Visita ao Val Miñor dos socios do MPG


3.646 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

FM131116MPG110

Os socios do Museo do Pobo Galego viaxamos este sábado, 16 de novembro, ata o Val Miñor para coñecer aos amigos do Instituto de Estudos Miñoranos e o seu amplo e interesante labor de difusión cultural e recuperación do patrimonio.

Recibíronnos na Aula de Cultura Ponte de Rosas, onde presentamos o nº 7 de ADRA, a revista dos socios do MPG, e eles nos explicaron o seu labor. Despois, guiados polo arquitecto Antonio Soliño, percorremos algúns espazos de Gondomar (antigo señorío con xurisdición), e vimos a súa transformación histórica.

Por un camiño peonil enlousado fomos cara ao río de Vilaza, pasamos a ponte medieval e chegamos ao pazo do Conde de Gondomar, situado no medio dun magnífico xardín. Alí demoramos un anaco atendendo ás explicacións do noso guía.

Despois fomos ao o xacemento do Castro da Pedra Moura (Borreiros), desde onde se contempla todo o Val Miñor. Aquí, o arqueólogo Xosé Lois Vilar fixo un percorrido pola paisaxe falándonos de lendas, arqueoloxía, microtoponimia, talasonimia e naufraxios.

Como xa era hora de xantar alá fomos á tapería rural Ardora, en Mañufe, mais comemos ben e acompañados sempre por varios membros do IEM.

Despois de comer fomos ata Baiona, onde a arquitecta Rosa Mouriño nos explicou a evolución urbana desta vila e percorremos a parte menos turística da mesma, casco antigo que foi declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio en 1993; o percorrido acabar visitando a monumental ex colexiata de Santa María e a igrexa de Santa Liberata, a santa que segundo a lenda foi nacida dun parto de nove irmás.

E non houbo tempo para máis, quedando para outro día a visita á Volta dos Nove.

Moitas grazas polas atencións prestadas! E moitas grazas tamén á nosa Mon, organizadora da andaina por estas terras!



Galería

Visita ao Val Miñor dos socios do MPG


4 comments

  1. Responder

    Rosa

    Moi boas todas as fotos, pero a da colexiata coa lúa
    O fondo espectacular. Parabens para os miñoranos que saben coidar do seu
    Rosa

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*