Serra de Queixa

Serra de Queixa

Estamos en Chandrexa de Queixa para facer un percorrido por unha das serras máis senlleiras do Macizo Central Ourensán: a serra de Queixa. A ruta é de ida e volta polo mesmo camiño, e dada a súa lonxitude, o desnivel e as características do terreo podémola considerar unha ruta de montaña.

  • Lonxitude: 22 km aproximadamente
  • Desnivel: medio-alto
  • Dificultade: media-alta

Comezamos a camiñar…

Logo de case tres horas de viaxe, cunha pequena parada en Montederramo para tomar un café, comezamos a andaina na parroquia de Chandrexa (Celeiros), xa en pronunciada subida, o que nos permite ter desde os primeiros pasos unhas fermosas vistas sobre o encoro de Chandrexa, aproveitando as augas do río Navia, con A Espasa, aldea de nome enciclopédico que focaliza a nosa atención.

Serra de Queixa

As augas do encoro van estar presentes na nosa retina durante gran parte da xornada e camiñamos por corredoiras típicas, con algún que outro tramo que temos que vadear pola abundancia de auga que hai polos camiños, ata Forcadas, un lugariño situado nun fermoso val.

O paso por Forcadas dános unha sorpresa das boas. Unha árbore! María achégase ata un balado para comprobar se se trata do pau de san Gregorioou gregoriño, e acerta. Coméntame que estamos a contemplar unha árbore escasa e ameazada en Galicia, que se amosa moi vistosa durante a floración. Hoxe en día a distribución redúcese ás zonas altas das provincias de Lugo e Ourense e dime María que hai algunhas arboriñas pola zona de Santiago. Dende hai moito tempo era cultivada no país como planta ornamental, xa que cando está en flor é unha árbore marabillosa, e dou fe, que fermosura!

Serra de Queixa

Aquí en Forcadas comeza a subida propiamente dita ao alto da serra. Imos gañando altura por un camiño de carro que aínda se conserva en relativo bo estado, onde as pedras nos falan do transitado que estivo polas profundas rodadas gravadas. Xa tiña que haber maestría para baixar cunha xugada con este desnivel!

Logo, o camiño desaparece e adentrámonos pouco a pouco nunha zona de matogueira. Estamos no tramo intermedio da subida, e adiviñamos a ruta camiñando por un sendeiriño feito polo gando, en forte pendente e, a medida que imos chegando ao alto, o camiño mellora substancialmente.

Logo de 5 quilómetros de subida chegamos á Mallada do Frade, a 1700 m de altitude, facendo un último esforzo ao acometer un empinado cortalumes entre a néboa (chegamos a ter un pouco de auganeve); unha vez arriba e botando a vista atrás, vemos como a néboa se vai disipando e comezamos a apreciar a inmensidade desta paisaxe.

Serra de Queixa

Non lembro o tempo que estivemos alí parados mentres agardamos polo resto para reagruparnos, pero estabamos completamente ensimismados ante o artístico lenzo de verdes e azuis que compoñía a natureza, fronte a unha paisaxe dunha gran beleza.

 Aos nosos pés, a aldea de Forcadas pola que acababamos de pasar non hai moito, de fronte o encoro de Chandrexa que polas chuvias deste inverno e polo desxeo, está nun nivel moi alto de capacidade, e á esquerda Requeixo, coas casas de tellados de lousa e moi pegadas unhas das outras, e protexido por altos montes.

Un feito pouco coñecido ata hai poucos anos foi o desterro que padeceu o galeguista Valentín Paz Andrade en Requeixo. Co levantamento militar de 1936, Paz Andrade foi desterrado a Verín, pero seica en Verín vivía moi ben, e que aquilo non era desterro, polo que decidiron envialo a Requeixo, como castigo máis duro, onde viviu nunha vella casa labrega do lugar, ata que o autorizaron a residir na Pobra de Trives, onde quedou ata que lle levantaron a pena do desterro.

Dende a Mallada do Frade, xa por pista, achegámonos un pouco máis ao sur ata o Alto das Malladas (1748 m), para poder ver as impresionantes vistas sobre a serra. Xantamos ao abrigo dunhas rochas que nos protexen do vento frío do norte, apreciando unha serra coas lombas suavizadas pola erosión e divisando na fronte as torretas da estación de Cabeza de Manzaneda ao nacente.

O momento de descanso non se alonga moito pois un frío impresionante sorpréndenos e iniciamos o regreso de contado, mortos de frío (a sensación térmica debe estar por baixo dos 0º), e con medo a que o tempo nos xogue unha mala pasada.

Serra de Queixa

O regreso é polo mesmo camiño. Unha baixada rápida, polo media dunha vexetación de xestas, uces, carqueixas… que podemos apreciar moito mellor que na subida ao estar racticamente cuberta pola néboa.

Facemos unha pequena parada na fonte das Forcadas para refrescarnos… e para que o boi que anda ceibo pola aldea o conduzan os gandeiros cara o prado coas vacas, provistas de tintilieiros chocallos. Menudo exemplar!

Logo de superar o pequeno val onde está asentado As Forcadas, só resta chegar a Celeiro practicamente dando un paseo e facer unha paradiña na de Gerardo para tomar unha cervexa e relembrar o ben que nos atendera na nosa estadía aló polo 2011. Que gañas tiña de volver por estas terras, pagan moito a pena!

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Serra de Queixa”

  1. E o pobre do boi quedou sen foto!!!! pois eu quería velo, a primeira vez que vin un exemplar destes casi me mareo pola impresión!!!. Polo demáis tan boas descricións coma sempre, agora mesmo estou agotada da subida e xelada!!!

    1. Pois vas ter que agarrarte, porque as próximas andainas van ser de subidas, e das boas!… E o pobre do boi andaba un pouco alterado e non estaba para fotos 😉

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio