Sendeirismo pola Serra do Xistral

Serra do Xistral
Nesta ocasión desprazámonos para disfrutar da Serra do Xistral, macizo montañoso septentrional que separa a Terra Cha do mar. Esta Serra ocupa 22.964 ha e a súa altura máxima son os 1046 m do Cadramón. A paisaxe está case deshabitada, mantendo só pequenas aldeas e nos seus prados crianse cabalos e vacas en estabulación libre. É a zona de Galicia que menos sol recibe e a frecuente néboa que percorre as chairas elevadas da serra deixa moitas precipitacións que empapan as súas extensas turbeiras de pastos.
  • Lonxitude da ruta: 20  Km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-alta (a dificultade ven dada polo terreo irregular nalgún punto. Tamén hai que cruzar/saltar algún rego)

Iniciamos a ruta na parroquia de Montouto, no concello de Abadín, remontando o curso do río Eume (80 km), ata practicamente o seu nacemento, moi preto do cumio do Xistral (1032 m), cunhas augas transparentes, e permanentemente flanqueado por un inmenso camposanto eólico de cruceiros de aspas brancas.

Alguén ten definido ao Eume como unha obra de ourivería: dourado no nacemento, prateado no curso medio e esmeralda dende Caaveiro. Isto é consecuencia natural dos elementos xeolóxicos que forman o seu cauce e, neste treito inicial herda a composición areosa da súa orixe granítica e brilla á luz, coma o mesmo ouro. Máis abaixo, en canto a lousa se apropia do chan e o subsolo, o suave prateado emite uns brillos metálicos de matiz verdoso e, no tramo final, os sedimentos, o limo e o reflexo da intensa fotosíntese confírelles unha cor verde case esmeralda ás súas augas.

Conta unha antiga lenda que cando Deus creou os tres ríos irmáns que nacen no Xistral, Eume, Landro e Masma, prometeulles todos os anos a vida dun home ao que primeiro chegase ao mar. Acordaron descansar no camiño, pacto que só o río Eume cumpriu. Traizoado polos outros dous que o deixaron durmindo, espertou alporizado e cruzou vales e montañas para chegar ao mar o primeiro, labrando un cauce salvaxe e agreste, un cauce de augas bravas e canóns esculpidos na pedra.

A Serra do Xistral ten a consideración de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) pertencente á Rede Natura 2000 e está declarada Espazo Natural Protexido polos seus altos valores naturais. Entre estes importantes valores son destacables as turbeiras de cobertor, que pudemos observar con explicacións da man de Carmen: As turbeiras son ecosistemas húmidos caracterizados pola gran cantidade de materia orgánica, principalmente de orixe vexetal, que non se descompón e acumúlase formando un sedimento, a turba (carbón) que pode acadar varios metros de espesor, a un ritmo de crecemento que se calcula de entre 0,5 e 10 cm cada cen anos. As turbeiras presentan gran interés nos últimos anos debido aos seus valores biolóxicos, ecolóxicos e paisaxísticos, son bos indicadores da saúde do medio natural.

As turbeiras de cobertor están restrinxidas a territorios montañosos suboreais fríos de elevada pluviosidade, sobre sustratos xeolóxicos acedos (granitos, cuarcitas, areniscas, etc.). Deste xeito, no occidente europeo só se atopan turbeiras de cobertor no oeste de Irlanda, noroeste de Escocia, Gales, oeste de Noruega, sur de Suecia e nas serras septentrionais de Galicia, de ahí, a súa importancia. Na Serra do Xistral, as turbeiras de cobertor activas aséntanse sobre sustratos acedos por riba dos 800-900 m de altitude. No seu conxunto, cubren unha ampla superficie, máis de 2000 ha, delimitada polos cumios Lebureiro, Parafonso, Montareña, Cumio do Cabaleiro, Chan do Lamoso, Velilla Medrosa e Pena Corva, constituíndo o maior sistema de turbeiras de cobertor da Península e un dos maiores de toda Europa. Estas turbeiras permiten a supervivencia de flora e fauna peculiares, como orquídeas, plantas insectívoras e pequenos invertebrados adaptados ás súas particulares condicións.

Unha recente investigación do grupo EPEC-ES2 da USC reconstrúe a través destas turbeiras a historia da contaminación atmosférica por metais traza no noroeste ibérico dende comezos do XIX, indicando que as turbeiras de montaña do Xistral son sensores ideais da contaminación atmosférica xa que a deposición de metais e outras prodúcese directamente dende a atmosfera sen interacción ningunha con superficies de solos ou augas.

Este territorio vasto e ermo, está dedicado á cría extensiva de gando. As vacas son de razas distintas ás leiteiras, algunhas cuns poderosos cornos que, ao atravesar unha manda grande, impresiona sentir as miradas de todas observándote en fite. Menos mal que ninguha se puxo brava! Outro animal con presenza nesta “tundra” é o cabalo, que pasta e trota en semiliberdade.

Dende aquí, as vistas son excelentes e, ao disfrutar dun día marabilloso, ata pudemos albiscar o Cantábrico. O descenso dende aquí, fixémolo polo val do río Pedrido, xa un pouco apurados ao levarmos un pequeno retraso, o que non impediu observar as suaves, pero impoñentes curvas herbáceas, polo seu tamaño inabarcable.

Foi das mellores rutas que levo feito, pero teño que dicir que foi moi “exigida”, como diría o bruxo de Arteixo. O día foi máxico e decidimos rematalo coma case sempre, cunha cumprida cervexa en Abadín e unhas pequenas compras de queixo de San Simón e chourizos da zona.

 


Ver Serra do Xistral nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

9 comentarios sobre “Sendeirismo pola Serra do Xistral”

  1. Magnífica entrada Fran, como sempre.

    Agrádame que vos gustase a ruta. Certamente foi unha ruta moi montañeira, polo terreo por onde nos movimos.

    O Xistral, sen dúbida algunha, “ten o seu aquel”, como diría o outro.
    E temos ahí un tesouro que temos que aprender a valorar: as turbeiras.
    E o tempo acompañou ¡¡ Que sorte.¡¡

    O único negativo, por dicir algo: os viraventos. Que por certo, eses parques se instalaron cunha nula sensibilidade ambiental.

    Un saúdo, e vémonos pronto ¡¡ (espero)

  2. Preciosas as fotos do blog, Fran… a verdade é que ao ver as fotos vólvese a disfrutar de novo a camiñata. Foi unha das mellores… eses montes cubertos de turba, e a tan só uns quilómetros unha paisaxe de prados e vacas. É difícil de entender cómo en 5 km a nosa Galicia cambia tanto. Pero é gran parte da nosa riqueza paisaxística. Como me dixo unha vez unha amiga Canadiana… “aquí tedes de todo!”.
    Apertas

  3. toni ibañez

    Hola Fran; entre la descripción, las fotos y el que tu digas que es una de las mejores que has hecho, sin ninguna duda nos queda apuntada para disfrutarla como habeis hecho vosotros. Muy buena entrada si señor.
    Un abrazo de caminandoporgalicia. Nos vemos en el camino

  4. Disfruto “casi” como si hubiese ido, pero más descansada, gracias la las descripciones y a la fotos ¡Enhorabuena Fran!

  5. Fran,
    como ben di Victor foi unha das rutas máis montañeiras que temos feito nos últimos tempos. A min gustoume especialmente e coas túas fotos, que reflicten perfectamente a paisaxe singular do Xistral, e máis a descripción gústame aínda máis.
    Temos que animar a Victor a que deseñe máis rutas como esta.
    Saúdos,

    1. Coincido Xerardo! Non está mal de cando en vez ter estas amplitudes de paisaxe, e supoño que en León haberá unha boa ración montañeira.
      Grazas!

      1. Fran,
        como xa che comentei, teño a sensación de facer a ruta por segunda vez cando miro as túas fotos, e vexo que non son a única. Non deixes de sorprendernos e de seguir deleitándonos con elas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio