Subida ao Capeloso


227 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (6 votos, media: 4.50 de 5)
Loading...

Outra xornada outonal para lembrar! Desta vez fomo de novo ata o Monte Capeloso no que xa estivemos anteriormente. No outono do 2015 acadamos o seu cumio dende Zanfoga (ver a entrada aquí), parroquia do concello de Pedrafita do Cebreiro. Nesta ocasión o ascenso fixémolo dende Las Herrerías, lugariño do concello de Vega de Valcarce, en pleno camiño de Santiago, antes de entrar en Galicia polo Cebreiro.

Esta é a primeira actividade montañeira do grupo de sendeirismo da USC, dentro da programación prevista para este tipo de actividades neste curso.

O percorrido é unha auténtica marabilla pola paisaxe da que goza e o seu interese natural. As dificultades veñen dadas principalmente polo desnivel de subida (forte nalgúns puntos) aínda que os camiños son bos, salvo o último medio quilómetro antes do cumio. Aquí temos que subir por unha zona de pedras e un tramo entre a vexetación, fundamentalmente xestas (non é preciso apoiar as mans, pero si que hai que ter un pouco de equilibrio).

O Capeloso é un cumio modesto de case 1.600 m de altitude, pero o feito de subilo dende Las Herrerías fai que a sensación de cumio sexa maior e probablemente máis satisfactoria. O descenso é máis levadío, principalmente por pistas entre amplas zonas de bosque.

Polo seu desnivel, hai que considerar o ascenso ao Capeloso como unha actividade de montaña. É preciso ter unha boa condición física e estar acostumado a facer rutas de sendeirismo con soltura, así como ter certa capacidade de esforzo. Non é unha actividade apta para xente con pouca experiencia.

Comezamos a camiñar…

Cun día soleado, estrano para a época do ano na que andamos, iniciamos o percorrido desde o pobo de Las Herrerías, en Vega de Valcarce, municipio bendecido polo paso do Camiño de Santiago por varios dos seus pobos. Cruzámolo, despois de acceder a el a través dunha pequena ponte romana sobre o río Valcarce, pero pronto deixamos o Camiño e inciamos directamente o ascenso, á esquerda, sen máis preámbulos.

Fundamentalmente, nesta primeira parte da subida, imos baixo soutos que ainda manteñen moita folla cunhas cores ben fermosas, e moitas castañas espalladas polo chan. Hoxe acompáñannos cinco rapaces e rapazas Erasmus que suben marabillados polo que están vendo… e non paran de apañar nas castañas para levar (non sei como estarán!).

Ao saír deste camiño, xa gañada certa altura, deixamos a floresta e sorpréndome do fermoso que está o val. Non paro de fotografar entre árbores o pobo de San Julián, rodeado por prados e soutos con diferentes tonos de ocre que regalan unhas imaxes ben chulas. A andaina é esixente, e non deixamos de amortizar metros de desnivel (hai que superar os case 1100 ata o cumio do Capeloso), o que non nos impide gozar das amplas vistas que nos permiten divisar O Cebreiro, Pedrafita, a A6 cos seus longos viadutos que salvan grandes desniveis ata Vega de Valcarce.

Máis arriba, facemos unha pequena parada perto dunhas antenas de comunicación, dende onde o Víctor nos amosa os cumios máis salientables, podendo divisar perfectamente o queimado Pena Rubia, e máis ao sur o Mustallar, o primeiro xa cuberto pola palla que tentará evitar a degradación do solo coas escorrentías que poidan vir neste inverno. A este monte temos pensado ir na primavera que ven e igual hai que plantexarse un percorrido alternativo dado o estado no que quedou, despois da vaga de lumes de outubro.

O camiño segue a ser cómodo e agora tocan varios tramos de forte pendente a través de cortalumes, que nos anuncian a proximidade do treito de ascenso final antes do cumio, de medio quilómetro aproximadamente, no que temos que prestar moita atención ao subir pois imos por unha zona de pedreira chea de liquens e xestas. Como me comentou Rocío, que veu unha semana antes, o último quilómetro de subida é o máis esixente, pero tamén é a parte máis entretida!

Xa no cumio, e despois do esforzo, decidimos xantar e darnos un bo descanso tendo unha panorámica espectacular, os fermosos vales, os montes do Courel, a parte sur da serra de Ancares, ata as Ubiñas chegamos ver!

Toca iniciar o descenso, e a partir de agora a andaina faise máis levadeira. Seguimos con vistas amplas ata a aldea lucense de Brañas. Nas primeiras casas hai un cruzamento de camiños e temos que tomar o da dereita; cambiamos de sentido e continuamos pola zona umbría da aba do monte. Seguimos este novo e gratificante camiño en descenso entre arboleda, verde e fentos secos dándolle un fermoso aspecto, e diría que ata relaxante. Estamos a descender pola Ruta do“Muín Verde” (Muíño Verde), que ven de Las Herrerías.

Como nos acontecera cando viñeramos no 2015, a sensación de pasar dun lugar aberto, divisando os vales e montañas, a vernos engulidos polo bosque, ao tempo que nos deleitamos co colorido das faias, abeleiras, carballos e castiñeiros  outonizos, descendemos coma se nos fóramos introducindo nun cadro impresionista de Monet, Van Gogh ou Sisley. Váleme calquera escena de outono pintada por eles!

Unha casa solitaria e uns enormes e centenarios castiñeiros recíbenos á entrada de San Julián. Espectaculares. Os Erasmus volven a apañar nas castañas e desta vez teñen algunha axuda, pero coido que non van arreglar moito co que levan. O descenso ata Las Herrerías é practicamente baixo un contínuo souto polo que pisamos ruidosamente sobre o alfombrado das súas follas.

A pesares do madrugón e das dúas horas longas da viaxe ata aquí, pagou moito a pena esta experiencia montañeira que, coido, hai que facela no outono. Víctor, parabéns pola elección e polo momento que escolleches para percorrela!


Vídeo


Galería

Subida ao Capeloso


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*