Sendeiro de Pelamios. PR-G 194


1.747 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Datos técnicos da ruta

A ruta non ten maiores dificultades salvo un pequeno tramo do río, onde o sendeiro é moi estreito e esvaradío, polo que compre ir con coidado. Ten un alto interese paisaxístico natural e cultural, mostra disto último é a Colexiata de Santa María a Real, declarada monumento histórico artístico en 1931.

Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

Coma sempre, antes de comezar a camiñar tivemos un momento para o café  no mesmo Xunqueira (estupendo o que nos puxeron no Guede, con trozo de bica por un euro), e nos enterabamos da desagradable nova do incendio de Casa Tomás na pasada madrugada, un albergue de peregrinos de recente apertura que foi pasto do lume seica motivado por unha estufa de pellets, mentres viamos os labores de desentullo. Hai en todos os establecementos da vila carteis de apoio económico para a súa reconstrución, pois os donos residían no mesmo negocio, e quedáronse na rúa co posto. Unha mágoa que xente que aposta polo rural para vivir teña este revés!

O pequeno albergue está fronte á colexiata de Santa María a Real, pois a vila é paso obrigado para os peregrinos que veñen pola Ruta da Prata; tivemos a sorte de poder visitar a colexiata da man de Bea, que nola ensinou e explicou marabillosamente. Queremos animar dende aquí ás autoridades locais a que ensinen esta xoia cun horario de visitas estable, pois é un conxunto do que temos que presumir e hai que dalo a coñecer máis.

Colexiata de Santa María a Real

Unha antiga tradición afirma que no século IV apareceu unha imaxe da Virxe entre xuncos nunha pequena lagoa denominada Juncaria ou Guncaria, erixíndose na súa honra unha pequena ermida, que será a orixe da igrexa colexiata que, trala desamortización de 1835, pasa a ser unha parroquia máis da diócese de Ourense.

Iniciamos a visita polo claustro, construído a primeiros do s. XVI, Gótico-Renacentista, de amplas e fermosas proporcións, dun só corpo, con forma cadrada e teito de madeira, con arcos de medio punto cos tímpanos calados, apoiados en machóns cubertos de nervaduras. Nos muros interiores ten elementos do primitivo claustro románico. No interior do claustro, atópanse uns sarcófagos románicos dos fundadores do primitivo mosteiro, Aldara e Gonzalo Froila. Tamén foi empregado como cemiterio na segunda metade do S. XIX e comezo do XX, conservando aínda algunha lápida ao longo das súas paredes.

Despois de percorrelo, e antes de acceder á igrexa, Bea indicounos que este espazo era o lugar idóneo para facernos unha foto de grupo, que moi amablemente nos fixo, e ata tiña estudado o punto mellor para situarnos!

A entrada na igrexa sobrecolle e déixate pampo. De estilo románico, consta de tres naves sen cruceiro, e tres ábsidas con falso triforio. A robusta torre, románica no seu arranque, foi restaurada posteriormente e elevada na súa parte superior nun elegante estilo barroco.

Iamos véndoo todo con interese crecente, en especial o retablo renacentista que se trasladou da cabeceira e puxeron nun lateral, presidido por unha imaxe da Virxe do Carme e por riba dela Santo Agostiño, copatrón da ex-colexiata. Neste retablo hai outras imaxes de gran valor artístico como, un  San Martiño de Tours, ou a Santa Mª Magdalena atribuída a Cornelis de Holanda e, o que non viamos, Bea estaba atenta para amosárnolo.

O retablo maior é unha “obra interesantísima da arte renacentista con influenzas flamencas” das primeiras décadas do S. XVI. Son tres os mestres autores: Mestre Xoán, entallador; Gaspar Salgado, imaxineiro; Pedro Bello, pintor…” O retablo de Xunqueira, é peza de interese e importancia, tanto obxectivamente canto coma obra significativa, e a súa influencia haberá que estudar en relación coa introdución das formas renacentes, por vía  flamenca, na arte de Ourense e na arte de Galicia”
(Miguel Ángel González: El Retablo Mayor de la Colegiata de Xunqueira de Ambía).

Pola súa singularidade destaca o órgano da colexiata, considerado como un dos mellores de Europa no seu tipo. É o terceiro coñecido na súa historia, e foi colocado polo seu constructor Manuel González Maldonado, de Santiago de Compostela. Por este motivo na vila celébranse todos os veráns concertos de órgano e música antiga.

A sancristía, que se abre á dereita da cabeceira, é obra do século XVI. A capela hoxe adicada á virxe da Merced, tamén do s. XVI, cúbrese con bóveda de crucería.

Admiramos tamén, preto da entrada á sancristía, baixo un arco conopial, un pequeno retablo cun grupo de imaxes formado por Santa Ana, San Xoán Bautista e San Xoaquín, conxunto do S. XVI. Neste mesmo muro, sobre unha peaña, atópase unha fermosa talla barroca da Virxe do Rosario. Ou a  tumba funeraria do Cabaleiro Álvaro Sotelo, (1508), colocada baixo un arco de pedra, sobre o que está o Órgano. Sepulcro pétreo en forma de arca e cunha figura de cabaleiro xacente.

Seguiríamos admirando esta xoia, pero hai que marchar pois aínda nos queda por percorrer o sendeiro de Pelamios. Coido que esta igrexa vouna lembrar como unha das más bonitas que visitei en Galicia, pois foi todo un exercicio en historia da arquitectura, ese desexo de altura dun románico que non o acadaba, conséguese aquí con esa transición ao gótico… unha marabilla.
Colexiata de Santa María - 28/01/2017

Comezamos a camiñar…

O sendeiro de Pelamios forma parte da lista de sendeiros homologados de Galicia. A ruta, case circular, comeza e remata mesmo en Xunqueira de Ambía. É un percorrido con paisaxes fermosas, por corredoiras, entre zonas boscosas e de pastos, pasando por pequenos lugares e aldeas cun protagonista principal: o río Arnoia.

A ruta comeza mesmo en Xunqueira de Ambía e por camiños e corredoiras irémonos achegando ao río Arnoia. O sendeiro discorre practicamente por este concello, anque se adentra un pouco nas terras do concello de Allariz, o que nos permite percorrer un dos puntos fortes desta ruta, o Ecoespazo do Rexo, unha icona cultural e de ocio cunha mensaxe clara: o desenvolvemento do individuo e o goce do medio natural son compatibles. Así o demostra o feito de que se integren no mesmo contorno unha intervención artística (a obra resultante da intervención pictórica e escultórica do artista Agustín Ibarrola sobre este espazo natural reutilizado), unha minihidraúlica, unha explotación piloto de ovino de leite, e unha queixaría que pode ser visitada, que produce queixo curado tipo Idiazábal de ovella lacha.

Percorremos este espazo coa intervención de Ibarrola entre as ovellas e cruzamos á outra beira do río por un pontillón sobre un río Arnoia que baixa espectacular con augas limpas e mansas, o que nos permite fotografar fermosos reflexos.

Agora toca subir. Continuamos o camiño ata Vilariño do Río, pasamos por Vilanova e A Pousa, o punto máis alto da ruta, onde se atopa a capela da Virxe do Camiño, en clara referencia á Vía da Prata que pasa por este lugar.

Continuamos cara a San Xillao, onde paramos a xantar no medio dunhas curiosas formacións graníticas e onde poidemos ver a súa pequena capela. A baixada ata encontrarnos de novo co río Arnoia, entre estas formacións rochosas sinxelamente é unha gozada.

As terras de Xunqueira de Ambía están bañadas polo río Arnoia, río que percorre un total de 84,5 km dende o seu nacemento na Serra de San Mamede ata a súa desembocadura no Miño, e no seu paso por este concello crea un entorno de gran beleza e interese ecolóxico, tal como comprobamos ao acompañalo no seu lento descenso. Imos apreciando a vexetación autóctona de ribeira, onde os ameneiros levan a palma, dispostos nas dúas beiras fan que vexamos un río practicamente abovedado. É das imaxes que quedan gravadas na retina!

Pero tamén está presente a pegada do ser humano nos muíños que noutro tempo traballaban sen descanso movidos por estas augas, ou nas antigas pontellas de granito que cruzan o río, ou na fonte que hai antes de chegar á ponte da estrada que leva a Xunqueira, na que atopamos a un paisano enchendo un par de garrafas, que nos comenta que é moi boa. A conversa foi máis ou menos así:

– E logo, esta auga da fonte é boa?
– Home… Mala non é… eu veño aquí desde hai moitos anos e mal non me fixo! Resulta que un día que tiña moito traballo, e xa descargara un camión, cando me deu un cólico á barriga, e aínda me quedaba outra viaxe por facer, polo que lle díxen ao jefe que marchaba para casa, que non aguantaba a dor de barriga e estaba canso… Entón pediume que non o deixara colgado, aínda que fora pola mañá cedo… E díxome que si eu facía o que el me mandaba, pasábanme os cólicos… Só se seguia o que el me dixera… Así que vas ir á fonte e bebe desa auga que mañá vas estar bon… E fíxeno e xa de mañá cedo atopeime ben, carguei o camión e fixen a viaxe…
– Pero está metida nun galpón… Entón é privada? Ten algún nome a fonte?
– Chámase fonte! E quixeron facela privada e pechárona pero un alcalde que tivemos non estaba de acordo e tirou con todo e agora está aberta. E dende aquela sempre veño aquí a coller a auga, e moitos máis…

É o que ten ir con Jaime, que vai prendendo nas silvas moi facilmente. Deixamos ao home enchendo nas garrafas e acomentemos o treito final polo río, onde o sendeiro é moi estreito e esvaradío, polo que compre ir con coidado. Só nos queda ascender, sempre por camiños e fermosas corredoiras, e volver a Xunqueira de Ambía onde aínda poderei admirar por fóra a colexiata… pero teño claro que hei repetir a visita e volver facer a ruta nunha primavera, ou no outono, cando as árbores xa teñan a folla!

Hoxe houbo xente nova na ruta e pro primeira vez acompañounos o meu querido amigo Alfonso, e agardo non sexa a última, pois coido que gozou tanto ou máis ca min! Benvido!



Galería

Sendeiro de Pelamios. PR-G 194


1 Comment

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*