Val de Las Tejedas


259 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Preme nas imaxes para velas a tamaño completoFin de semana no Bierzo! Achegarse ata o Bierzo, máis se cabe no outono, sempre é unha moi boa opción para camiñar inmerso na natureza. Nesta ocasión desprazámonos ata o concello de Molinaseca, quizais nunha das mellores épocas do ano para facelo. Coma sempre que imos de fin de semana, levamos contratado o aloxamento, e desta vez fixémolo no hotel El Castillo, en Ponferrada, en réxime de media pensión.

Val de Las Tejedas


Desprazámonos de novo ata o concello de Molinaseca, para percorrer un dos vales menos coñecidos do Bierzo e quizais un dos máis impresionantes polas dimensións do seu bosque de carballos.

O bus deixounos nun alto, nunha explanada que hai á esquerda da estrada unha vez pasado Riego de Ambrós, lugar onde comeza a ruta, o que nos permite ver as dimensións do val que imos percorrer; logo vai baixando cara ao río e segue polo fondo do mesmo ata o final, onde se atopa, no medio da natureza, o pobo abandonado de Las Tejedas. O bosque é unha fermosura, ten moitisima biodiversidade e unhas dimensións enormes.

En xeral o camiño é cómodo, polo que imos dando un tranquilo paseo por unha pista á beira do río que percorre lonxitudinalmente o val, no que o murmurio das súas augas case non se deixa oir pois o seu cauce é verdadeiramente escaso. A seca que estamos a padecer é moi preocupante e, en espazos coma este moito máis, pois a vexetación e a fauna do val é moi abundante.

Temos que cruzar o pequeno río en tres puntos, que non presentan o máis mínimo perigo nin complicación pois, como dixen, baixa case seco. Coido que a cousa cambia noutras épocas do ano, cando aumenta o caudal por mor das chuvias e do desxeo, pois non hai pontes por onde cruzalo.

En Las Tejedas atopamos certa actividade, pois  vemos xente moza que decidiu instalarse nestas ruinosas vivendas, supoño que para fuxir do mundanal ruido. Como lle comentei despois a Pilar, no fixen ningunha foto destas xentes nin dos signos de ocupación da aldea abandonada (casiña, galiñeiro, horta…), por unha cuestión de respecto, ao ser xente que optou polo retiro e por afastarse do mundo.

Dende aquí abandonamos o val ascendendo por outro que sae pola dereita, que deberemos escoller para chegar a Manjarín. Hai que vadear de novo o río e subir por este novo val polo lado esquerdo.

Comezamos o ascenso, con algún treito algo pechado pola vexetación, onde hai un último tramo de algo máis de 2,5 quilómetros de dura subida nos que se salvan 350 metros de desnivel, que nos deixa no lugariño de Manjarín, pobo practicamente abandonado, situado no Camiño Francés que entra no Bierzo dende a Maragatería.

Por certo, atopamos ao final do ascenso cantidade de plásticos estercados polo camiño, que supoño serán dos habitantes deste lugar… Se son xente que quere vivir nun entorno natural, deberían ter máis respeto pola natureza!

En Manjarín camiñamos un pouco pola mesma estrada; aqui ten sona entre os peregrinos o bar/centro de interpretación/tenda Templaria, digamos que son “Hospitaleiros” do Camiño de Santiago, instalada á beira da estrada, coa súa colección de carteis indicando as distancias coas cidades do mundo desde este punto. Por certo, Santiago está a 222 km. Entro con María en busca dun pano que nos encargaron, pero non lle quedan… curioso o lugariño.

As terras de León sempre sorprenden gratamente aos que gustamos do monte e da montaña. Unha delicia de fin de semana.

PS: O relato das dúas rutas feitas no Bierzo está baseado no blog Rutinas Varias, que recomendo aos que gosten da natureza, da montaña, do sendeirismo e da fotografía, onde podedes ver esta andaina Por el valle de las Tejedas, con algunha variante.


Vídeo


Galería

Val de Las Tejedas


1 Comment

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*