Xa queda pouco, e despois do esforzo realizado agárdanos un conxunto etnográfico moi interesante e que eu nunca vira, o Foxo do lobo da Portela das Travesas, ou a “forca do lobo” como o denominan os veciños de Campo. O foxo é un antigo vestixio dunha trampa para cazar estes animais, e o de Campo ten como particularidade dous funís de entrada ao foxo, correspondendo cada funil de entrada a unha parroquia distinta. Dentro do foxo atópase un chouso para a durmida dos pastores, un curral, e unha mámoa espoliada e moi modificada.

O descenso facémolo rápido, pois imos con retraso e agárdannos para xantar na Reitoral de Fofe, que se ergue sobre as ruinas da orixinal casa do cura, construída no s. XVII, e temos que deixar para outra a visita á ponte de Fofe, o lousado e o paseo ata o río. Logo de ubicarnos en dous comedores, ofrecéronnos un menú composto por unha crema de cabaza, xarrete estufado, e sorbete de limón ou empanada de mazá. Todo delicioso.

Despois dunha pequena sobremesa, desprazámonos en bus ata Paraños (cruceiros, petos de animas, igrexa, hórreos, pombal…), onde demos un pequeno paseo ata o Lagar da Cera, no que entramos xa con luz da lanterna e dos móbiles, onde un membro da Comunidade de montes nos explicou con moito orgullo e humor o proceso de obtención de cera para velas e o branqueo destas. Hai que aplaudir a actividade dos membros desta Comunidade de montes de Paraños, gran dinamizadora desta terra, descobríndonos a importancia deste vello oficio da ceraría que tivo unha importancia considerable neste concello. Ogallá todas as CMVMC fosen así, e moitas grazas por todo, polo traballo ben feito e pola vosa dedicación!

Esta actividade completouse coa visita ao FAVUM, onde nos amosaron os pasos para elaborar a cera e fixeron unha demostración de elaboración de candeas e exvotos. Logo, houbo a presentación do novo nº de ADRA, a revista das socias e socios do Museo do Pobo Galego, ao que vos animo a que vos asociedes dándovos de alta.

A actividade foi un aperitivo, pois aínda hai moito que ver neste concello, e quédanos para repetir visita a finais da primavera con outra flora, máis luz e outra temperatura…



Galería

Xeira do MPG: Por terras de Covelo


3 comments

  1. Responder

    M

    Gracias polas fotos, Fran! Que fermosas!

    E moi agradecid*s tamén a Lolo, Manolo e Alex por amosarnos con tanto cariño algúns dos tesouros desta marabilla de serra.

    Eu tamén confío en que poidamos voltar para o ano a completar a visita, con máis horas de luz e máis de vagar.

    • Responder

      Fran

      Grazas M! Como dicías, temos que tomalo como unha toma de contacto con estas terras tan pouco coñecidas, e se pode ser da man destes heroes moito millor, pois transmiten unha ilusión cando nos amosan estes tesouros que é envexable. E grazas polo que che toca de organizadora! 😉

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*